Sonia Villapol abre o San Froilán cun pregón en defensa da ciencia, o persoal sanitario e as "raíces frondosas" da diáspora

Sonia Villapol le o pregón das festas de San Froilán dende a Casa do Concello de Lugo © Concello de Lugo

No discurso destacou que "dos aplausos aos sanitarios viñeron as pedradas e parece que non aprendimos nada. Este maltrato pode levar a unha situación insostible e perigar unha sanidade pública de calidade. O persoal sanitario non se pode asfixiar, nunca deixaron de ser esenciais e hai que coidalos para que nos coiden ben"

O San Froilán xa está en marcha. Por diante, oito días máis de festas nunha cidade de Lugo polas que ata o 12 de outubro pasarán milleiros de persoas de todo o país. A neurobióloga Sonia Villapol foi a encargada de ler o pregón e de abrir oficialmente as celebracións. Fíxoo cun discurso no que debullou as súas raíces persoais e a súa relación con Lugo, o longo camiño que a levou aos Estado Unidos e a posicións de gran responsabilidade na investigación en neurociencia e no que, ademais, fixo un alegato en defensa da ciencia e do persoal sanitario, seguindo o ronsel que abriu na súa recente obra Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia.

No discurso destacou que "dos aplausos aos sanitarios viñeron as pedradas e parece que non aprendimos nada. Este maltrato pode levar a unha situación insostible e perigar unha sanidade pública de calidade. O persoal sanitario non se pode asfixiar, nunca deixaron de ser esenciais e hai que coidalos para que nos coiden ben". De igual xeito, salientou que "a ciencia trae saúde, alimenta o coñecemento e disipa os medos. Beber dela danos alentos e esperanza". E engadiu: "teño un soño que nos vindeiros anos nos acheguemos a tratamentos personalizados contra os cancros que permitan a cura e eliminen a remisión, que a metástase non sexa unha sentencia e que cheguen os avances no diagnóstico inmediato".

Villapol tamén asinou no libro de honra do Concello de Lugo tras ser recibida pola alcaldesa Lara Méndez, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e outros concelleiros e concelleiras. Na súa intervención, explicou que "non nacín en Lugo por circunstancias do azar", pois a súa nai se puxo de parto pouco despois de saír dunha revisión xinecolóxica na cidade, un parto que finalmente tivo lugar no coche, nun lugar da Pastoriza. E engadiu que "Lugo sempre estivo, está e estará presente en quen son".

De igual xeito, salientou que "a ciencia trae saúde, alimenta o coñecemento e disipa os medos. Beber dela danos alentos e esperanza"

A continuación, sinalou que na longa viaxe da súa vida "adapteime ós novos fogares que me acolleron, aprendín linguas e a respectar outras culturas e xentes. Despois de catro anos en París, aterramos o meu home e máis eu nos EE.UU. no ano 2010 con dúas maletas e una nena debaixo do brazo. Nada máis chegar, traballei con ganas e brindáronme máis oportunidades das que me facían falta, e comprendín a dimensión real do apoio á investigación científica".

"Nunca dubidei que os froitos do meu sacrificio e traballo en investigación, repercutirían na sociedade galega, e iso é o que me motiva", dixo

No pregón, Villapol fixo un alegato en favor das "frondosas raíces" da diáspora e lembrou que "somos máis de medio millón de galegos e galegas que vivimos na actualidade fora, e de quen poucas veces se fala. Abrazamos o galicianismo e o galeguismo que nos fai estar máis preto da nosa terra, e logo emérxenos a fortaleza de crear pontes". "Nunca dubidei que os froitos do meu sacrificio e traballo en investigación, repercutirían na sociedade galega, e iso é o que me motiva", dixo.

Sonia Villapol asina no libro de honra da cidade © Concello de Lugo

"Abrídenos todas as portas da muralla e, con elas, que cheguen os aprecios para establecer sólidas pontes entre Galicia e a diáspora", pediu Villapol

Porén, engadiu, "non nos pidades que regresemos facer pola matria desde dentro, xa que séculos de historia demostran que non é necesario estar presente para contribuír ao desenvolvemento do país. Porén, abrídenos todas as portas da muralla e, con elas, que cheguen os aprecios para establecer sólidas pontes entre Galicia e a diáspora. Permitídenos que os que residimos no exterior tamén nos integremos na sociedade galega, participemos activamente porque temos moito que aportar, non fagades que a nosa existencia quede só nun espellismo".

