O Burela Pescados Rubén continúa coa súa xeira vitoriosa e sumou este venres o seu terceiro título nos últimos catro meses. As rapazas do equipo mariñao de fútbol sala derrotaron o Atlético Futsi Navalcarnero (2-6) e proclamáronse campioas da Supercopa logo de que no pasado xullo levase a Copa da Raíña e hai tan só uns días a Copa das Catro Nacións ou Recopa, que enfrontaba os gañadores da competición do KO de Ucraína, Rusia e Italia.
O equipo mariñao venceu na final da Supercopa ao Atlético Futsi (2-6) e gaña outro título tras a Copa do pasado mes de xuño e a Recopa de hai só uns días
Lideradas por unha das últimas fichaxes do club -a internacional brasileira Jane, que marcou tres goles- o Burela comezou dominando e adiantándose no marcador para logo aguantar os continuos ataques do equipo madrileño apoiado na boa actuación da porteira Ana Romero.
As galegas chegaron a colocarse 0-3 no marcador e, malia a entidade do rival, non sufriron nunca por unha vitoria que volve engordar o importante palmarés do equipo feminino desta localidade de menos de 10.000 habitantes que loita contra os xigantes do fútbol sala estatal.
O Burela feminino consegue o seu sétimo título e suma xa dúas ligas, dúas copas, dúas supercoas e unha Copa das Catro Nacións
Co título obtido este venres, o Burela Pescados Rubén feminino suma xa sete grandes títulos tras as dúas ligas acadadas nas temporadas 2012/2013 e 2015/2016, as copas da Raíña de 2013 e 2019, a última Supercopa e a de 2015, ademais da Copa das Catro Nacións acadada este verán.
Ficha técnica
Futsi Atlético Navalcarnero: Belén de Uña, Ari, Leti, Ju Delgado, Ame Romero, cinco inicial; también jugaron María Sanz, Anita Luján, Gaby, Marta Balbuena
Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Peque, Jenny Lores, cinco inicial; también jugaron Jenny, Jane, Ale de Paz, Lara Balseiro, Luci, Bea Mateos, Jozi, Cris Lourés
Goles: 0-1, minuto 7, Jane; 0-2, minuto 14, Jane; 0-3, minuto 25, Jane; 1-3, minuto 32, Ame Romero; 1-4, minuto 33, Jenny Lores; 1-5, minuto 37, Jozi; 2-5, minuto 37, Anita Luján; 2-6, minuto 37, Ale de Paz