Quen o viviu, lémbrao perfectamente. O 4 de outubro de 1984, hai hoxe 40 anos, o ciclón Hortensia chegou a Galicia con ventos de case 160 quilómetros por hora e fortes chuvias, especialmente na véspera
Quen o viviu, lémbrao perfectamente. O 4 de outubro de 1984, hai hoxe 40 anos, o ciclón Hortensia chegou a Galicia con ventos de case 160 quilómetros por hora e fortes chuvias, especialmente o 3 de outubro. As previsións de "ventos tempestuoso" levaron as autoridades a advertir a poboación sobre o risco existente, como probablemente nunca se fixera. E as advertencias non foron esaxeradas: o Hortensia provocou unha morte en Galicia e cinco máis no resto do Estado e uns danos materiais millonarios. Ademais, varias ducias de persoas resultaron feridas no noso país por caídas ou polo impacto de obxectos e ponlas de árbores.
A Delegación do Goberno declarou a "situación de urxencia ata que teña desaparecido o perigo", as clases foron suspendidas, nalgúns casos xa na tarde do 3 de outubro, e a frota pesqueira ficou nos portos. O 4 de outubro foron moitas as estradas e vías do ferrocarril cortadas pola caída de árbores e os servizos de autobús ficaron suspendidos en moitos casos. Ademais, decenas de milleiros de persoas en todo o país ficaron sen electricidade, nun momento no que os cortes eléctricos eran moito máis habituais que na actualidade.
A consecuencia máis grave foi a da morte dun home de 77 anos que sufriu o impacto dunha tella no barrio das Atochas da Coruña
As portadas de prensa do día seguinte reflectían a intensidade da borrasca. Galicia, colapsada por la tormenta, líase en La Voz de Galicia; En miles de millones de pesetas se calculan las pérdidas en Galicia a causa del temporal, destacaba Faro de Vigo.
A consecuencia máis grave foi a da morte dun home de 77 anos que sufriu o impacto dunha tella no barrio das Atochas da Coruña. As ducias de persoas feridas que nese día chegaron aos centros sanitarios sufriran sobre todo accidentes semellantes, aínda que con efectos menos graves. Ademais, foron milleiros as persoas que sufriron danos provocados polo Hortensia: alpendres derrubados polo vento, tellados levantados, árbores arrincadas... Os campos de cultivo, así mesmo, ficaron arrasados en moitos puntos.
Milleiros de persoas sufriron danos provocados polo Hortensia: alpendres derrubados polo vento, tellados levantados, árbores arrincadas, cultivos estragados, estradas cortadas e varias horas sen electiricidade
Carballo barrallou solicitar ser declarado zona catastrófica, con danos importantes en toda a comarca de Bergantiños e Costa da Morte; na Ría de Arousa, varias bateas afundiron ou ficaron varadas nas praias; en Pontevedra descarrilou un ferrocarril; en Ferrolterra, un dos guindastres de Astano foi derrubado; en Ourense o vento derrubou unha das paredes do campo de fútbol.
E en Lugo, onde as festas de San Froilán estaban a piques de comezar, o recinto feiral ficou arrasado e a celebración das festas estivo en risco. Porén, a mellora do tempo permitiu que o Domingo das Mozas, dous días despois, se puidese celebrar con normalidade. El Progreso destacouno na súa portada cun "Estamos salvados".
No seu momento marcou récords históricos de velocidade do vento, que tardaron anos en ser superados, especialmente coa chegada da borrasca Klaus en xaneiro de 2009
O Hortensia quedou gravado na memoria colectiva das persoas que o viviron, fosen adultos ou nenos ou nenas. As súas consecuencias foron importantes, seguramente inferiores á alarma previa, pero destacados igualmente. En boa medida, se cadra, lémbrase máis esa alarma e o medo que levou aparellado que os seus propios efectos reais.
No seu momento marcou récords históricos de velocidade do vento, que tardaron anos en ser superados, especialmente coa chegada da borrasca Klaus en xaneiro de 2009. De feito, o refacho de vento máis forte rexistrado nunca en Galicia (uns 229 km/h) deuse en Estaca de Bares (Mañón) o 23 de xaneiro de 2009. O vento non só foi intenso, senón que esta intensidade se mantivo durante moitas horas. No Monte Ventoso, en Ferrol, a intensidade media do vento ao longo do todo o día roldou os 100 quilómetros por hora, unha marca que só foi superada anos máis tarde.
En Lugo, onde as festas de San Froilán estaban a piques de comezar, o recinto feiral ficou arrasado e a celebración das festas estivo en risco
En ocasións é citado aínda como un furacán, porque efectivamente chegou a ser un furacán de categoría 1, preto do seu lugar de formación, ao sur das Bermudas. Posteriormente, no seu desprazamento polo Atlántico cara ao oeste foi perdendo intensidade e virou de novo nunha tormenta tropical. Xa preto das costas galegas a súa combinación cunha borrasca subtropical deulle novo pulo e incrementou o seu poder de destrución.