Un contundente 4-0 no partido definitivo da final fronte ao Futsi dá a conxunto mariñao o título de Liga e elévao ao máis alto do palmarés de clubs con máis triunfos nesta competición
Pouco máis de vinte anos de historia e unha vintena de títulos gañados. Campioas en 14 das 16 ocasións nas que disputaron títulos de ámbito estatal dende que pecharan a tempada 2018-19 gañando a Copa da Raíña. O Pescados Rubén Burela fai cotián o extraordinario co seu conxunto feminino, que este mércores acrecentou o seu costume gañador logrando o sexto campionato de liga da Primeira división do fútbol sala.
Cun contundente 4-0, as guerreiras laranxas impuxéronse ao Futsi Atlético Navalcarnero e, ao tempo, igualaron o seu rival no palmarés dos clubs con máis títulos ligueiros, mérito que ata agora só lograra tamén o Femesala Elche. O resultado foi amplo a prol do conxunto galego nun partido que, non obstante, estivo marcado pola igualdade no xogo, pero tamén polo papel destacado de Caridad dentro do cadro burelao.
O conxunto que adestra Julio Delgado conseguiu marchar ao descanso cun 2-0 a prol, pero a festa non se desatou de vez en Vista Alegre ata os tres últimos minutos. Foi daquela cando Antía Pérez cun dobre penalti e Cami, anotando dende campo propio, sentenciaron o partido e a liga.
O ateigado pavillón de Vista Alegre foi outra volta unha festa para un club que alarga a súa lenda mentres tamén é referencia noutros eidos, coma o laboral
A clave estivo na efectividade do Pescados Rubén, mais tamén na defensa. O Futsi apostouno todo ao ataque nos dez minutos finais optando polo esquema de porteira xogadora (María Sanz) para tentar quebrar a defensa das Pícaras. Pero cando o o lograban, Caridad respondía. Foi finalmente Cami, a porta baleira e a apenas 10 segundos do final, cando a afección laranxa se entregou de vez á festa.
O Pescados Rubén Burela alarga así a súa lenda nun contexto no que o club mariñao non só destaca polos seus éxitos deportivos, senón tamén pola súa política laboral. Así, por exemplo, o Burela foi pioneiro co convenio colectivo das xogadoras, no que xa en 2018 destacaban as axudas á conciliación e á crianza.
O cheo de Vista Alegre para presenciar o terceiro partido da final do play off polo título da Primeira Iberdrola FS estivo acompañado por unha ampla presenza institucional. A alcaldesa de Burela, Carmela López; o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ou o vicepresidente e responsable de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro, acompañaron o presidente do club, Manolo Blanco, no encontro e na entrega de trofeos. A Xunta e a Deputación lucense transmitiron na noite deste xoves os parabéns ao Burela polo seu novo triunfo, que chega apenas dez días despois do ascenso do conxunto masculino do club á Primeira División.