"Galicia é un lugar incrible e debe ser unha inspiración para o resto do mundo pola vosa forma de vida"

Carolyn Steel en Casa RIA, coa nova horta de fondo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Carolyn Steel segue a desenvolver as súas teorías de vida situando a comida no centro de todo, visitou de novo Galicia esta semana da man de David Chipperfield e Casa RIA

A arquitecta británica Carolyn Steel, que segue a desenvolver as súas teorías de vida situando a comida no centro de todo, visitou de novo Galicia esta semana da man da fundación do tamén arquitecto británico David Chipperfield e a sede que estreou hai uns meses en Santiago de Compostela, Casa RIA. Praza volve entrevistar a esta recoñecida autora, que a través dos seus libros Hungry City e Sitopia, achega ao gran público as posibilidades da sustentabilidade urbana, un campo desde onde explora a relación entre a alimentación e as cidades e vilas nas que vivimos.

Steel participou no ciclo Encontros de mercado de Casa RIA, un programa de encontros internacionais para potenciar o valor das prazas de abastos na cultura gastronómica. Pasou unha mañá percorrendo os postos da praza compostelá xunto a Iago Pazos, o cociñeiro responsable da cantina de Casa RIA, e viviu unha experiencia cen por cen compostelá ao atopar alí a persoas que xa coñeceu na súa visita anterior a Santiago, algo que a deixou gratamente sorprendida e que demostra, segundo ela mesma destaca, como as prazas de abastos son espazos de sociabilidade que debemos coidar. Falamos con ela sobre se diminuíu o seu optimismo por unha maior conciencia da alimentación tras a pandemia e da situación xeopolítica actual, que marcará o futuro de Europa.

Carolyn Steel na Praza de Abastos de Santiago co cociñeiro responsable da cantina de Casa RIA, Iago Pazos © Adrián Capelo/Fundación RIA

Cando falamos hai tres anos había unha corrente de optimismo na liña do que vostede promulga sobre a sostibilidade e a visión do mundo desde o que comemos e como o comemos. Tiñamos moi presente a experiencia da COVID-19, pero na actualidade parece que a sociedade quedou estancada e recuperamos o camiño da produción capitalista como se a pandemia non pasase por nós.

Cando miras a vida a través dos camiños da comida, que é o que eu fago, tes que mirar a longo prazo. A Historia é unha serie de ondas que van e veñen e, a miúdo, queremos que as cousas cambien por completo xa mañá, pero iso non é realista. Con todo, creo que a conciencia da xente sobre a importancia dos alimentos está medrando. Claro que o ‘gran sistema’ ten que mudar, pero tristemente non ía converterse no que queremos nestes tres anos desde que falamos en Santiago a última vez; porén, iso non me evita pensar que as cousas están cambiando na boa dirección porque tamén creo que é moi humano non mudar os teus hábitos ata que comprobas que esa outra forma é mellor, unha vez que iso sucede, as cousas poden cambiar moi rápido. Durante a pandemia eramos certamente optimistas porque as cousas cambiaron realmente rápido, todo o mundo estaba mercando produtos locais e amasando o seu propio pan e de pronto a pandemia rematou e volvemos ao de antes, pero non de todo. Unha cousa que é distinta no Reino Unido é que a xente está traballando desde a casa moito máis e ten máis tempo, o que implica que pode pasar máis tempo de calidade coa familia, e a comida é unha parte moi importante disto.

"Se cadra o que precisamos é reaxustar a idea do que é unha boa vida"

De todas maneiras, eu pregúntome: que sentido ten ser pesimista? Na miña natureza está facerme preguntas e a gran pregunta que sempre fago é: como poden ir mellor as cousas? Non tanto porque as cousas teñan que ser mellores, senón no sentido de cal é esa boa vida á que aspirar. Creo que non nos estamos preguntando o suficiente como tería que ser unha boa vida no século XXI, e xa levamos un cuarto de século. O soño do capitalismo de que todo ten que medrar, os soldos só aumentan e os prezos de todo tamén está acabado, pero iso non significa que non poidamos vivir ben. Na nosa parte do mundo sabemos que temos as condicións materiais para vivir ben, de feito, eu creo que estamos vivindo unha das mellores vidas da historia dos seres humanos. Aínda que en moitos casos non teñamos cartos abondo, non nos falta comida nin acubillo e temos sanidade. Se cadra o que precisamos é reaxustar a idea do que é unha boa vida.