"Remato o meu pregón ben fachendosa delo, e prométovos que seguirei pregoando Lugo o que me quede de vida e sen importar os océanos que nos separen", finalizou Villapol. Viva San Froilán.

Texto pregón Sonia Villapol

Señora alcaldesa, señoras concelleiras e señores concelleiros, autoridades, lucenses de nacemento e de corazón, grazas pola vosa presenza esta noite aquí na praza Maior. Espero que todo o mundo estee listo para sanfroilanear‼

Comezo agradecendo a confianza e o agarimo depositado en min para ser a pregoeira. Vaia honra! É un privilexio estar diante de todos vostedes para dar apertura á festa máis destacada da provincia, por non dicir do país. Cóntolles que no mes de xullo ó remate da presentación no Vello Cárcere do meu libro ConSciencia “A ciencia que nos rescatou da pandemia”, a concelleira de cultura, Maite Ferreiro, achegouse a min para facerme semellante proposta. A emoción do momento fixo que aceptara de inmediato. Grazas a todos os grupos políticos do Concello polo seu voto unánime, para que a pregoeira fose esta científica. Sen lugar a dúbidas, honrarme desta maneira lévame a sentir por sempre a Lugo moi preto.

Coma boa científica son máis de entregarme ós feitos que ás lerias, por iso percorrín 8.000 km que separan Houston de Lugo para subir en carne e óso a pregoar neste balcón do consistorio. Aquí me mandaron vire, aquí vin, e aquí cheguei. Dígolles que ben mereceu a pena. Con ilusión os sacrificios convértense en fume, e os esforzos recompénsanse por si mesmos. Tamén lles digo que esta media hora que me toca, procurarei non desperdiciala.

A ciencia dinos que as persoas temos cinco necesidades fundamentais: as fisiolóxicas, as de seguridade, as de pertenza, as de autorealización e as de recoñecemento. Pois ben, poido asegúralles que esta última téñoa ben cumprida na miña terra. Moitas grazas por render eloxio a esta vida en tránsito, que me impulsa a seguir construíndo pontes. Asegúrolles que síntome todo contrario a unha desarraigada. Síntome, se mo permiten, e se mo aceptan, unha lucense de corazón.

Xa van 229 San Froiláns. Intelectuais, escritores, artistas, xornalistas, historiadores ou músicos tiveron o privilexio de pregoar para facer historia na cidade amurallada, e non vivimos máis que para outra cousa. Maila que xa saben o estigma de que Lugo é unha aldea grande onde teñen cabida os da cidade e os da periferia, teño que confesar que para unha da Terra Cha, que lle encomenden dar este pregón é emocionante e intimídante ó mesmo tempo. Pregoarei e non das peripecias dos entrañables Pelúdez e Filomena, cos meus respectos, nin de José Trapero Pardo, Anxe Fole, Pepito Chimineas ou dos Garibolos. Non é por menospreciar as temáticas Sanfroilanas de interese dos presentes, senón porque os pregoeiros que me precederon xa se encargaron moi ben en facelo, e eu estou moi lonxe de igualar. Tampouco pensen os non tan simpatizantes, que a ver logo con que nos ven iluminar esta que chega de fóra. Non é esta a miña intención, xa que aquí hai moitas luces, pero si me gustaría que este pregón represente todo o que eu poido simbolizar.

Eu nacín en Bretoña, no concello de A Pastoriza na Terra Cha, nun lugar ó que agora se lle chama, o rural. Non nacín en Lugo por circunstancias do azar. Agora lles explico. Saía miña nai de pasar consulta co doutor Bernardino Pardo Ouro na clínica privada que tiña no Sanatorio da Milagrosa, hoxe a sede do Progreso alá no ano 77. Ela saía convencida que estaba de parto, máis o prestixioso doutor tiña a teima que non era así, e mandoulle volver en dúas semanas á consulta. Nada máis chegar a Bretoña as contraccións aumentaron, e meu pai arrancou con miña nai e con miña avoa de volta cara Lugo no seu Seat 600 a 120 km por hora. Máis a bioloxía non se puido reprimir e houbo que facer unha parada de emerxencia á altura do Salto do Can na curva de Saldanxe. Foise dar a fortuna que alí onde malamente aparcou, vivía unha parteira que prestou os seus prezados servizos no momento máis preciso. E así foi como aproveitei a primeira oportunidade que me deu a vida. Grazas a meus pais por traerme ó mundo e ás parteiras das aldeas por existir. Con esa entrada triunfal non me quedaba outra que aproveitar o mellor que puidera o resto dos meus días.

