Colourise: a intelixencia artificial dá nova vida ás túas fotos en branco e negro

Imaxe coloreada da homenaxe a Castelao en Lugo o 19 de xuño de 1932 Dominio Público Praza Pública

Unha das múltiples aplicacións que trouxo consigo a expansión do uso das redes sociais entre todas as franxas de idade foi a tendencia de compartir antigas fotografías, tanto de acontecementos públicos como privadas e familiares. Unha nova vida para as vellas imaxes en torno ás que, en ocasións, xorde o interrogante: como serían, en realidade, as xentes e lugares que aparecen nesas fotografías en branco e negro?

Colourise é unha aplicación na web desenvolvida en Singapur que colorea en segundos vellas imaxes en branco e negro

O coloreado de fotografías e mesmo de imaxes en movemento non é unha técnica nova. Menos dende a a popularización de programas de deseño e retoque fotográfico como PhotoShop. O que é máis novidoso é poder colorear unha fotografía en branco e negro en poucos segundos e obter un resultado, cando menos, verosímil. É Isto é o que ofrece Colourise, unha aplicación na web aínda en fase de prototipo desenvolvida pola axencia tecnolóxica do Goberno de Singapur para recuperar vellas imaxes dese país, pero que nas últimas semanas xa foi empregada en múltiples puntos do mundo, tamén en Galicia. 

Imaxe coloreada de mariscadoras a traballar na ría de Pontevedra, nunha imaxe do proxecto 'Do gris ao violeta' CC-BY Concello de Pontevedra

O instituto tecnolóxico que desenvolveu Colourise empregou dous tipos de intelixencia artificial que manexan máis de 20 millóns de parámetros matemáticos e unha enorme base de datos de imaxes fornecida dende Google

"Aínda que é imposible replicar as condicións exactas nas que foi tomada a fotografía orixinal, si que é posible agregar cores a unha fotografía para nos axudar a imaxinar o que puido ver o fotógrafo naquel instante", explica o equipo que desenvolveu Colourise. 

Para facelo empregaron "unha técnica de aprendizaxe profunda coñecida como Redes Adversarias Xeradoras (GANs, polas súas siglas en inglés)". Baséase, inicialmente, nun tipo de intelixencia artificial que manexa máis de 20 millóns de parámetros matemáticos e outro que compara as cores xeradas sobre a vella fotografía cunha ampla base de datos de imaxes procedente de Google.

Imaxe coloreada da entrega do Estatuto galego de 1936 nas Cortes da II República Dominio Público Arquivo Nomes e Voces

Esta tecnoloxía funciona mellor con imaxes de alta resolución, especialmente coas que amosan figuras humanas e espazos naturais

A idea, resaltan, é "xerar unha imaxe con cores que sexan plausibles", o cal non garante que a imaxe coloreada represente exactamente as cores do momento en que foi tomada a fotografía. "Funciona ben con algunhas imaxes, pero non con outra" e os resultados son mellores "en imaxes con alta resolución" nas que, aparecen, sobre todo, figuras humanas ou espazos naturais. Cómpre ter en conta, ademais, que a tecnoloxía foi desenvolvida para imaxes tomadas en Singapur, coas cores e tipos humanos da zona.

Mentres este servizo estea dispoñible para o público en xeral -os seus autores proxectaron mantelo durante o mes de febreiro, pero sen desbotar estendelo "en función do uso", é posible darlle nova vida a vellas imaxes con resultados máis que "plausibles". Abonda con acudir á web do proxecto e seleccionar do propio computador a imaxe que queiramos colorear, a cal -advirten- non queda almacenada nos seus servidores. Mostra disto, por exemplo, é o resultado que a tecnoloxía de Colourise ten sobre fotografías de diferentes momentos da historia de Galicia e de persoeiros fotografados en branco e negro como as que acompañan estas liñas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.