En euskera Belako significa "un lugar onde hai corvos" ou "niño de corvos" e é tamén o nome do barrio de Mungia onde hai oito anos comezou a tocar esta banda biscaíña que este sábado protagonizará na praia de Riazor un dos concertos máis destacados do Festival Noroeste.
Composto por dúas mulleres (Cris e Lore) e dous homes (Josu e Lander), comezaron a despuntar no panorama do post-punk en 2012 cando gañaron o concurso de maquetas da ETB e foron terceiros no de Radio3. Un ano despois publicaron o seu primeiro LP, 'Eurie' (chuvia en éuscaro), continuado en 2016 por 'Hamen' (aquí) e en 2018 por 'Render Me Numb, Trivial Violence', editado polo seu propio selo, nos que seguiron alternando o inglés e o euskera.
"O nome case nos veu dado por ensaiar nese lugar, pero creo que funciona moi ben. É rotundo, ten identidade, ten historia"
"Á verdade é que o nome case nos veu dado por ensaiar nese lugar, pero creo que funciona moi ben. É rotundo, ten identidade, ten historia e ademais mola moito ver como o pronuncian en cada sitio ao que imos", conta por teléfono Cris Lizarraga, que destaca que dende o comezo lles pareceu que encaixaba moi ben con elas e co son que querían levar ás súas cancións. Aquel primeiro local de ensaio era, ademais, unha antiga metalurxia. Ecos industriais e metálicos para unha banda que comezou seguindo o ronsel aberto polo post-punk de Joy Division ou The Fall ou polos sons de Can e Sonic Youth.
Se 'Eurie' (con hits instantáneos como "Molly & Pete", "Sea of Confussion" ou "Haunted House") encaixaba nesas coordenadas, 'Hamen' ("Sinnerman", "Track Sei") tornou aínda máis sucio, máis ruidoso, máis áspero, un camiño que continuaron nos seu terceiro e de momento último traballo (con temas como "Lungs" ou "Over the edge"). Que cambiou neste proceso? "O que cambiou, sobre todo, foi a forma de gravar, porque á hora de compoñer seguimos fiándonos moito de por onde nos leva o instinto", comenta Cris.
"Si que é certo que igual agora de forma consciente cando vemos que un tema soa demasiado parecido a un estilo determinado, tentamos modificalo. Pero o de ensucialo ou emborroalo débese a que agora temos un maior control do estudio e do seu funcionamento", di. "Cando gravamos o primeiro disco si sabiamos como queriamos soar pero non sabiamos como facelo, como executalo na gravación e no estudio. E, ademais, non tiñamos tanto poder de decisión. Agora, como temos a Josu de produtor, el sabe perfectamente como queremos soar, así que cada vez nos achegamos máis a iso que temos na cabeza", engade.
En Belako destaca sobre todo o seu directo. "Nunca facemos dous concertos iguais", din. "Non é só que sexa importante para nós, senón que tocar en directo é o sustento a día de hoxe para calquera grupo de música. É o único que non se pode formatear e piratear e é grazas aos concertos que a música sobrevive", comenta Cris. Entre o ano 2015 e o 2018 a banda veu ofrecendo ao redor de 50 e mesmo 60 concertos anuais. Sobre todo no Estado Español, pero tamén unha trintena no Reino Unido, unha vintena en México e unha ducia en Alemaña, e mesmo actuacións nos Estados Unidos, Xapón ou Corea.
"Cando gravamos o primeiro disco si sabiamos como queriamos soar pero non sabiamos como facelo, como executalo na gravación e no estudio. E, ademais, non tiñamos tanto poder de decisión"
Prometeran "frear o ritmo" neste 2019 para concentrarse na gravación do seu cuarto álbum, que finalmente chegará no 2020. "Si que freamos!", responde Cris no teléfono. "Comparado co ritmo que tiñamos antes nas xiras baixamos o ritmo un pouco, pero o certo é que temos que seguir tocando para sobrevivir, porque diso é do que vivimos sobre todo", di.
"Estamos compoñendo temas que non se parecen moito entre si e que tampouco se parecen moito aos anteriores. Asi que creo que non saberemos moito por onde irán os tiros ata que non estea rematado", comenta e engade que "cando estás moi metido nun traballo, creo que é difícil poder dicir que o disco vai ir nunha ou noutra dirección e como a nós gústanos mesturar influencias e estilos diferentes, aínda máis". "Só sabemos que sexa o que sexa o que saquemos, ten que ser algo que non nos aburra, que sexa diferente ao anterior e que consideremos que achegue algo distinto", resume.
Se Belako combina temas máis pesados, con outros máis lentos e lixeiros, e o rock coa electrónica, tamén o fai coas linguas. Nos seus discos xúntanse o inglés e o euskera e mesmo o francés, lingua que tamén domina Lizarraga. "Non é nada premeditado. Case todas as cancións son en inglés porque é a música que máis escoitamos na nosa vida, polo que é máis doado para nós sacar melodías e facer cancións con elas así. O euskera dálle identidade ao grupo e sempre nos parece que queda moi ben con algúns temas determinados".
Nos últimos anos o Festival Noroeste vén destacando pola importante presenza de mulleres e bandas femininas no seu cartel. Na edición 2018 ao redor do 50% das artistas eran mulleres, un nivel que se mantén este ano, con ao redor do 45%, en postos destacados da programación, ademais. O Noroeste sitúase na vangarda dunha tendencia que están a seguir festivais como o Primavera Sound, que este ano tamén superou o 50%.
Cris Lizarraga reivindica que a igualdade "se vexa reflectida non só no cartel senón en todas as traballadoras do festival: en produción, en prensa e no equipo de técnicos de escenario, de son e de luces"
Estase a converter tamén nunha pregunta recorrente en moitas entrevistas, sobre todo cando se conversa con mulleres, pero non tanto cando se fai con artistas masculinos. "Si, estamos de acordo", responde Cris Lizarraga, aceptando a introdución a xeito de desculpa. En calquera caso, semella que festivais como o Primavera ou o Noroeste están a demostrar que se poden programar carteis de primeiro nivel cunha maioría de mulleres, unha aposta entendida máis como normalidade que como esforzo.
"Si, está bastante claro, e está quedando demostrado nos carteis de moitos festivais nos últimos anos que non só non perden calidade, senón que gañan afluencia e interese por este motivo", contesta. Con todo, a integrante de Belako subliña que o que lle interesa é que "esa igualdade se vexa reflectida non só no cartel senón en todas as traballadoras do festival: en produción, en prensa e no equipo de técnicos de escenario, de son e de luces. Está moi ben que haxa mulleres nos carteis, pero a igualdade debe chegar ao resto de traballadoras dos festivais". Unha reflexión moi semellante á que hai uns meses facían na Coruña as representantes da asociación Mulleres na Industria da Música (MIM). "É relativamente doado saber cantas mulleres hai no cartel dun festival. Trátase apenas de sumar. Pero non é tan fácil coñecer cantas mulleres traballan en produción, nas promotoras, nos festivais ou en profesións técnicas", dicía a súa presidenta.
"O dos carteis ás veces non pasa dun lavado de cara e gustaríame que fose unha transformación real, dende dentro"
Cris Lizarraga lembra que este ano no Primavera Sound "houbo moitas queixas das propias artistas por actitudes paternalistas por parte do festival ou de técnicos" e salienta que "en festivais que apostan de verdade pola visibilización da muller na industria musical as persoas que traballan ao redor dos grupos son tamén mulleres e non só homes. E hai unha gran diferenza". "O dos carteis ás veces non pasa dun lavado de cara e gustaríame que fose unha transformación real, dende dentro", conclúe.