Se vostede é de Lugo ou visitou con recorrencia a cidade nos seus días máis festeiros é posible que saiba moito -ou todo- do que lle imos contar a continuación. Se nunca estivo -difícil, mais non imposible- ou hai tempo que non puido celebrar o San Froilán, achegámoslle unhas cantas liñas prácticas -tips, como lle din agora- sobre o que acontece na urbe da Muralla do 4 ao 12 de outubro
As barracas
Ou o feiral. O que noutros lugares son as atraccións ou os cochitos. Máis de 20.000 metros cadrados -si, leron ben- na contorna do centenario Parque de Rosalía de Castro, poeta que recibe unha homenaxe nas festas lucenses cada Domingo das Mozas -disto falaremos despois-.
Chegando dende o centro da cidade atopará vostede unhas churrerías e, de aí en diante, abundancia de todo o que agarda esperar nun espazo coma este. As barracas son as tómbolas (Cachichi, do Cubo -diante desta pode pasar un bo anaco escoitando ao seu responsable, Miro Fernández, conducindo a apertura de boletos coa emoción do mellor dos presentadores dun concurso televisivo, do xamón...), os postos de venda de todo tipo de produtos. E, por suposto, as atraccións mecánicas, dende os coches de choque, os cabaliños ou os Scalextric ás destinadas aos máis ousados, que se concentran na explanada anexa ao Pavillón Municipal dos Deportes, ollando ao Miño.
As casetas
As casetas do polbo. Pero para calquera lucense ou achegado, o apelido sobra. Se son casetas e é outubro, son as do polbo. Abertas dende finais de setembro e ata a fin do mes do outono, os seus días grandes son os das festas. Sitúanse ao pé do parque de Rosalía e na parte superior das súas costas -as costas do parque albergan mil e unha historias vitais do pobo lucense, proben a preguntar-, na rúa Frei Plácido Rei Lemos.
Durante lustros foron catro e chegaron a ser cinco, agora son tres: Aurora do Carballiño, Nadela e Ramiro. A orixe das casetas son as de calquera feira -o San Froilán é festa patronal pero durante décadas foi, sobre todo, feira-, pero co tempo as táboas e toldos foron sendo substituídas por montaxes máis complexas que, a día de hoxe, as converten en equiparables a calquera restaurante. O prezo da ración está taxado polo Concello (14 euros, 2 máis se leva cachelos), pero a oferta gastronómica -e o tícket final- é ben máis ampla.
O día de San Froilán
O día do patrón, 5 de outubro. Festivo na capital lucense e o primeiro dos días grandes das festas. Este 2024 cadra en sábado, polo que será aínda máis festivo, e cadra coa celebración do Día de Ferrol, no que a corporación municipal lucense recibe á ferrolá -que fai o propio polo San Xiao-. É un deses días nos que o centro da cidade e os seus arredores se enchen ata rebordar e no que o máis probable é atoparen, ao dobrar unha esquina, un espectáculo musical ou de danza, unha representación teatral ou unha mostra artesá. Para ir con tempo e gozalo.
O Domingo das Mozas
O domingo seguinte ao día do San Froilán a xente nova aproveitaba para ir ás festas coas mellores galas... e mocear. De ir coas mellores galas vén que tamén sexa o día do traxe tradicional; haberá moita xente pero, quen vai con présa?
O domingo seguinte ao día de San Froilán, que neste caso é tamén o día seguinte. A orixe máis probable da denominación é que o que habitualmente é o único domingo das festas era a xornada na que a xente nova da cidade e -sobre todo- da provincia aproveitaba para ir ás festas e, coas mellores galas, mocear. Por exemplo, paseando arriba e abaixo pola rúa da Raíña ou visitando os postos do feiral.
Desa ansia por coidar a vestimenta nunha xornada tan festeira vén o Domingo das Mozas sexa tamén o día do traxe tradicional. De aí que moitas e moitos o vistan para pasear por Lugo nun día -se o ten ou pode telo, non o dubide- no que a música tradicional ecoa especialmente pola cidade. Na programación oficial, pero tamén espontaneamente nas rúas. Por exemplo, se ten ocasión, non perda a oportunidade de parar pola Praza do Campo contra a hora do vermú.
