Tres puntos. É a diferenza que o ESBVA francés levou de Ferrol na ida da final da Eurocup ante o Baxi (75-78). O equipo galego mantén o soño vivo na súa primeira participación en Europa. O soño de gañar o título ante o prestixioso equipo galo tras un intenso partido no que as universitarias superaron o grande inicio das visitantes para rozar un empate que puido chegar na última xornada do partido.
O Baxi Ferrol terá que remontar tres puntos o vindeiro 2 de abril en Francia para conseguir a Eurocup na súa primeira participación
Será o vindeiro 2 de abril (ás 20:30 horas e en directo pola G2) cando se ditamine o equipo campión... Aínda que o Baxi xa gañou. Gañou o recoñecemento do baloncesto europeo pola súa traxectoria na competición no ano da súa estrea, gañou a admiración global polo seu esforzo e valentía a cada partido e gañou, por riba de todo, unha comuñón única cunha afección que este mércores volveu ser o sexto xogador.
Unha Malata ateigada premiou con ovación o esforzo e o bo xogo ao final dun partido no que mantivo o seu equipo sempre en pé. Nun encontro igualado que dominaron as francesas no inicio pero que o Universitario soubo pelexar ata marchar ao descanso con dous puntos de vantaxe (44-42). Ningún dos conxuntos conseguía escapar no marcador, tampouco nun remate no que a checa Pospisilová intentou unha tripla que tería coroado unha xornada épica.
Non entrou pero pouco máis tiña xa. O Baxi Ferrol volveu demostrar que o ESBVA terá que suar, e moito, se quere espertar do soño ás xogadora do Uni. Leva só tres puntos de vantaxe para o partido definitivo de Villanueve D’Asqt, na área metropolitana de Lille, no norte de Francia, onde varios centos de ferrolás e ferroláns acompañarán as de Lino López. Para lembrarlles que claro que se pode, pero tamén para advertirlles de que elas hai tempo que gañaron.
FICHA TÉCNICA
Baxi Ferrol (25+19+16+15): Àngela Mataix (17), Moira Joiner (11), Julie Pospíšilová (16), Gala Mestres (10), Clarie Mellia (12) –quinteto inicial– Alba Sánchez-Ramos (2), Carlota Menéndez (0), Blanca Millán (5), Noa Morro (0), Jori Davis (2) y Elena Baldonedo (0).
Villeneuve d’Ascq (33+9+21+15): Carla Leite (25), Shavonte Zellous (9), Caroline Heriaud (0), Haley Peters (12), Aminata Gueye (8) –quinteto inicial– Marie-Paulie Fopposi (8), Maia Hirsch (0), Khari Clark (2), Kadiatou Sissoko (8) y Marie-Eve Paget (6).