As leccións da COVID aínda son válidas. Creo que todas as cousas que precisamos para prosperar como humanos son básicas: necesitamos boa saúde, un sitio no que vivir, comunidades de apoio, altos niveis de habilidades individuais –que o capitalismo trata de destruír porque creo que deshabilita a xente–, precisamos envellecer –o que implica sistemas políticos capaces de soster a comunidade– e precisamos tempo –unha das frases máis destrutivas que se teñen dito na Historia é “o tempo é diñeiro”, de Benjamin Franklin, porque non é certo, o tempo é vida–. Non podemos mirar cara a outro lado coa comida porque precisamos comer para subsistir, pero deberamos ver a unión que hai en todo isto. Máis aínda agora coa ameza da Intelixencia Artificial, enfrontamos unha cuestión case existencial porque se todos os beneficios da IA van ir parar aos petos dos donos que teñen en propiedade os sistemas e os están a desenvolver... pois basicamente podemos dicir que a sociedade estaría acabada. Os gobernos teñen que actuar e o farán cando finalmente vexan a evidente ameaza. Como dixo Winston Churchill, nunca desperdicies unha crise.

Os libros de Carolyn Steel en Casa RIA CC-BY-SA Praza.gal

Ben, si, pero para iso temos que estar 'ao mando' como sociedade.

Pois si. O que está pasando nos Estados Unidos é alucinante, case non durmo polas noites porque estou escoitando todos os podcasts políticos para tratar de comprender o que está pasando. O que fai Trump é absolutamente tolo e destrutivo, e francamente, malvado –que é un adxectivo que reservo para xente como Putin tamén–. Parece que Europa estivese actuando como unha somnámbula nos últimos tempos e agora ten que espertar de pronto porque a boa vida da que nos dotamos está en serio perigo. A liberdade e a democracia non chegaron gratuitamente e, se cadra, démolas por feito. Quero pensar que disto pode saír algo bo e que as cousas que nos dan maior satisfacción na vida e que nos fan sentir felices e vivos, teñen aínda máis valor cando nos enfrontamos a un momento de necesidade. Por iso a comida ten tanto poder, porque non é só unha cuestión pracenteira: é unha cuestión de vida ou morte. É momento de estar unidos en Europa, aínda que non podemos obviar o Brexit...

Polo menos xa tivemos unha mostra de unidade na reunión informal deste luns en París, na que participou o Primeiro Ministro británico, e o presidente español, entre outros, para abordar a difícil situación xeopolítica.

Claro, porque cando as cousas se poñen “reais” e a ameaza asoma de novo, nós seguimos estando no medio. Non nos preguntamos se estamos ou non en Europa, por suposto que estamos en Europa.

Se cadra demos demasiado por feito que isto non podería suceder de novo. Na serie británica All Creatures Great and Small, baseada no libro de Alf Wight, asistimos ao momento no que comeza a II Guerra Mundial mentres a poboación non asimila que regrese o medo e a incerteza da primeira Gran Guerra.

Unha das grandes leccións da Historia é que nunca aprendemos realmente as leccións da Historia. Somos humanos, todos comezamos unha dieta e ao terceiro día comemos un pedazo de biscoito. Errar é humano, ter boas intencións é humano. Só temos que intentalo de novo, a Historia son ondas e resulta un deber ser optimista. Todo pode cambiar dun momento para o outro, pois todo ao que nos enfrontamos agora é obra dos humanos. Con conversas como esta que estamos mantendo tamén podemos axudar ao cambio. Estou moi interesada polo que vai pasar en Europa porque agora temos que unirnos, isto debera darnos un motivo definitivo para gobernarnos a nós mesmos.