Na miña etapa escolar, aínda que non estudiei en Lugo, tamén mantiven vencellos indirectos coa capital. Estudiei sempre na pública, e no colexio de Bretoña e no Instituto de Meira, tíñamos mestres e mestras que chegaban da capital lucense e que nos falaban en castelán. Daquela aínda non existían os neofalantes. Criarse nun entorno galegofalante é unha regalía e unha marca de identidade de por vida. Cando as mestras nos falaban en castelán, nós coa rebeldía e inocencia que outorga a propia infancia, devolviámoslle a palabra na nosa lingua nai. Faciámolo porque simplemente respondíamos á razón, e non ás regras. A neurociencia danos outra boa razón, dinos que transmitir coñecemento na lingua nai, beneficia a asimilación e comprensión de calquera concepto novo, facéndose máis rápido que noutra lingua, pero tamén nos di que a información que é emocional pode ser mellor consolidada. Por outra banda, tamén fomos afortunados os que puidemos educar en galego e castelán. A experiencia bilingüe altera a estructura do cerebro e mellora certas funcións cognitivas e tamén pode afectar ao procesamento matemático. De feito, deberíase falar galego e castelán dende a etapa infantil xa que é o período onde se esculpe a neuroplasticidade.

No meu colexio nunca houbo represarías por falar en galego, fortuna a nosa que as etapas de escolarización nos anos 80 non eran coma nas décadas anteriores relatadas no Libro Negro de Carlos Callón. Nunca deixei de falar en galego e aprendín que había que mantelo a conciencia, e ás veces contracorrente e desfrutar deste feito coma un dos maiores praceres que existen. Escribilo e empregalo coma ferramenta no formato que sexa, ata nun pregón, xa é a culminación e levo facéndoo toda a vida. Gústame regar a galeguidade alá por onde vou porque algo sempre florece, e aínda con máis esplendor. A identidade constrúese no que se sabe, no que se di, e no que se fai, e a lingua que se emprega pon a guinda ó pastel.

Lugo sempre estivo, está e estará presente en quen son. Sendo filla dun escultor, tiven a sorte de presenciar o auxe do mundo da arte lucense a finais dos anos 80 e 90. Grazas a este privilexio, non perdemos nin unha soa exposición no Círculo das Artes nin en ningunha das salas e galerías de arte da cidade. Gardo moi bos recordos de ir con meus pais ao Mesón do Forno, onde nos servían churrasco nunha mesa de nome propio, "A Espeteira", reservada a pintores, escultores, músicos, escritores e magos. Con 12 anos fun ó cine por primeira vez, botaban a película “Sempre Xonxa”, para non esquecela. Pero sen dúbida unha das etapas máis gloriosas da miña adolescencia foi o meu paso fugaz pola categoría dos cadetes do Xuncas con 14 anos, agora o Ensino. Os entrenamentos de baloncesto eran ben duros pero que gañas lle poñíamos. E como non aqueles partidazos do Breogán, vibrando coa maxia do xogo no pavillón coa pelota batendo na cancha, que emocionante, pónseme a pel de pita só recordalo. A marabillosa década dos 90 cando viña co Breogán enfrontábase ó Madrid, o Barça, o Estudiantes ou o Joventut de Baladona e despois agardábamos ó final dos partidos a que Villacampa, Petrovic, Lasa ou Fernando Martín nos firmaran as carpetas do instituto.

