Dicía Álvaro Cunqueiro que as festas de San Froilán eran "as máis belas do outono galego" e tamén Manuel María defendeu que eran as meirandes festas populares de Galicia. Durante unha semana milleiros de persoas de todo o país pasarán por Lugo nuns festexos marcados pola música, as atraccións e, por suposto, as casetas do polbo. Este mércores comezan as festas de San Froilán (declaradas de interese turístico galego e estatal) que rematarán o vindeiro xoves 12 de outubro. O programa completo de actividades pode consultarse nesta ligazón.
Sonia Villapol será a encargada de abrir as celebracións cun pregón que lerá a partir das 20 horas dende a Casa do Concello. o igual que suceden en 2016 en Compostela con Ángel Carracedo, o Campo da Festa aplaudirá unha científica
Sonia Villapol será a encargada de abrir as celebracións cun pregón que lerá a partir das 20 horas dende a Casa do Concello. A neurocientífica da Pastoriza, xefa de laboratorio do Centro Médico de Texas, en Houston, e integrante do grupo internacional de investigación COV-IRT, vén de publicar Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia (Xerais), unha obra de divulgación que repasa estes tres anos de loita científica contra a COVID. Ao igual que suceden en 2016 en Compostela con Ángel Carracedo, o Campo da Festa aplaudirá unha científica, deixando clara a importancia social da investigación e a ciencia.
Carolina Durante, Shego, Elíades Ochoa, Hard GZ, The Rapants, Grande Amore, Baiuca, Luar na Lubre, La MODA ou Rayden porán as música
Pero as festas son, sobre todo, música e baile. Lou Marini & Red House Revival (21 horas na Praza de Santa María), o IV Electronic Music Fest (ás 21.30 horas na Praza da Mosqueira), Carolina Durante (ás 22 horas na Horta do Seminario) e Triquell (ás 22 horas na Praza de Santa María) porán a melodía desta primeira xornada de celebracións.
Nos días seguintes, será a quenda de Shego (xoves 5), Elíades Ochoa (xoves 5), Hard GZ (venres 6), The Rapants+Galician Army (venres 6), Catuxa Salom (sábado 7), Grande Amore (sábado 7), Baiuca (domingo 8), Luar na Lubre (luns 9), Israel Fernández (martes 10), Pongo (mércores 11), La M.O.D.A. (mércores 11), Viva Belgrado (mércores 11) ou Rayden (xoves 12), entre moitas outras bandas e artistas.
As festas achegan maxia aos barrios da cidade e tamén haberá teatro, feiras e, por suposto, o San Froilán Miúdo
Pero o San Froilán é moito máis, dende os pasarrúas, charangas e xigantes e cabezudos que enchen de animación as rúas, as festas achegan maxia aos barrios da cidade e tamén haberá teatro, feiras e, por suposto, o San Froilán Miúdo, cunha chea de actividades para as crianzas dende este mesmo mércores.
As actividades do San Froilán Miúdo desenvólvense principalmente na carpa propia dedicada á programación infantil, aínda que as obras de teatro, concertos, espectáculos de títeres e de maxia esténdense por outras localizacións, como a Praza Maior ou a Praza da Soidade.
Tampouco faltarán os Pelúdez, a ficticia familia -creada por Antonio de Cora e continuada por José Trapero Pardo e José de Cora- que pasea polas rúas de Lugo durante o San Froilán e que comezou hai máis dun século a deixar nas páxinas de El Progreso a súa visión sobre as festas e outros temas. E, claro, o polbo, que se pode degustar nas casetas, garigolos e restaurantes, moitos deles con todas as súas mesas reservadas dende hai tempo.
O Domingo das Mozas (este ano o 8 de outubro) é o día grande das festas, no que se leva a cabo unha Ofrenda floral a Rosalía de Castro
Aínda que a festa non se detén durante os seus nove días de celebracións, hai todos os anos algunhas xornadas clave. Dende logo, o día inaugural no que se le o pregón (o 4 de outubro), sempre na véspera da propia festividade de San Froilán (o 5 de outubro), chamado antigamente "Día dos Patróns". Tamén o Domingo das Mozas (este ano o 8 de outubro), día grande das festas, no que se leva a cabo unha Ofrenda floral a Rosalía (este ano por parte de Melania Cruz) no Parque de Rosalía de Castro e unha exaltación do traxe galego. Igualmente, cómpre destacar o día de peche das festas (12 de outubro) e a noite da súa véspera. Así mesmo, todos os anos o sábado anterior ao Domingo das Mozas dedícase á cidade de Ferrol, irmandada con Lugo.
Aparcamentos disuasorios e autobús ata as 3 da madrugada
Os aparcadoiros do Pazo provincial dos Deportes e o das Termas funcionarán durante o San Froilán como aparcadoiros disuasorios de gran capacidade
O gran número de persoas que acoden ao San Froilán obrigan todos os anos ao Concello de Lugo a poñer en marcha un complexo sistema de seguridade, limpeza e mobilidade para asegurar o correcto desenvolvemento das celebración. Así, por exemplo, a área de Transición Ecolóxica habilitou un dispositivo especial de limpeza ao que destina máis de 50 traballadores e traballadoras.
De igual xeito, as principais liñas de autobús que comunican o centro coas distintas zonas da cidade ampliarán o horario de servizo ata as 3 da mañá para permitir a toda a veciñanza que queira asistir ás festas poder volver á casa de maneira segura. Así mesmo, os aparcadoiros do Pazo provincial dos Deportes e o das Termas funcionarán durante o San Froilán como aparcadoiros disuasorios de gran capacidade, onde se poderá deixar o coche e achegarse en bus ata o centro da cidade. As liñas 1.2, 1.4, 9, 10, 12 e 13 comunicarán o centro cos dous aparcamentos.
A área de Cultura habilita puntos violeta entre as nove das noite e as dúas da madrugada
Outra das prioridades é evitar a violencia machista en todas as súas expresións. A área de Cultura habilita puntos violeta para que todas as persoas que o desexen poidan achegarse a recibir información ou comunicar calquera tipo de situación de acoso sexual. Prestará atención os días 4, 5, 6, 7, e 11 de outubro entre as 21:00 e as 02:00. Ademais, os taxis actuarán durante o San Froilán como “puntos violeta móbiles” grazas ao traballo conxunto entre o Concello e a Asociación de Taxistas.