As mulleres do Burela Pescados Rubén obtiveron o titulo de Liga ao derrotar con claridade 5-1 ao Atlético de Madrid no pavillón burelao de Vista Alegre. As xogadoras do equipo laranxa dominaron o partido dende o inicio e no descanso xa gañaba 2-0. Este parcial ampliouse no comezo do segundo tempo con dous goles máis. Con 4-0 comezaron as celebracións nas gradas do ateigado recinto. O 4-1 e o 5-1 definitivo chegaron xa no medio da festa rachada.
Foi un día de moita alegría nesta localidade da Mariña, de tan só 9.000 habitantes, pero que presume dun club que é o único en todo o Estado que conta con dous conxuntos nas máximas categorías de fútbol sala. Un de cada dez habitantes de Burela é socio ou socia deste equipo, que debutou na división de prata feminia hai case cinco anos e fixo a súa estrea na máxima categoría en 2011. Ano e medio despois, vén de alcanzar a gloria: "Todo se logra grazas á implicación de moita xente, empezando pola directiva, pero tamén grazas a unha masa social se cadra máis implicada e ao apoio empresarial e institucional; sen os folgos que nos dá a nosa afección e a súa fidelidade, non valería a pena matarse por este proxecto", aseguraba a Praza o presidente, José Ramón González, un dos artífices que podería cualificarse como milagre, pero que é froito do traballo.
Dirixidas por Javier Pardeiro, o técnico, Jozi, Patri, Dolo, Lucía, Dany, Peque, Maite, Lida, Haydée, Paulita e Silvia marcaron 115 goles nesta tempada, fronte aos 36 encaixados.