Os anos pasaron e unha vez máis o azar quixo separarme de Lugo. Convencida desde a EXB que quería estudar Bioloxía, xusto o ano que rematei COU foi cando quitaron Bioloxía do campus lucense, e marchei a Compostela. Lugo sempre quedaba de paso. Cada fin de semana collía o autobús da Freire o domingo á noitiña e regresaba o venres á tarde. Rematada a carreira despois duns anos en Compostela, e coa teima de non quere opositar a nada, seguín coa miña inclinación de facer un doutoramento, e para facelo en condicións, non me quedou outra que emigrar. Fíxeno grazas a unha bolsa predoutoral que me concedera a Universidade Autónoma de Barcelona. E unha vez máis Lugo foi o punto de partida, a miña peregrinaxe comezou baixando pola rúa Castelao cara estación do ferrocarril. Porque Lugo ten tren, ou non ten tren? Vaia se o ten. Seica que dende o ano 1875. Si, ese tren ó que lle cantaba Andrés do Barro, o tren que nos leva pola beira do Miño, me leva e me leva polo meu camiño, o tren vai andando pasiño a pasiño lonxe do noso lar e cara o mellor destiño, quizáis cara á terra da felicidade. Canta verdade gardaba. O tren arrancaba de Lugo os domingos á tardiña e chegaba o luns ó medio día á estación de Sants en Barcelona. Aquelas viaxes con tantos cambios e múltiples paradas eran, e seguen sendo, de 18 longas horas en vagóns con cabinas compartidas para seis, dábame para ir a Houston e volver. Ferruxentos trens que tiñas que tapar os oídos cando entraba nun túnel polo estrondoso chirrido que facía tanto ferro. Toda unha aventura. A maioría dos ocupantes eran emigrantes galegos en Cataluña que volvían cada certo tempo ás aldeas a ver a familia e encher as maletas de produtos da terra. De cada vida poderíase escribir un conto cunqueirano. Ese tren era a miña conexión coa casa, quen me levaba e me traía ata que xa non me trouxo máis. Maila é verdade que Lugo precisa un tren de alta velocidade polo que hai que loitar, merecémolo, un que nos comunique con axilidade e non nos roube o tempo, e sobre todo un que te leve pero que se acorde de traerte de volta. Ós cinco anos na capital catalana, seguíronlle catro máis coma investigadora posdoutoral en París, e despois tocou tomar rumbo ás Américas para asentar o niño e continuar labrando a profesión. Para moita xente, as científicas e científicos que partimos para formarnos e traballar fóra, non somos emigrantes, prefiren chamarnos “cerebros fugados”, os que saímos na procura dese “impulso aventureiro” como sentenciaban dende Madrid. Saímos na procura das oportunidades que a nosa formación merecía. Levamos xa décadas de “fugas” invisibles. Nin os gobernantes nin a oposición son capaces de artimañar un plan realista de captación a longo prazo que abra as portas do retorno que para moita xente xa é demasiado tarde. Pero si que se poden construír pontes que acheguen a diáspora científica a Galicia e que axude a reter os que aínda non marcharon. Porque en realidade, prezados lucenses, os de fóra sempre estamos presentes, aínda que non sempre en corpo. Podemos crear programas de mentorado, colaboracións científicas e abrir as portas dos nosos laboratorios no exterior para estancias da rapazada galega. Moito por facer, nesta na sociedade globalizada temos que seguir apoiándonos uns aos outros. Saben vostedes que as galegas e galegos temos a enorme capacidade e buscarnos a vida en calquera recuncho do mundo, e emigrar vai a carón da nosa definición. Xa o dicía o lucense Rof Carballo no seu libro “Mito e realidade da Terra Nai”, pode que o primeiro libro de divulgación científica escrito en galego alá no ano 1957, -“Todo bo galego camiña pola vida con isa especie de estraño meigallo que levamos coma un destino”.

