0 Gardados para despois

Fuxan os Ventos - Lúa de Prata

© folmusica

Fuxan os Ventos homenaxea a María Victoria Moreno cun novo tema polo Día das Letras

Redacción | @prazapublica

Fuxan os Ventos regresa. Co gallo do Día das Letras Galegas, o emblemático e histórico grupo de folk galego musica o poema Lúa de Prata, de María Victoria Moreno, a homenaxeada este ano polo 17 de maio.  

Fuxan os Ventos musica o poema Lúa de Prata, de María Victoria Moreno, a homenaxeada este ano polo 17 de maio

Así, segundo explica a súa distribuidora, Fuxan os Ventos "mergúllase na lírica da autora e enchóupaa da súa esencia, conseguindo que cada palabra vibre como unha nota máis desta melodía". Coa canción, o grupo de folk pretende lembrar "a escritora que tan fonda pegada deixou nas nosas letras", especialmente na literatura infantil e xuvenil.

Fuxan os Ventos, seguindo o ronsel doutros anos, volve render homenaxe ás letras galegas cunha harmonía de sons, na que voces, vento, corda e percusión van da man sublimando as verbas de María Victoria Moreno. Neste tema, que xa está dispoñible en diferentes redes sociais e plataformas web, colaboran Roi Adrio (percusións), Simón García (contrabaixo), Adrián Valdés (fagot) e Miguel Díaz (clarinete).

'Mar adiante': a primeira obra de María Victoria Moreno en galego revive 45 anos despois, tamén en internet

D.L.

A emblemática Ediciós do Castro publicou en 1973 Mar Adiante. Historias de nenos pra nenos. A mestra e escritora explicaba cunha nota manuscrita no limiar da obra, ilustrada pola ela mesma, que o proceso de escritura do "libriño" estaba moi ligado ao tempo no que adquiriu a súa "galeguidade". Corenta e cinco anos despois aquel traballo fundacional da obra literaria en galego da autora homenaxeada este 2018 no Día das Letras vén de revivir nunha edición de homenaxe que o Consello da Cultura Galega 'libera' tamén en internet.

Xesús Alonso Montero e Sara Alonso Pimentel, editores da obra, presentaron este xoves o traballo xunto ao presidente do Consello, Ramón Villares, e mais Pedro Ferriol, viúvo da escritora. "O seu achegamento ao galego e a Galicia foi por amor", admite Ferriol, nun contexto no que Alonso Montero ve, xa nesta primeira obra apegada ao país, unha mostra do "inmenso corazón" da autora.

A edición facsimilar da obra inclúe o conto Cracisca escrito a máquina e con ilustracións da autora, un agasallo que a editora Sara Alonso Pimentel gardou "como un tesouro"

A edición conmemorativa de Mar Adiante publicada polo CCG inclú o facsímile do propio libro e, canda ela, un estudo sobre a propia obra, pero tamén "unha peza moi singular". Nela atópase o conto Crarisca escrito a máquina, ilustrado tamén por María Victoria Moreno para facerlle un agasallo a Sara Alonso Pimentel. "Gardei este texto como un tesouro, moi poucas persoas sabían que existía", explica a editora. 

Mar Adiante, agrega Villares, foi o inicio da obra galega dunha autora que é unha "pioneira". "Tempo andado", o traballo iniciado por María Victoria Moreno "tornaría nunha das marcas máis fortes da literatura galega, como é a literatura infantil e xuvenil", sinala o presidente do Consello da Cultura.