Con algo máis de nove mil habitantes, unha pequena vila da Mariña lucense presume de equipo. O seu conxunto de fútbol sala, o Burela Pescados Rubén, vén de debutar a pasada fin de semana na máxima categoría masculina. Os rapaces fixeron a súa estrea a pasada fin de semana nunha Primeira División na que Galicia pode presumir de ser a autonomía con máis representantes, ao unírense os lucenses ao Santiago Futsal e ao Azkar Lugo. Nas mesmas datas, o conxunto feminino disputou a primeira xornada, tamén na división de honra, dunha disciplina que nesta localidade mariñeira só ten unha cor: a laranxa. A da súa marea e a dun club orgulloso por moitos motivos.
Burela é o único equipo do Estado que conta cun equipo feminino e outro masculino na Primeira División de fútbol sala
Porque o Burela é o único conxunto do fútbol sala estatal que pode presumir de ter dous equipos na Primeira División. O feminino e o masculino. No caso deste último, e logo de múltiples intentos e promocións de ascenso, as dificultades económicas doutros clubs servíronlle para acceder a unha máxima categoría da que a vila mariñá xa gozara antes co antigo Cefire, ata que este cambiou a localidade burelá pola veciña Viveiro. "Conseguímolo na pista porque se non chegas á última rolda do play-off, non che corresponde a praza", aclara José Ramón González, presidente dunha entidade que comezou a tempada cunha derrota na casa que non descendeu nin un chisco a ilusión.
Ninguén se rendeu cando o antigo Cefire marchou e en tan só once anos, logo dunha refundación, a máquina laranxa regresou á división de honra. Non o fixo na estritamente na pista, aínda que o merecera por méritos deportivos e económicos, os dun club saneado, exemplar na aposta pola canteira -move 200 deportistas no club e conta con escolas deportivas nas que se ensinan tamén "valores e compañeirismo"- e inigualable en apoio social.
Un de cada dez habitantes de Burela é socio do seu club de fútbol sala, que conta con afeccionados en toda A Mariña e en Asturias
Abonda un dato. Ten preto dun milleiro de abonados, o que supón que un de cada dez habitantes de Burela é socio do equipo de fútbol sala, e os seus partidos na cancha de Vista Alegre adoitan ser tan espectaculares na pista como nas bancadas. Iso, se só tivese afección da súa vila. "Temos socios e afeccionados en toda a Mariña e incluso hai seareiros que veñen cada fin de semana desde Asturias para animar o equipo", engade o máximo dirixente do conxunto burelao.
A marea laranxa, esa que deixa a gorxa animando os seus, tampouco se rendeu nunca. Esa é unha das claves dos éxitos dun club que case multiplicou por dez o seu número de socios desde que se fundara hai once anos e que en categoría masculina chegou a disputar cinco play-offs na busca da elite. As rapazas, que debutaron como equipo na nova División de Prata hai catro anos, fixeron a súa estrea na elite en 2011, logo de acadar tamén as semifinais da Copa de España.
E como se consegue un éxito así? A clave, lembra González, é esa masa social e o apoio constante. Ano tras ano. "Todo se logra grazas á implicación de moita xente, empezando pola directiva, pero tamén grazas a unha masa social se cadra máis implicada e ao apoio empresarial e institucional; sen os folgos que nos dá a nosa afección e a súa fidelidade, non valería a pena matarse por este proxecto", asegura.
"Sen a implicación da masa social e a súa fidelidade, non valería a pena matarse polo proxecto", di o presidente
E en tempos de crise, as cousas fanse máis complicadas, pero o apoio segue. "É moi meritorio que patrocinadores e institucións sigan confiando en nós na situación actual, porque hai menos cartos, privados e públicos, pero aqueles que nos confían en nós ven que hai un retorno importante, o que o fai todo máis fácil", insiste.
O obxectivo, sen dúbida ningunha, "é asentar o club na elite". Afección haina e ilusión tamén. O equipo masculino procurará "lograr a permanencia" nunha tempada na que non hai descensos directos, pero si un posto de promoción que o conxunto laranxa "ten que intentar evitar". No caso das rapazas, e logo dos éxitos dos últimos anos, o propósito é "polo menos repetir o xa acadado". "Pero sempre cos pés no chan", aclara o presidente, que sabe que a ilusión móveo todo nesta entidade. Como cando se propuxeron regresar á elite hai once anos. "Aquela ilusión que tiñamos e o feito de ir ascendendo ano a ano, fíxonos incluso pensar que o poderiamos acadar antes; esa era a nosa esperanza, pero as cousas chegaron ao fin e ás veces, dos malos momentos é de onde saen as mellores oportunidades. Agora hai que consolidarse", remata. Por ganas non será. A marea laranxa vén chea.