A emigración é un fenómeno constante, mais a emigración de agora, coma todo, non é coma a de antes. Cantos colleron rumbo ás Américas co posto e non cumpridos os dezaseis anos e que tardaron unha vida en volver, e cando o fixeron non recoñecían o que deixaran atrás e ninguén os coñecía a eles. Falaba e debuxaba esta dor o señor esculpido en bronce que temos na rúa da Raíña no seu “Sempre en Galiza”: - “Síntome emigrante e declárome incorporado á Galiza emigrante. A nosa emigración paréceme o erro máis terrible que cometeu Galiza, se é que se trata dun movemento consciente e non dun impulso involuntario e fatal”. Que razón tiña Castelao. Eu emigrei por ese impulso consciente e levo máis de dúas décadas sementando novos horizontes fóra do país e sen que me abandonase a nostalxia. Non hai nada coma irse fóra para valorar e apreciar o que antes non se vía desde dentro. O primeiro que facemos os galegos e galegas cando chegamos a unha terra descoñecida é buscar veciños nos centros galegos e nas comunidades galegas do exterior. As raíces da diáspora son frondosas, somos máis de medio millón de galegos e galegas que vivimos na actualidade fora, e de quen poucas veces se fala. Abrazamos o galicianismo e o galeguismo que nos fai estar máis preto da nosa terra, e logo emérxenos a fortaleza de crear pontes. Nunca dubidei que os froitos do meu sacrificio e traballo en investigación, repercutirían na sociedade galega, e iso é o que me motiva. Pero non nos pidades, con certa intención egoísta, que regresemos facer pola matria desde dentro, xa que séculos de historia demostran que non é necesario estar presente para contribuír ao desenvolvemento do país. Porén, abrídenos todas as portas da muralla e, con elas, que cheguen os aprecios para establecer sólidas pontes entre Galicia e a diáspora. Permitídenos que os que residimos no exterior tamén nos integremos na sociedade galega, participemos activamente porque temos moito que aportar, non fagades que a nosa existencia quede só nun espellismo. Teño a esperanza que no futuro que nos traerán as meniñas da diáspora. As que naceron fóra, pero tamén son daquí. As meniñas que falan galego sen contar para nota, as que medraron no biculturalismo e no trilingüísimo e que recoñecen que pertencen a varias terras.

Cando me preguntan como vexo a miña terra dende a “Galicia exterior”, respondo que non a vexo mal. A xente socializa e o consumo é importante para a economía. Xurdiron festas que seica son tradicións. Xurde a defensa do patrimonio e a devoción pola música e a cultura popular, que oxalá callen. Que faríamos sen os impulsores da identidade cultural que traballan de arreo con tanta ilusión dende o asociacionismo. A xente non se quere quedar sen nada, e o que non se atopa en Galicia, logo non existe. Valorase a boa conversa, que ben sendo a ferramenta para transformarnos, levar unha vida máis plena e ser mellores persoas. A neurociencia dinos que conversar fai que aumentemos as conexións neuronais, melloremos as decisións e o razoamento, detectemos erros e busquemos alternativas, aclaramos as ideas do mundo coma da nosa forma de sentir. Porén, percibo moita obediencia e resignación ante tanta normativa, caia a pandemia que caia. Vexo moita lei vestida de beneficios sociais que fai á xente máis amarrada, menos libre e con menos ambición para medrar. Percibo certa frustración laboral porque non sempre repunta quen loita, ó mellor pola falta de apoio a quen o merece. Tampouco vexo drama nin desprezo a todo isto, incluso cando a saúde non é prioridade a indignación de moitos males remata a golpe de “gústame” no móbil, sen outra acción. Dáme mágoa que a xente nova con carreira gañe menos do que merece, viva sen máis ilusión e a súa capacidade se vexa minguada. Lugo vai a mellor porque é unha cidade afable e vivir aquí é un luxo. A grandiosidade e o poderío da cidade amurallada é a envexa de calquera civilización. Lugo realza a arte, a arquitectura, a música, a literatura e a riqueza cultural dunha cidade dinámica. Ben sabemos que o noso patrimonio xenético non define o noso destino, polo que botando man da cultura adquirimos unha enorme forza para modular a plasticidade do noso cerebro mellorando a memoria, as sensacións, as emocións, e as percepcións que se modulan coa diversidade cultural e co benestar social. Desexo que Lugo sexa aínda máis potencia con proxección internacional, vangarda, innovación, con espazos abertos e participativos, máis apoio á investigación no campus, sen desprotexer o patrimonio histórico e cultural que caracteriza a cidade. Aposto pola empatía da xente, pola xenerosidade e o bo facer dunha sociedade respectuosa e agradecida. Pero sobre todo aposto pola xente nova, polo xermolo do que está por vir. Unha rapazada que busque alicerces que esperten as inquietudes sen poñerse teitos, que non se conformen con calquera cousa, máis reivindicativa e menos mansa. Porén, son consciente que eu non estaría hoxe aquí subida coma protagonista se non fora polas mulleres da provincia que se dedicaron a traballar duro e queixarse pouco ou nada. Non deixo de emocionarme ó pensar nas mulleres que traballaron sen descanso coma miña avoa e miña nai. As que cantaron versos á maternidade pero coa experiencia de parir e criar, as que choran á emigración despois de deixar marchar un ser querido, as que loitaron dentro das institucións sendo desprezadas e apartadas, as escritoras e poetas que crearon obra firmando con nome de home, ou ás científicas que me precederon ás que lles roubaban a autoría das súas descubertas. Non podemos esquecer as que abriron camiño fai varias décadas porque aí está a valía e o heroísmo. Agora as Tanxu pían cos politonos nos vosos móbiles, e está moi guai, pero non esquezamos décadas antes as de Leilía facían recollidas das letras e cantaban polas parroquias, Guadi Galego dáballe os acordes ás paroladas filosóficas de Berrogueto nos baixos das Crechas, e Mercedes Peón despois de rapar a súa longa melena, subía ós escenarios a berro seco as cantigas recollidas nas aldeas ó son da gaita e batendo o sacho cunha pedra. Admiración por aquelas escasas parlamentarias alá anos 90 rodeadas de tanta garabata, coma as benqueridas María Xosé Porteiro ou Pilar García Negro, que co seu talento e vocación erguían a dignidade das mulleres sen facer espavento ningún. Lucenses coma as admiradas Marica Campo e Margarita Ledo que deixaron e seguen a deixar a pegada nas letras e nas artes cinematográficas. E en resumo, a todas as pioneiras que labraron a terra rancia, seca e dura para que anos despois fose frutífera, nutrida e produtiva e deste xeito as que chegábamos, coma as patacas de cedo, tivésemos unha boa medra. Ás que en definitiva, traballaron duro en circunstancias máis desfavorables cas que nos tocan lidar agora, ás que se revelaron dende a invisibilidade e gañaron as batallas.

