Unha denuncia da LNFS provocou a suspensión da retransmisión do partido do Burela Pescados Rubén, un capítulo máis nun conflito que vén de lonxe
"Lamentamos non poder continuar coa emisión do encontro debido á ilegal denuncia da Liga e a Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS), coa que nos veremos nos tribunais. Somos humildes pero temos coraxe". Con este chío, o Burela Pescados Rubén denunciaba a suspensión da emisión que a través das súas canles realizaba do partido da primeira xornada da División de Honra entre o equipo mariñao e o Cartagena. De súpeto e aos cinco minutos de partido.
Foi un episodio máis dun conflito no fútbol sala de España que desta vez colleu o equipo galego no medio e que lembra ao que existe tamén no fútbol, que agromou tras a polémica viaxe do Fuenlabrada á Coruña e as denuncias do Deportivo.
A derivada nesta ocasión é polos dereitos televisivos, de aí que a emisión do partido por parte do Burela fose bloqueada logo dunha denuncia da LNFS. "Nós non formamos parte da Liga nin temos nada que ver con eles desde o pasado 30 de xuño; a competición depende da Federación e o club conta con todos os permisos", advirte a entidade mariñá, que asegura que o conflito acabou por afectarlles nete caso "por ser a primeira xornada" e quen primeiro retransmitiu un partido nas súas redes.
"Nós non formamos parte da Liga nin temos nada que ver con eles", advirte o club mariñao, que cualifica de "ilegal" a denuncia presentada pola asociación de clubs
A cousa vén de lonxe. Hai xa máis dunha década a Federación Española de Fútbol (RFEF) e a LNFS, asociación privada de clubs, asinaron o seu último convenio. Malia seguir vixente, nunca foi renovado, polo que Luis Rubiales, presidente da RFEF, decidiu hai un ano que fose o organismo que dirixe quen asumise a organización da competición, encetando un novo capítulo dunha guerra que viña de máis atrás.
Ao facelo, decidiu tamén que a Federación pasase a administrar as emisións televisivas, con cambios normativos que foron denunciados ante o CSD. A Liga argumenta que ten asinado con LaLiga (a asociación de clubs de fútbol que preside Javier Tebas) e Media Pro un contrato ata 2023 a razón de 1,34 millóns por tempada, pero a Federación e un grupo de clubs xa desvinculados entenden que non ten validez.
O Burela, con outros tres clubs, decidiu darse de baixa na LNFS e "recuperar os dereitos de imaxe e televisión que tiña cedidos"
No pasado verán, o Burela confirmou que abandonaba a LNFS, unha decisión que tomaran outros clubs como o Jaén, o Peñíscola ou o Movistar Inter, o club máis importante do fútbol sala estatal. O Barcelona seguiu tamén a vía de apoio á Federación pero a maioría dos clubs mantiveron a fidelidade á LNFS nun conflito que semella que será dirimido nos tribunais. O detonante chegara cando a Liga recoñeceu ante un xulgado a inexistencia do convenio en vigor pero acabou denunciando á Federación.
"Tras a baixa na LNFS, o club recupera para todos os efectos os seus dereitos de imaxe e televisión que tiña cedidos durante esta tempada baixo as premisas de organización da competición e de pertenza á LNFS", advertía o Burela naquel comunicado de finais de xuño.
Xa a temporada pasada, varios clubs prohibiron a entrada a técnicos ou cámaras da LNFS, tamén en Burela, unha situación que se repetiu o pasado sábado, o que motivou que a LIga provocase o corte da emisión do streaming a través dunha denuncia, que implicou tamén a supresión do directo a través do Facebook e mesmo o resumo do encontro en Instagram.
"Os nosos bos amigos da Liga e a LNFS bloqueáronnos o resumo en Instagram. David xa venceu a Goliath e a historia repetirase.O mito de David é o da intelixencia e a estratexia freonte á brutalidade e a forza", respondeu o Burela nas súas redes sociais.
Polo medio, máis conflitos polo uso ou non do logotipo da LNFS nas camisetas ou o veto aos patrocinadores dos clubs rebeldes nos medios que aínda xestiona a Liga. No fondo, e segundo fontes do fútbol sala coñecedoras da situación, o malestar que moitos equipos como o Burela tiñan cunha organización da competición que presumiblemente outorgaba tratos de favor a algunhas entidades mentres prexudicaba outras, nomeadamente de localidades pequenas como a mariñá, tanto no que ten que ver coas retransmisións como nas esixencias para os seus pavillóns.
"O trato non era igualitario e houbo equipos que se queixaron sempre de sufrir maltrato por parte da LNFS", din estas mesmas fontes, que advirten tamén de que este novo conflito polos dereitos de emisión non é máis que un capítulo máis nunha batalla que se remonta a anos atrás e ás diferenzas entre Javier Lozano, presidente da LNFS, e Venancio López, seleccionador español ata hai dous anos, sucesor no cargo de Lozano e, xa que logo, ariete da Federación nesta guerra. No fondo, as mesmas trincheiras que o conflicto do Fuenlabrada e o Deportivo deixaron ao descuberto para moitos. O achegamento duns a Javier Tebas e dos outros a Luis Rubiales.