As 'guerreiras laranxas' de Burela reinan no fútbol sala

O Burela, na final da Copa da Raíña © Burela FS

O Pescados Rubén Burela FS gañou este domingo a Copa da Raíña de Futbol Sala, derrotando na final ao Futsi Atlético Navalcarnero na tanda de penaltis, despois de empatar 3-3 o partido. A vitoria chegou, ademais, ante o seu público, nun pavillón de Vista Alegre ateigado, con máis dun milleiro de siareiros e siareiras que non deixaron de animar durante todo o encontro.

É a segunda Copa da Raíña que gaña o Burela FS. Ademais, o equipo foi campión de liga nas tempadas 2012/2013 e 2015/2016

Futsi Atlético Féminas e Burela FS repetiron neste partido a igualdade e a rivalidade entre os dos conxuntos que marcou toda a tempada. As xogadoras madrileñas gañaron finalmente a Liga cos mesmos puntos que o equipo galego, pero con mellor diferenza de goles. Ese duelo e esta final de Copa confirman a estes dous conxuntos como os grandes dominadores do fútbol sala feminino no Estado.

É a segunda Copa da Raíña que gaña o Burela FS, despois da acadada no ano 2013. Ademais, o equipo foi campión de liga nas tempadas 2012/2013 e 2015/2016 e fíxose coa Supercopa de España no ano 2015, sendo subcampioas en dúas ocasións (2013 e 2016).

As xogadoras laranxas, celebrando a vitoria © Burela FS

Futsi Atlético Féminas e Burela FS repetiron neste partido a igualdade que marcou toda a tempada

Tras o 2-2 do tempo regulamentario e 3-3 en prórroga, foi o terceiro penalti, marcado por Cilene tras o erro de Ari, o que outorgou a gloria para as guerreiras laranxas.

O éxito xorde do traballo de anos dunha entidade que ten preto dun milleiro de abonados, o que supón que un de cada dez habitantes de Burela é socio do equipo de fútbol sala, masculino e feminino. Os seus partidos na cancha de Vista Alegre adoitan ser tan espectaculares na pista como nas bancadas. "Temos socios e afeccionados en toda a Mariña e incluso hai seareiros que veñen cada fin de semana desde Asturias para animar o equipo", destacaba a directiva en entrevista con Praza

 

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cami, Peque, Bea Mateos (cinco inicial). Tamén xogaron Jenny, Cilene, Luci, Lara Balseiro, Jozi e Alves.

Futsi Atlético Navalcarnero: Balbu, Leti, Ame, Anita Luján, María Sanz (cinco inicial). Tamén xogaron Bruna, Ju Delgado, Ari, Marta, Gaby e Estela 

Goles: 1-0, minuto 29, Leti; 1-1, minuto 30, Cami; 1-2, minuto 32, Peque; 2-2, minuto 36, Leti // 2-3, minuto 46, Peque; 3-3, minuto 46, Leti. Penaltis: 1-0, Ame; 1-1, Cami; 2-1, Bruna; 2-2, Peque; Ari (fallo); 2-3, Cilene

Celebración da vitoria do Burela FS © Burela FS
Celebración da vitoria do Burela FS © Burela FS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.