Permítanme seguir a miña viaxe e lle vaia poñendo fin. Adapteime ós novos fogares que me acolleron, aprendín linguas e a respectar outras culturas e xentes. Despois de catro anos en París, aterramos o meu home e máis eu nos EE.UU. no ano 2010 con dúas maletas e una nena debaixo do brazo. Nada máis chegar, traballei con ganas e brindáronme máis oportunidades das que me facían falta, e comprendín a dimensión real do apoio á investigación científica.

Aínda ben non levantamos cabeza dunha pandemia desafiante que sacou o mellor e o peor de cada un de nós e deberíamos sacar as leccións aprendidas. A pandemia deixou máis de catro mil mortos en Galicia e unha sociedade máis feble de saúde. Dos aplausos ós sanitarios viñeron as pedradas e parece que non aprendimos nada. Este maltrato pode levar a unha situación insostible e perigar unha sanidade pública de calidade. O persoal sanitario non se pode asfixiar, nunca deixaron de ser esenciais e hai que coidalos para que nos coiden ben. A boa información foi crucial para rescatarnos de moitas aflicións e preservar a nosa saúde física e mental. Temos que escoitar ás voces que achegan información contrastada, validada e rigorosa. Non nos deixemos distraer polas frivolidades que nos quitan folgos e rouban o noso tempo, e que non importan para nada nas nosas vidas. Esquivar os discursos incoherentes e populares, que non amosan empatía, pero conseguen mobilizan ás masas. A ciencia trae saúde, alimenta o coñecemento e disipa os medos. Beber dela danos alentos e esperanza. Teño un soño que nos vindeiros anos nos acheguemos a tratamentos personalizados contra os cancros que permitan a cura e eliminen a remisión, que a metástase non sexa unha sentencia e que cheguen os avances no diagnóstico inmediato. E teño un soño que alimento coa inspiración e a motivación que me dan os meus quereres e agarrándome ó apoio que me dá traballar no meirande centro de investigación biomédica do mundo. Soño con dar cun remedio que alivie as demencias, esa terrible doenza que borra a memoria e que destrúe calquera vestixio da persoa. Soño que os danos cerebrais sexan reversibles e que mellore a calidade de vida dos doentes. E os meus soños son os impulsos que me fan avanzar.