Carolyn Steel en Casa RIA con David Chipperfield e Iago Pazos © Adrián Capelo/Fundación RIA

"A nosa intelixencia provén tamén das nosas mans. Saquemos ás crianzas de diante das pantallas e fagamos actividades en grupo ao aire libre, na natureza"

Como podemos comprender que o progreso pode estar en facer as cousas de novo, dalgunha maneira, como os nosos avós e avoas?

Digamos que hai unha batalla en marcha entre a felicidade de cultivar as túas propias verduras e a emoción de ter un iPhone, por poñelo dalgunha maneira. Sabemos que os donos das empresas tecnolóxicas, de videoxogos, das redes sociais... son expertos en destruírnos e en atrapar a nosa atención. Debemos desenvolver novas maneiras de estar no ‘mundo real’ máis atractivas. A educación é a maneira obvia de facelo e hai países como Finlandia que están ensinando a crianzas a partir dos seis anos a identificar as fake news. Temos que quitarlle os teléfonos móbiles aos nenos e nenas e darlles outras cousas a cambio, por exemplo, acceso a esas habilidades persoais das que falaba antes. Que aprendan a cociñar, a coser a súa propia roupa, a restaurar mobles, a cultivar alimentos nunha horta. A nosa intelixencia provén tamén das nosas mans. Saquemos ás crianzas de diante das pantallas e fagamos actividades en grupo ao aire libre, na natureza. Parece un clixé, pero isto é o que necesitamos porque cando medramos cunha conduta a normalizamos para sempre. Nos últimos cen anos perdemos a habilidade de facer as cousas por nós mesmos, o do pan na pandemia é un bo exemplo diso: parecíanos máxico facer o noso propio bolo de pan na casa.

"Hai que protexer as prazas de abastos porque son os que precisamos como sociedade, en Galicia sodes moi afortunadas por manter estas estruturas con tanta historia centradas na comida"

Como foi a visita á Praza de Abastos de Santiago para mercar a materia prima da cea que preparou co cociñeiro da cantina de Casa RIA, Iago Pazos?

Fantástica. Encántame todo o traballo que están facendo desde Casa RIA e creo que é porque David Chipperfield entende de verdade a importancia da comida, pero non só a comida en xeral, os alimentos que cultivan produtores locais dunha comunidade en moitos casos desde décadas atrás. Ter mercados onde poder acceder a todos estes produtos frescos nun mercados como este é un privilexio. Pasei medio día pola praza con Iago e foi moi estimulante, el coñecía aos produtores e eles a el, había un diálogo entre eles que é fundamental para poder preparar un menú diario en base ao que merca alí. Así é como deberan ser as cousas. Logo cociñamos xuntos un menú entre Galicia e o Reino Unido, cunha carne de tenreira galega fantástica e un pudin de Yorkshire. Foi marabilloso colaborar así, ademais, estando na praza eu tamén atopei xente que coñecera hai tres anos cando estiven en Santiago por primeira vez. Isto non me pasa en Londres! Pero é porque a praza aquí aínda é un punto de encontro social. Hai que protexer estes espazos porque son os que precisamos como sociedade, en Galicia sodes moi afortunadas por manter estas estruturas con tanta historia centradas na comida. Este é o modelo que temos que exportar para as sociedades do futuro, e Galicia é un lugar incrible e debe ser unha inspiración para o resto do mundo, non só pola vosa tradición cos alimentos, senón pola forma de vida que tedes aquí.

Debemos valoralo máis.

De verdade que si. Sei que o valorades, pero debedes entender que isto é o que precisamos no futuro, ao que aspiramos os demais. Precisamos ter un sistema que nos permita alimentarnos a un nivel que vós xa tedes aquí, non só é importante protexelo, tamén tedes que exportalo para que máis xente vexa como funciona.

Carolyn Steel na Praza de Abastos de Santiago este martes © Adrián Capelo/Fundación RIA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.