A Mariña e Burela seguen presumindo de equipo feminino: once títulos consecutivos

As xogadoras do Burela celebran o título da Supercopa © RFEF

O Burela Pescados Rubén suma once títulos consecutivos logo de gañar a Supercopa a pasada fin de semana

A Mariña e Galicia celebraron a pasada fin de semana outra copa. Da man do xa histórico Burela de fútbol sala, equipo feminino que encadeou o seu undécimo título consecutivo ao vencer o Futsi na final da Supercopa, apañar a cuarta para as súas vitrinas e facelo tres meses despois de proclamarse campioas de Europa. 

O considerado mellor equipo do mundo da especialidade mantén o ronsel de vitorias logo de que a pasada temporada sumase un novo título de Liga e Copa a un palmarés inigualable. Máis incrible aínda nunha entidade con 20 anos de historia e cuxa sección feminina viu a luz en 2008 estreándose na antiga División de Prata. 

As xogadoras do Burela celebran o título da Supercopa © RFEF

Con menos de quince anos de historia, o Burela feminino segue a sumar títulos e está considerado o mellor equipo do mundo

Desde aquela, un ascenso inmediato á elite e un continuo camiño de éxitos inaugurado coa Liga e a Copa conquistadas en 2013, ás que seguirían a Liga e a Supercopa de 2016, a Copa da Raíña, a Supercopa e a Nations Futsal Cupa de 2019 ou dúas Ligas, dúas Copas ee unha Supercopa das dúas últimas tempadas. De broche de ouro, o campionato de Europa acadadado en Lugo o pasado decembro tras vencer o Pescara italiano na final. 

Cun total de 200 deportistas nas diferentes categorías, unha importante masa social na Mariña e a fazaña de contar con dous equipos -masculino e feminino- na elite desde un concello de menos de 10.000 habitantes, nada fai pensar que novos títulos cheguen nos vindeiros meses. 

Ademais, e tal e como destaca a propia entidade, o Burela Pescados Rubén non só ocupou portadas polos seus éxitos deportivos. En 2018 converteuse no primeiro club en formalizar un convenio colectivo de xogadoras profesionais, con axudas á conciliación e á crianza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.