Baiuca e Biznaga, nas Festas do Apóstolo que pregoará Blanca Millán

Espectaculo pirotécnico durante as Festas do Apóstolo de 2023 © Concello de Santiago

Maika Makovski, a Orquestra Bravú Xangai ou Sés estarán tamén nas festas compostelás, cuxo cartel homenaxea o deseñado por Castelao para a mesma celebración en 1912

O pregón de Blanca Millán, xogadora do Baxi Ferrol que vén de pechar unha "temporada espectacular", abrirá o vindeiro día 18 as Festas do Apóstolo. A baloncestista compostelá non ocultou este xoves o "orgullo" por ser a elixida polo Concello para pregoar (21h30, Praza do Obradoiro) unhas festas que, como é tradicional, se estenderán ata final de mes.

O concerto de Biznaga, na Praza da Quintana, abrirá ese mesmo día 18 unha programación musical na que tamén destacan nomes da escena galega como Baiuca (o día. 27, no mesmo escenario), Sés (o día 21) ou Orquestra Bravú Xangai (día 31). Canda eles, artistas doutros puntos do Estado e internacionais, como Maika Makovski (na Quintana no serán do Día Nacional) Youssou N'dour (o día 22) ou o cantante e pianista Serafín Zubiri canda a Banda Municipal de Música.

Blanca Millán, flanqueada por Goretti Sanmartín e Pilar Lueiro, na presentación do programa do Apóstolo 2025 © Concello de Santiago

Media decena de orquestras no escenario da Alameda, actuacións como as de Mj Pérez ou Sheila Patricia no parque de Galeras ou o TradFest en Mazarelos e Bonaval destacan tamén nun programa ao que volve a Festa Pícara no Parque de Eugenio Granell. Celebrarase o martes 22, con xogos, teatro e música ao longo de toda unha xornada que finaliza, ás 19h30, co concerto tributo Lembra Xabarín.

O programa do Apóstolo inclúe tamén, "tras o éxito de público do ano pasado", o ciclo Compostela Cinema, con filmes en varios barrios da cidade. E o ciclo Danza no Camiño, con 18 compañías. E, por suposto, os fogos do Apóstolo -lanzados dende a Cidade da Cultura e dende o Parque de Carlomagno na noite do día 24- e mais os fogos pequenos, a fin da festa o día 31.

Un día antes do inicio da programación, o 17, comezarán a funcionar as atraccións na Alameda para unhas Festas do Apóstolo que este ano homenaxean co seu cartel o que Castelao deseñou para a mesma celebración en 1912. O cartel de 2025, explica a concelleira Pilar Lueiro, "reinterpreta o orixinal, cuxa reprodución se pode ver nos corredores do Pazo de Raxoi ou na exposición Traxes e cores de Galiza, no Colexio de Fonseca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.