"O novo parece que dá vertixe, pero a vertixe é fundamental para que a sociedade evolucione"

Paula Quintas en 'Multiperspectivas' © Manuel Vicente

O estudo do movemento corporal a través do encontro entre a danza e o circo. O circo contemporáneo desde o punto de vista da danza. O funambulismo desde unha perspectiva actual. Hai unha serie de fíos que unen o traballo da bailarina, equilibrista, coreógrafa e pedagoga da danza Paula Quintas. Nexos que percorren as súas pezas, desde Alma (non é hippie) a Analepsis, desde Plastic a SET ou desde Multiperspectivas a Diálogos do intento. Hai pouco levou Plastic ao encontro 6Coreógrafas, na Estrada, e Multiperspectivas a Escenas do Cambio. Un dos traballos que comparte coa tamén bailarina Marta Alonso, a peza para público familiar Nina Ninette, puido verse ademais no Galicia Escena Pro. Aproveitamos para entrevistala.

A dirección de Nina Ninette foi unha proposta que lle fixestes a María Torres?

Foi unha encarga nosa, si. Tiñamos a idea para a parte estética: algo moi virado ao ballet triádico da Bauhaus, de investigación do movemento desde os corpos escultóricos. Coñeciamos o traballo de Elefante Elegante e ademais Marta Alonso xa traballara antes con María. Queriamos facer un traballo en clave infantil familiar seguindo o concepto de obra total da Bauhaus. Despois, o texto, que escribiu María, é un conto iniciático. Nina é unha nena valente, todoterreo, xa desde o vestiario: leva unha casaca que é ao mesmo tempo un pantalón…

De que xeito quixestes levar a escena o ballet triádico?

O ballet triádico foi creado por Oskar Schlemmer, que o levou a escena no 1921-1922, polo que se cumpre agora o centenario. Traballaba o concepto de obra total desde a xeometría corporal. A Bauhaus xeraba todo o que se precisaba para unha peza: música, mobles, un cadro… Foi unha obra considerada renovadora no seu tempo, símbolo da reforma da danza e da escenografía teatral: síntese do pasado e do presente. E nós quixemos recuperar ese legado do pasado.

Chamábase ballet triádico porque se dividía en tres partes, cada unha asociada a unha cor: amarelo, rosa e negro. Fusionaba, ademais, a danza, o vestiario e a música. A nosa peza segue esa esencia estética: Álex Salgueiro fixo a música orixinal. Nós temos tres personaxes: a raíña, que se corresponde coa parte negra; o bufón, que é a parte amarela e a nena Nina, á que a raíña lle agasalla un vestido de bólas, que sería a parte rosa.

“O ballet triádico foi creado por Oskar Schlemmer, que o levou a escena no 1921-1922, polo que se cumpre agora o centenario”

Nina é unha nena que atopa unhas flores que a levan a un mundo fantástico. Pero ese mundo é un labirinto e chega un momento en que Nina quere volver á casa. A raíña agasállalle cousas a Nina para que quede. A raíña e o bufón levaban xuntos toda a vida nese mundo máxico. Cando Nina e o bufón empezan a xogar xuntos, a raíña enfádase e di: pois agora non saes!. O agasallo do vestido de bólas é un xeito de que Nina sexa coma eles, coma a raíña e o bufón, por iso o sombreiro de Nina ten unha cara que é como a do bufón…

Nina é humana, polo que o seu movemento é máis fluído. Os outros dous personaxes teñen un movemento máis robótico. Así era na obra de Schlemmer. Os bailaríns tiñan limitado o movemento polo vestiario que levaban. Nina pasa un tempo xogando co seu vestido de bólas pero despois cansa, devólveo e quere saír de alí. Logo chega a fada, que como vén do mundo real, coma Nina, ten uns movementos máis redondos, máis naturais.

Como foi o deseño dese vestiario, tan determinante para a peza? Está moi pensado para a escenografía, que coa iluminación é reflectante. 

Era moi importante escoller as cores porque son parte fundamental do ballet triádico: formas xeométricas e cores básicas. O negro é moi difícil para o teatro. Nós pensamos nunha sincronía cromática que fose coherente co universo que estabamos creando. A escenografía é de Gonçalo Guerreiro. A raíña leva cores máis frías, en prata. O labirinto simboliza a dualidade, a confusión, por iso actúa como un espello. Escollemos linóleo, que é un material de danza, para conseguir eses ecos visuais a través da iluminación, que é de Nacho Martín. Despois, o vermello é unha cor máis próxima e o azul máis terreal. Por iso finalmente escollemos as cores azuis, vermellas e negras, xunto con formas xeométricas cónicas, redondas, rectangulares, voluptuosas.

