Sempre se dixo aquilo de "Vigo traballa, Pontevedra durme, Santiago reza e A Coruña divírtese". Máis aló do acertado ou desacertado dos tópicos, A Coruña tivo sempre fama de terra festeira e aberta ("onde ninguén é forasteiro") e de exemplo do ben vivir ("vivir na Coruña que bonito é..."). Unha cidade onde os seus habitantes estiveron sempre habituados a pasear, a terracear, a pasar as tardes na rúa, a deixarse ver. Sobre todo no mes de agosto. Un mes para andar de parranda e durmir de pé.
En agosto na Coruña conflúen a música, con grandes e pequenos concertos, nas praias e en cada recuncho da cidade. Tamén a banda deseñada, co Viñetas desde o Atlántico convertido xa nunha institución, e os libros coa súa Feira. E mesmo o fútbol, co tradicional Trofeo Teresa Herrera. Sen esquecer o Festival Manicómicos (do 15 ao 18 de agosto).
Este ano non haberá Tall Ship Race, confirmada xa para o verán de 2020, pero si a clásica Batalla Naval que iluminará os ceos da cidade no ecuador do mes. E, para rematar estas longas catro semanas de celebracións, a Romaría de Santa Margarita, que sempre indica que o mes de setembro está xa próximo a chegar.
A música
As festas comezarán oficialmente este xoves 1 de agosto co primeiro dos varios concertos gratuítos programados para a Praza de María Pita. Ketama será o protagonista do primeiro deles e nos días seguintes seguirán a Mala Rodríguez, Susana Seivane e Tequila.
- Ketama. 1 de agosto. Praza de María Pita
- Mala Rodríguez. 2 de agosto. Praza de María Pita
- Susana Seivane. 3 de agosto. Praza de María Pita
- Tequila. 4 de agosto. Praza de María Pita
A partir do martes 6 será a quenda dunha nova edición do Festival Noroeste, que de novo levará ducias de concertos gratuítos ás rúas e prazas do centro da cidade e a espazos singulares, como o Castelo de San Antón ou a Fundación Seoane. Apenas dous deles serán de pago, no Teatro Colón, destacando o que o 6 de agosto ofrecerá Paco Ibáñez (con entradas xa esgotadas), seguido un día despois polo de Júlio Resende.
O venres e sábado os concertos chegarán á Praia de Riazor, coa presenza estelar de Patti Smith, ademais das actuacións da arxentina Nathy Peluso ou dos vascos Belako. O Noroeste pecharase un ano máis no Paseo das Pontes, co seu Mercado da Colleita e un mini-festival pop que nesta ocasión gaña en ambición: Los Punsetes, Joe Crepúsculo, Anni B Sweet, Os Amigos dos Músicos ou Derby Motoreta's Burrito Kachimba.
- Paco Ibáñez. 6 de agosto. Teatro Colón
- Patti Smith. 9 de agosto. Praia de Riazor
- Belako. 10 de agosto. Praia de Riazor
- Mercado da Colleita. 10 e 11 de agosto. Paseo das Pontes
Non todo vai ser música e, de feito, na Coruña o mes de agosto é un mes de libros, tanto coa Feira do Libro como co Salón do Cómic, que este ano recibe a autores e autoras como Abel Alves, Yolanda Castaño, Jorge Coelho, Isabel Greenberg, Albert Monteys, Antonio Navarro, David Sala ou Tony Sandoval.
É un mes de fútbol tamén. Este ano o Teresa Herrera enfrontará o Deportivo co Betis no partido masculino e o Deportivo (que vén de ascender á Primeira División) co Tenerife Granadilla no encontro feminino.
- Feira do Libro. Do 1 ao 11 de agosto. Xardíns de Méndez Núñez
- Viñetas desde o Atlántico. Salón Internacional do Cómic. Do 5 ao 11 de agosto.
- Trofeo Teresa Herrera. 10 de agosto. Estadio de Riazor.
- Batalla Naval. 14 de agosto

Despois da Batalla Naval que aínda moita festa na cidade. Destacan tres citas musicais, de novo de balde e en María Pita: os concertos que ofrecerán a OSG (outro clásico das festas herculinas), a Orquestra de Cámara Galega, a Banda Municipal acompañada de Treixadura e, de forma moi especial a actuación conxunta de Sito Sedes coa Garufa Blue Devils Band.
As festas rematarán na derradeira fin de semana de agosto coa Romaría de Santa Margarita, onde a música e o baile tradicional se mesturan co bo comer e o bo beber, os xogos, os postos da feira, todo na fermosa contorna natural que ofrece o máis característico parque urbano da Coruña, aínda chamado "O Monte" polas persoas de máis idade e mellor memoria da cidade. Un mes para andar de parranda e durmir de pé.
- Concerto da Banda Municipal con Treixadura. 15 de agosto. Praza de María Pita
- Concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia. 17 de agosto. Praza de María Pita
- Concerto de Sito Sedes con Garufa Blue Devils Band. 18 de agosto. Praza de María Pita
- Romería de Santa Margarita. Derradeira fin de semana de agosto