Comeza o Festival Noroeste cun 45% de mulleres no cartel e un 50% de bandas galegas

O Festival Noroeste comeza este martes na Coruña © Festival Noroeste

Este martes bota a andar na Coruña unha nova edición do Festival Noroeste, que se mantén fiel á súa condición de festival independente, estendido e diverso, cun total de 75 artistas distribuídos en 13 escenarios da cidade: rúas, prazas, praias, parques e espazos emblemátivos como o Castelo de San Antón, a a Fundación Luís Seoane ou o Teatro Colón. E, ao igual que nos últimos anos, o Noroeste volve destacar pola ampla presenza feminina no seu cartel (un 45% de mulleres) e pola gran proporción de bandas galegas, que roldan a metade dos concertos programados. 

75 artistas e bandas actuarán en 13 escenarios distribuídos por toda a cidade

O pasado ano ao redor de 90.000 persoas asistiron ao Noroeste nos seus seis días de programación. A única nota negativa marcouna a chuvia, que obrigou a suspender algún dos concertos previstos. Este ano, ante as condicións meteorolóxicas adversas previstas durante esta semana (sobre todo para o mércores e o xoves), a organización puxo en marcha un dispositivo para garantir a celebración dos concertos programados, que inclúe a colocación dunha carpa no Campo da Leña. Ademais, a través das redes sociais ofrecerase ao público, cando menos con 24 horas de antelación, a información dos posibles cambios de situación dos concertos.      

Cartel do Festival Noroeste 2019 © Festival Noroeste

Patti Smith, Nathy Peluso, The Sounds, Belako, Paco Ibáñez, Júlio Resende, Soleá Morente, Anni B Sweet, Los Punsetes, Joe Crepúsculo, Los Voluble, Mastodonte, Jenny and the Mexicats, Holly Miranda, Baiuca, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Los Estanques, Los Hermanos Cubero, Emma Pollock ou Toudra destacan nunha programación que abrangue todos os estilos do pop e do rock. A música en rúas e prazas (incluíndo sesións matinais o xoves, venres e o sábado) dará paso o venres pola noite aos tradicionais concertos na praia, encabezados por Patty Smith e Belako, e con The Sounds e Nathy Peluso na derradeira sesión.

O pasado ano ao redor de 90.000 persoas asistiron ao Noroeste

O Teatro Colón acolle os dous único concertos de pago: Paco Ibáñez (con entradas esgotadas dende hai 15 días) e Júlio Resende. E para o máxico escenario do Castelo de San Antón (Holly Miranda, Soleá Morente e Hailu Mergia) segue sendo necesario recoller as entradas previamente. Desta volta non haberá que acudir ás billeteiras da Praza de Ourense, senón que os convites se poderán obter a través de Ticketea.

Ademais, nesa edición refórzase a programación na fin de semana no Paseo das Pontes, que nos últimos anos vén acollendo o Mercado da Colleita. Alí confórmase desta volta un pequeno festival indie, coas actuacións de Pablo Lesuit, Anni B Sweet e Los Punsetes o sábado e de Silvia Penide, Ñaco Goñi + Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, Bart Davenport, Os Amigos dos Músicos, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Joe Crepúsculo o domingo.

 

Este martes

Na programación deste martes destacan os concertos de Paco Ibáñez (Teatro Colón, 20.30), Los Voluble - (Fundación Luis Seoane, 21.15), The Sey Sisters (Praza de San Nicolás, 22.00), Holly Miranda (Castelo de Santo Antón, 22.30) e Emma Pollock (Praza das Bárbaras, 22.45)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.