E xa para ir rematando, para o que viñemos, ó que imos, hoxe comeza o SAN FROILÁN. Botemos unha pequena ollada atrás. O deus Lugh venerábase nas festas do Lughnasad, o mesmo que lle deu nome a esta cidade antes de ser latinizada e romanizada transformándose en Lucus Augusti. Cidado co seu patrón, o San Froilán, sempre acompañado dunha pomba e dun lobo ós que lle daban abeiro. Nos sanfroiláns de agora aínda perduran algúns vestixios das feiras de antano. No Lucus Augusti mercantil vendíase de todo. Nesta praza na que nos atopamos, proclamábanse todo tipo de charlatáns para tratr a mercancía ó prezo de quen mellor destreza tivese para o regateo. A feira de gando situábase na Porta da Mosqueira e o domingo das mozas achegábanse a Lugo ás mociñas da provincia que estaban libres da tutela paterna, que naqueles tempos podía representar o primeiro símbolo da emancipación da muller galega, cando non era habitual que as mozas dispoñeran de tanta liberdade. Tiñan que sacar proveito da ocasión e lucir as mellores xoias da artesanía que son os traxes rexionais, con esas enaguas brancas co remate de puntilla, coa saia vermella cor sangue, e coas cintas negras e sen esquecer o mandil de terciopelo negro e bordado en azabache. Acabo de describir o traxe que levei o día da miña primeira comunión. Darío Xohán Cabana no seu pregón do San Froilán recordábanos a orixe labrega das festas eran a simbiose entre a cidade e o agro. A esta feira do gando achegabanse as xentes das aldeas. Mais hoxe en día pouco teñen que ver co señor Pelúdez e coa señora Filomena. Falar do San Froilán é falar das tradicións, das xentes da capital e do rural que se achegan para gozar da festa. Lucenses, por citar algunhas vilas, de Bretoña, Pastoriza, Foz, Riotorto, Sarria, Mondoñedo, Cervo, Fonsagrada, Monforte, Castro de Rei, Friol, Taboada, O Corgo, Meira, Vilalba, Lourenzá, Burela, Viveiro, Ribadeo, Baralla, Cospeito, Palas de Rei ou a Monterroso. Animo a todos vostedes a desfrutar das festas coma protagonistas, a gozar do bo comer e do bo viño nas casetas, do pulpo á feira con cachelos e pimentón. Desfrutade do baile con Cántigas e Frores, da arte e da artesanía, das charangas, do folclore, dos fogos artificiais, dos eventos culturais e da festa popular. Que vos acompañen ás vosas crianzas para que gocen con vós. Sendo unha nena, lémbrome con nostalxia cando contaba os días que quedaban para o San Froilán e coidaba da escolla da roupa e dos zapatos que levaría. Memorias da infancia tecidas a altas doses de adrenalina, cheas de luces e cores nas barracas e nas atraccións. os cantos dos feirantes animándonos a participar na tómbola da boneca chochona pola que devecíamos, que sempre toca ou non, e non podíamos coa emoción cando nos daban unhas fichas para ir no saltamontes ou nos coches de choque. E o arrecendo a churros recen feitos e xa non digamos bañados no chocolate. E remato agradecendo ó Concello de Lugo, área de cultura e turismo, por abrir as portas da muralla á xente da diáspora, por estreitar os lazos que nos unen coa nosa terra, pola acollida e por darnos espazo aínda que vivamos a moitas leguas de distancia. Moitas grazas ás miñas fillas Shayla e Sabela, á miña familia por ser a base de todo, e a todos os presentes por tan boa acollida que fai que volver a Lugo sempre sexa volver á casa coma unha profetisa. Miren onde estou. Que a festa traiga a alegría e disipe a tristeza e as preocupacións. Chegou o momento de gozar dos sons das gaitas e dos bailes nas rúas, dos concertos e das atraccións para todas as idades e gustos. Imos deleitarnos co pulpo e cos cachelos sen importar o prezo, e gozar da boa comida xunto cunha copa de viño na praza do Campo. Que Lugo brille con orgullo e teña o recoñecemento internacional que merece. E remato o meu pregón ben fachendosa delo, e prométovos que seguirei pregoando Lugo o que me quede de vida e sen importar os océanos que nos separen.

Os bos e xenerosos

a nosa voz entenden

e con arroubo atenden

o noso rouco son,

pois, onde quer, xigante

a nosa voz pregoa

a redenzón da boa

Nazón de Breogán.

Brindemos por Lugo,

polo seu pasado, presente e futuro.

Brindemos por Lugo,

Pola xente de aquí e acolá

Pola xente no Rodicio

Pola xente de Tras da corda,

Brindemos por Un millón de vacas.

Brindemos por Lugo e polas súas festas.

VIVA O SAN FROILÁN‼

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.