Isto é Ferrol! O BAXI pasa á final da Eurocup

As xogadoras do Baxi Ferrol celebran o pase á final da Eurocup © FIBA

En Francia, o Baxi fixo valer a ampla diferenza acadada no partido de ida (93-62) e aínda que perdeu o partido (74-63), logrou o pase á súa primeira final europea no ano do seu debut continental

Xa están na final. As xogadoras do Uni de Ferrol seguen a facer historia e este xoves superaron a eliminatoria de semifinais da Eurocup ante o ASVEL de Lyon. En Francia, o Baxi fixo valer a ampla diferenza acadada no partido de ida (93-62) e aínda que perdeu o partido (74-63), logrou o pase á súa primeira final europea no ano do seu debut continental.

O partido non foi en absoluto doado ante un dos equipos máis fortes do continente, propiedade de Tony Parker, gañadoras da Eurocup hai dúas tempadas e tamén da liga francesa no ano 2023. O ASVEL púxose por diante no segundo cuarto e chegou ao derradeiro parcial cunha vantaxe de trece puntos (63-50) que chegou a ser de 19, preto xa dos 31 que acadaran as ferrolás no partido de ida. Nese momento, dúas triplas de Àngela Mataix e Blanca Millán recurtaron a diferenza e selaron o pase á final.

As ferrolás enfrontaranse na final a outro equipo francés, Villeneuve d'Ascq, nun choque a dobre partido (a ida o 26 de marzo en Ferrol e a volta o 2 de abril en Francia)

O BAXI asentou o seu éxito no xogo colectivo, con catro xogadoras por riba dos dez puntos de anotación, mentres que no ASVEL destacou a actuación Dominique Malonga (22 puntos e 18 rebotes) e Laura Quevedo (23 puntos).

As ferrolás enfrontaranse na final a outro equipo francés, Villeneuve d'Ascq, nun choque a dobre partido (a ida o 26 de marzo en Ferrol e a volta o 2 de abril en Francia) que decidirá as gañadoras da Eurocup, a segunda competición continental en importancia.

“Estar na final de Eurocup é como un conto”, dixo o adestrador Lino López, que lembrou que o Uni se está a enfrontar a equipos con orzamentos moito máis elevados que o modesto Baxi, que comezou a tempada na Eurocup no verán, tendo que superar roldas previas

O BAXI Ferrol quere seguir facendo historia nunha tempada máxica na que está a asentar o seu éxito no apoio da afección da cidade naval, que ten nas xogadoras dirixidas por Lino López un novo motivo para o entusiasmo. Minutos despois de acadar o pase á rolda definitiva, López destacaba que “estamos moi felices, ser quen de competir da forma que o fixemos sendo novatos na competición é algo incrible”. 

“Estar na final de Eurocup é como un conto”, engadiu Lino López, que lembrou que o Uni se está a enfrontar a equipos con orzamentos moito máis elevados que o modesto Baxi, que comezou a tempada na Eurocup no verán, tendo que superar roldas previas

As xogadoras do BAXI chegarán ás 13.35 ao aeroporto Rosalía de Castro de Santiago, nun voo procedente de Xenebra. Dende alí dirixiranse ao Cantón de Molíns

As xogadoras do BAXI chegarán ás 13.35 ao aeroporto Rosalía de Castro de Santiago, nun voo procedente de Xenebra. Dende alí dirixiranse ao ferrolán Cantón de Molíns, onde está convocada a afección do Uni, preto da Taberna Arauxa, que serve de base ao equipo.

Minutos despois de confirmar o seu pase á final, o equipo comezou a recibir as felicitacións públicas, entre elas a do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, da Federación Española de Baloncesto ou doutros clubes do Estado.

É un fito para o conxunto do deporte galego, con escasos exemplos de competicións continentais no palmarés

Trátase, por suposto, da primeira final europea do equipo ferrolán. E, de feito, tan só o Valencia Basket (gañadoras en 2021) e o SPAR Gran Canaria (finalistas en 2003) chegaron á final da Eurocup dende que esta competición -a antiga Copa Ronchetti- ten esta denominación. 

É, ademais, un fito para o conxunto do deporte galego, con escasos exemplos de competicións continentais no palmarés, con excepcións coma os títulos do Liceo ou os recentes triunfos do Burela FS (campioas en 2022 da Futsal Women's European Champions)

Imaxe do partido de ida da semifinal ante o Lyon, xogado hai uns días en Ferrol © FIBA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.