A memoria dos galegos e galegas, en máis de 15 mil fotografías

Mulleres no lavadoiro de San Paio, en Navia de Suarna (1947) © CPI Doutor Daniel Monje

A startup galega phottic.com acolle na súa plataforma online máis de 15 mil fotografías, procedente dun gran número de coleccións promovidas por diversos concellos, como Fene, O Vicedo, O Barco de Valdeorras, Viveiro, Celanova, As Pontes, Maceda, Arteixo e Carballo. Outras recollas de fotografías foron impulsadas por comunidades escolares (coma a do CPI Plurilingüe Doutor Daniel Monje de Navia de Suarna) ou por iniciativas como O Faiado da Memoria de Vilagarcía ou entidades sociais coma a Asociación de Padres de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Mar de Paixón: Fútbol na Costa da Morte, Mar de Invernía, as fotos de músicos galegos da Colección de Bieito Romero, ou as imaxes históricas de clubs como o Deportivo da Coruña.

Phottic.com é unha plataforma de uso gratuíto para a xestión documental do patrimonio fotográfico. A empresa, que naceu hai poucos meses, busca "recuperar as historias do mundo, a través da fotografía, converténdose nunha páxina de referencia para calquera usuario que desexe ordenar coleccións fotográficas". "O seu deseño consegue que o traballo de recollida non se perda no timeline das redes sociais", explican os seus responsables. A web “permite clasificar, ordenar, datar, e xeolocalizar imaxes, pero, o que é moito máis importante, documentar ditas fotografías e compartir ese coñecemento co resto do mundo, virtualmente, evitando que se perda a nosa memoria social e creando un importante patrimonio cultural”. 

O conxunto destas 15 mil imaxes que de momento forman parte do arquivo de Phottic “ofrécenos non só unha visión moi concreta e detallada da vida cotiá dun pobo e das súas xentes ou de Galicia en xeral, senón unha ollada universal á historia da humanidade. Mediante as coleccións que se comparten en phottic.com, as vellas fotos dos álbums familiares recobran un novo sentido e pasan de formar parte dunha pequena historia colectiva, a converterse nunha didáctica visión do que fomos para comprender mellor o que somos”, subliñan dende a startup.

Phottic funciona así mesmo como unha rede social: os usuarios e usuarias pódense inscribir, subir e xeolocalizar as súas imaxes e valorar as dos demais. Pódense facer procuras por títulos, temas e etiquetas, pero tamén polo lugar no que estas fotografías foron tiradas e polo ano na que están datadas. A aplicación permite ademais comparar unha foto antiga dunha cidade ou vila co seu estado actual en Google Street View. Entre as últimas imaxes engadidas atopamos varias do Entroido, moi apropiadas para estas datas, con fotografías de Arteixo, Maceda, As Pontes ou Carballo de distintas décadas do século pasado. Na páxina tamén se poden adquirir algúns libros de fotografías que recollen unha escolma dalgunha das coleccións que están integradas en Phottic, coma O Faiado da Memoria de Vilagarcía ou Mar de Paixón da Costa da Morte.

 

A memoria de Navia de Suarna

Entre as últimas incorporacións á plataforma, destaca unha colección de máis de 500 imaxes de Navia de Suarna, recollidas pola comunidade escolar do CPI Plurilingüe Doutor Daniel Monje, que xuntou máis de dúas mil fotografías entre a veciñanza e outros arquivos. Navia, lembranzas con futuro pódese consultar na web  e permite que calquera usuario desde calquera parte do mundo pode achegarse á historia deste concello da montaña luguesa e á vida e costumes das súas xentes. As 500 imaxes documentadas (ás que se irán sumando outras) amosa os momentos cotiás dos naviegos e permite coñecer como se relacionaban as súas xentes, cales eran os seus costumes, as súas festas ou os seus traballos.

“Temos que ser conscientes de que debemos conservar este patrimonio fotográfico aproveitando os medios dixitais que se nos ofrecen xa que a nosa memoria é moi fráxil e sabemos das limitacións propias do soporte papel das fotografías”

Francisco Trashorras, director do instituto de Navia, amósase "moi satisfeito" coas novas oportunidades que se abren para difundir esta colección e fai un chamamento “para que todos aqueles que teñan algún deses documentos gráficos o acheguen a estes álbums que queremos compartir con todos”. Trashorras asegura que “temos que ser conscientes de que debemos conservar este patrimonio fotográfico aproveitando os medios dixitais que se nos ofrecen xa que a nosa memoria é moi fráxil e sabemos das limitacións propias do soporte papel das fotografías”. O cadro directivo do CPI de Navia quere tamén facer público o seu agradecemento a todos os naviegos e naviegas que “colaboraron desinteresadamente neste traballo de compilación fotográfica e que tiveron o coidado impagable de conservar estes documentos gráficos xa que grazas a eles as novas xeracións poden coñecer mellor as súas orixes”.

 

Mulleres no lavadoiro de San Paio, en Navia de Suarna (1947) © CPI Doutor Daniel Monje
Outra imaxe de Navia de Suarna © CPI Doutor Daniel Monje
Faustino, pai de Julia do Chao da Torre © CPI Doutor Daniel Monje
Familia Herbón, no Entroido © CPI Doutor Daniel Monje
Entroido en Maceda en 1965 © Phottic

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.