Foi moi complexo e non só por supeditar o movemento ao vestiario: os materiais son delicados, os vestidos eran caros... Traballamos, de feito, desde a dificultade, desde a imposibilidade do movemento. Porque non é un ballet ao uso. É máis ben o contrario do ballet. Porque se o ballet é extensión, o ballet triádico é contracción, rixidez, formas angulares. O ballet triádico chegou nun momento en que o ballet estaba en auxe. E chegou para rompelo. Tivo un valor histórico e nós quixemos reivindicalo, revisar ese legado que nos deixou a Historia ao volver facer ballet triádico.

No festival Escenas do Cambio presentaches Multiperspectivas, investigación realizada desde o traballo académico e performativo Filosofía e estética do corpo no circo coreografado: perspectivas multidisciplinares e transversais. Como chegaches a este traballo? Porque a túa inquedanza sobre o corpo e o circo coreografado vén de moi atrás. 

Si, levo xa como dez anos. A miña andaina dentro do traballo corporal e a danza acabou levándome a outras inquedanzas: eu quería explorar outros planos, traballar a antigravidade. A partir desta idea funme para Londres a estudar circo. E acabei escollendo o arame tenso. Once milímetros de grosor no que o corpo vai dun punto A a un punto B. Unha liña recta como espazo máis próximo entre dous puntos. Empecei, así, a traballar co equilibrio e co reequilibrio. O circo ten unha parte moi mental: non é só físico. E para poder desfacer unha técnica primeiro tes que adquirir esa técnica, dominala.

“O que eu fago é circo contemporáneo desde un código dancístico”

O que eu fago, así, é circo contemporáneo desde un código dancístico. O circo contemporáneo non é só o truco, o virtuosismo, a beleza do truco ben aprendido. Pero para poder descompoñer, decodificar o truco, tes que coñecelo antes. Pois iso é Multiperspectivas, un híbrido dos códigos corporais da danza e do circo. Unha instalación que, a verdade, antes da pandemia estaba pensada doutra maneira, como a miña outra peza SET, para que o público puidese participar tocando, experimentando coas estruturas.

O que temos en escena son dous arames: dúas liñas que van dun punto A a un punto B. Pois nesas liñas hai uns sensores que se activan por contacto, producindo sons. Como a participación do público non era posible, ao final derivou nunha manipulación sonora que facemos Arturo Cobas, que é quen está comigo nesta peza, e eu. Foi un proceso creativo pensado para Escenas do Cambio e foi un reto pensalo como instalación arquitectónica: os arames non se poden anclar en calquera lado… Quixen xerar, así, unha instalación discursivo-práctica. E así é tamén o traballo do que partín para esta peza. Son Máster en Artes Escénicas coa investigación Filosofía e estética do corpo no circo coreografado, que continuarei a partir de setembro xa cun proxecto de tese doutoral.

Xa que citas a peza SET, é certo que tivera que cambiar para a súa presentación no festival Plataforma do ano pasado. Nesta peza, dirixida por Rut Balbís, estaba a distancia, como en Diálogos de intento

Este proxecto xurdiu no 2019 pola necesidade de producir un espectáculo de rúa nun espazo non convencional. Anteriormente xa traballara con Rut Balbís no proxecto Plastic, estreado en 2018. Volvín contactar con Rut para a dirección deste novo proxecto. Nacho Muñoz, que está en escena facendo música en directo, entrou máis adiante. Nesta peza hai unha burbulla inchable no que podería ser unha metáfora da distancia social.

Esta burbulla, o obxecto co que traballamos en SET, xa estaba presente en Plastic, como un corpo-contedor. Nesa peza previa a SET, o elemento usábase só tres minutos como escenografía. Aí xorde a miña necesidade de seguir creando con ese obxecto inflable, con múltiples posibilidades físicas, o cal xustamente xera una relación de concepto co imaxinario da "bóla- burbulla" protectora da distancia social. A peza propoñía un xogo interactivo sen contacto. O proxecto orixinalmente, antes da pandemia, levaba unhas directrices dramatúrxicas de proposta itinerante e con participación do público. Debido á covid, a proposta tivo que mudar de dirección, partindo da idea de non contacto. 

O corpo está, así, presente no teu traballo de moi distintas maneiras. En Plastic é un corpo de plástico, a idea da Barbie. En Analepsis é a interacción entre corpo e obxecto tamén. 

Pois eu creo que son unha persoa que, basicamente, relaciona o corpo co obxecto. Analepsis é unha danza corpo-obxecto, obxecto-corpo. En Plastic esta pesquisa está presente a través da idea da Barbie como obxecto. Esa boneca que representa a muller perfecta, impoluta, cos seus movementos limitados. Un contedor. Pero o que nós facemos é preguntarnos polo contido. Plastic é, así, o concepto de icona. Un corpo abonecado. Nós xeramos un corpo plástico, ríxido, pero vamos vendo a súa parte interna: as sensacións, a fluidez… Polo que é un corpo que se vai humanizando ata chegar á humanidade total. A boneca danza libre, pero ao final volve estar atrapada…

“Eu creo que son unha persoa que, basicamente, relaciona o corpo co obxecto” 

Como Nina, que danza libre pero séntese atrapada. Ou como en SET, que o corpo vai gañando un movemento máis libre, máis fluído… Analepsis sometía o corpo a experiencias acrobáticas e de funambulismo. En Up2down hai dúas bailarinas -ti e Marta Alonso- dirixidas por un pallaso, e dous cables de funambulismo. Como chegaches ao funambulismo? Querías traer a disciplina a Galicia, por ser escasa?