O Domingo das Mozas acolle tamén a ofrenda anual a Rosalía no seu parque. Este ano, a carga de Marga Portomeñe e Ana Carreira (12:00) co acompañamento musical do histórico coro de Cántigas e Frores. Todo isto, nun día que non é para ir con présa. Haberá moita xente en todo lugar -pero, quen vai con présa ao San Froilán?-.
A Horta do Seminario
Fillas de Cassandra, Milladoiro, Coque Malla, La Perra Blanco, Triángulo de Amor Bizarro ou Mondra destacan no menú de concertos deste ano
Antigamente -e ata hai non tanto- era historicamente iso, a horta do Seminario de Lugo. Non é difícil atopar quen lembre os seminaristas a sachar alí mesmo. A conclusión dunha longa operación urbanística virou dende principios de século parte desas hortas nunha praza pública que acolle moitos actos públicos durante todo o ano e, no San Froilán, algúns dos principais concertos, todos eles de balde.
Este ano pasarán polo escenario da Praza da Horta do Seminario, ao carón do parque de Rosalía, as Fillas de Cassandra (venres 4, 21:00), Dollar Selmouni (sábado 5, 21:00), Sés (domingo 6, 21:00), Coque Malla (venres 11, 21:00) e Milladoiro, celebrando o 45 aniversario do grupo (sábado 12, 21:00).
O outro escenario principal dos concertos do San Froilán é a praza de Santa María, circundada pola Catedral e o Pazo Episcopal. Desta volta ofrece un menú diverso: a Banda Filharmónica o día 4 (21:00), La Perra Blanco (día 4, 23:00), Renaldo & Clara (día 5, 21:00), Artistas del Gremio (día 5, 23:00), Os Melidaos (domingo 6, 20:00), Club del Río (Luns 7, 20:00), María Rodés (martes 8, 21:00), Fetén Fetén (mércores 9, 21:00), Pedro Pastor (xoves 10, 21:00), Triángulo de Amor Bizarro (xoves 10, 23:00), Repion (venres 11, 21:00), Zetak (venres 11, 23:00), Paula Mattheus (sábado 12, 21:00) e Mondra (sábado 12, 23:00).
A familia Pelúdez
Se lle din que Pelúdez non existe, non faga caso. É un paisano que vén á festa coa familia; naceu hai máis dun século e se estes días pasea por Lugo, o máis probable é que o atope
Se lle din que Pelúdez non existe, non faga caso. Existe tal. Naceu nas páxinas do xornal El Progreso hai máis de cen anos e a maior parte da súa vida viviu nas letras de Xosé Trapero Pardo ou, como el lle chamaba, Trapacero. É un paisano que vén á festa coa familia -a súa dona, Filomena, e o fillo e mais a nora, Peludeciño e Vanesa- e cada día conta no periódico o que viu e algunhas cousas máis.
Se vostede pasea por Lugo estes días pode atopar á familia Pelúdez con facilidade. Estarán, seguro, vendo o pregón da artista e escritora Luz Darriba o día 4 na Casa do Concello. Pero tamén botándolle un pé nas orquestras da Praza Maior; obviamente, polas barracas ou nas rúas do centro histórico. Este ano, ademais, realizan unha visita guiada polo cemiterio de San Froilán (domingo 6, 17:30) e visitan a exposición que, no Museo Provincial, percorre a súa ampla pegada nos fondos arquivísticos da institución (venres 11, 19:00).
Estes son algúns dos básicos, pero hai moito máis. Nesta ligazón, o programa enteiro das festas. E nas rúas de Lugo, como escribiu Álvaro Cunqueiro, a "festa máis cabal" e os "días máis fermosos do outono galego". Aínda non existiu quen lle dese quitado a razón a don Álvaro neste asunto -e algún intento houbo-.