Fuxan os Ventos regresa. Co gallo do Día das Letras Galegas, o emblemático e histórico grupo de folk galego musica o poema Lúa de Prata, de María Victoria Moreno, a homenaxeada este ano polo 17 de maio.
Fuxan os Ventos musica o poema Lúa de Prata, de María Victoria Moreno, a homenaxeada este ano polo 17 de maio
Así, segundo explica a súa distribuidora, Fuxan os Ventos "mergúllase na lírica da autora e enchóupaa da súa esencia, conseguindo que cada palabra vibre como unha nota máis desta melodía". Coa canción, o grupo de folk pretende lembrar "a escritora que tan fonda pegada deixou nas nosas letras", especialmente na literatura infantil e xuvenil.
Fuxan os Ventos, seguindo o ronsel doutros anos, volve render homenaxe ás letras galegas cunha harmonía de sons, na que voces, vento, corda e percusión van da man sublimando as verbas de María Victoria Moreno. Neste tema, que xa está dispoñible en diferentes redes sociais e plataformas web, colaboran Roi Adrio (percusións), Simón García (contrabaixo), Adrián Valdés (fagot) e Miguel Díaz (clarinete).