Non foi esa a miña motivación, non. Nunca o pensei como un xeito de facer algo diferente, aínda que si que é verdade que son unha persoa á que non lle gustan os convencionalismos. Eu entrei na escola de circo de Londres buscando, como dicía antes, outro tipo de planos e situacións. Ao principio pensaba na danza vertical. Pero despois, estando xa na escola, dixéronme que tiña potencial para ser aramista circense, que non é o mesmo ca funambulista.

O funambulista que temos todos na cabeza traballa cunha barra, e eu non levo nada. Pois probei e fun aprendendo a base de caídas, choros, frustracións… Ata que empecei a entender. Que foi a base para despois descompoñer, romper. Sempre nos dicía unha profesora que un equilibrista non se fai en menos de dez anos. Eu hai once que empecei. E volvín para Galicia para seguir creando e para poder tamén ensinar. En España non hai máis de dez persoas que fagan o que fago, desde un punto de vista contemporáneo.

Xa que citas da danza vertical, que foi o punto de partida, podemos lembrar a peza Alma (non é hippie), dirixida por Rolando San Martín e feita co colectivo Verticalia. Esta obra investiga a relación entre danza aérea e danza contemporánea.

“TrasPediante é un aglutinador de proxectos que nos dá lugar a experiencias como, por exemplo, o festival Corpo(a)Terra”

Si, eu tiña interese na danza vertical e un día chamoume Raquel Oitavén, de Verticalia. Dixen que si, por suposto. Ela era arealista e eu funambulista. Puxémonos a adestrar e a investigar. E acabamos traballando xuntas Marta Alonso, eu e Raquel Oitavén e Mercè Solé, que forman a compañía Duelirium. Esta peza pregúntase que pode ser danzado hoxe en escena, como interromper a produción selfie e espectacular…

Con Marta Alonso e Begoña Cuquejo formas a compañía TrasPediante. Antes formaches parte doutros proxectos coma Voltage Opposites Project, con Adriana Pazos e Xoán Xil, ou Dizzy O’hare, cando estabas en Inglaterra. En que compañías estás agora?

TrasPediante é un aglutinador de proxectos que nos dá lugar a experiencias como, por exemplo, o festival Corpo(a)Terra. TrasPediante tamén está ligado á escola de danza Alfaia. Despois eu tamén traballo coa compañía de Rut Balbís, Pisando Ovos, e con Pistacatro. Estou preparando tamén un proxecto novo con Kirenia Martínez.

A parte pedagóxica é de feito unha das dimensións máis importantes do teu traballo. En que sentido procuras unha pedagoxía diferente?

Alfaia naceu hai doce anos como proxecto de pedagoxía alternativa en danza onde a creación e a imaxinación son moi importantes, da mesma maneira que a hibridación con outros conceptos como a acrobacia, o clown e a expresión corporal. Antes da pandemia tiñamos uns 200 alumnos. Tamén traballo na Estrada, na Escola Municipal de Artes Escénicas, onde tamén aplico unha pedagoxía similar, cun traballo desde a creatividade e a visibilidade coreográfica. Imparto danza-teatro desde a comunicación non verbal, traballando desde a plasticidade, desde as artes visuais. Na Estrada tamén fixemos o encontro 6coreófragas, coa idea de reactivar a obra de seis mulleres solistas.

“Eu penso que está a haber movemento, que se nos escoita máis ca antes, que se nos está a recoñecer un valor similar ao do teatro”

Es a vogal de artes do movemento de Escena Galega, ademais de integrante da Plataforma Artes do Movemento de Galicia e da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia. Se a situación do teatro é delicada, peor o teñen a danza e o circo...

Eu penso que está a haber movemento, que se nos escoita máis ca antes, que se nos está a recoñecer un valor similar ao do teatro. Hai unha grande potencialidade, con xente moi formada que regresa aquí para reverter o aprendido, cunha recepción cada vez mellor por parte do público e da administración. Pero segue sendo complexo visibilizar o que fas, conseguir bólos… Precísase apertura ás novas ideas, valorar o traballo que vai fóra, nútrese e volve… Penso que non hai que ter medo ao novo, porque con medo non podemos xerar Historia, non podemos evoluír. O novo parece que dá vertixe, pero a vertixe é fundamental para que a sociedade evolúa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.