Non é unha serie de fotos calquera. Non son unha simple lembranza dun tráxico conflito bélico. O Museo do Pobo Estradense vén de dixitalizar a colección fotográfica de Mario Blanco Fuentes, 900 imaxes tiradas durante a guerra civil por este veciño da localidade e que, ágas unha pequena mostra, aínda non foran feita públicas. Case un milleiro de novas fotografías da contenda que a familia do seu autor acaba de ceder ao devandito museo.
A familia de Mario Blanco cede ao Museo do Pobo Estradense 900 imaxes tiradas por este ilustre veciño durante a guerra civil
A colección fotográfica amosa reclutas, altos cargos do exército franquista, concentracións, desprazamentos militares, prisioneiros republicanos ou escenas máis cotiás. Unha ollada moi achegada e das que poucas hai sobre a guerra. E fíxoas un excelente fotógrafo que foi recrutado como tantos en Galicia, con 20 anos. Formou parte do equipo fotográfico do corpo do exército de Galicia e á súa volta acabaría sendo un importante e lembrado alcalde da Estrada. Aos poucos meses do golpe de estado fascista que provocou aquel conflito, o seu tío era asasinado polos falanxistas. Era o xornalista e poeta Roberto Blanco Torres. Ano e pouco despois, Mario Blanco partiu para deixar memoria gráfica daquel bando franquista que avanzaba ata derrotar a República.
O que logo sería alcalde da Estrada foi recrutado e pasou a formar parte do equipo fotográfico do bando franquista
O pasado venres, o alcalde da Estrada, José López Campos; o director do museo, Xoán Andrés Fernández; e o fillo de Mario Blanco, Juan Blanco Valdés, anunciaron a cesión deste fondo fotográfico. Dous álbums dos que a familia era consciente. Tamén de que tiñan "historia na casa, memoria colectiva dun país", tal e como indicou o seu proxenitor.
Mario Blanco fotografou de todo nas frontes de Asturias, Aragón, Catalunya ou Valencia, logo duns dous anos de periplo. Malia que as fotografías eran segredo militar, o estradense logrou un selo da censura que lle permitiu enviar as fotografías á súa casa sen risco a que fosen eliminadas ou interrompidas polo camiño. Así foi acumulando toda esta memoria gráfica cedida ao Museo Manuel Reimóndez Portela.
A inmensa maioría das fotos son inéditas e serán incorporadas aos poucos ao museo e á súa galería web
Agora, unhas poucas desas imaxes xa se poden ver no museo e na galería web, á que se irán incorporando outras ata completar as 900. Case todas as que forman parte da colección son inéditas porque tan só se difundiron algunhas en artigos de prensa.
E no fondo, tamén unha fotografía curiosa, a única na que se constata o uso do galego no exército franquista, unha pintada con xiz na area dunha praza de touros en Valencia co gallo do 25 de xullo. Ey carballeira, a quen me dea un pau doulle un peso!, pódese ler.
Logo de rematar a guerra, Mario Blanco exerceu de mestre en Orazo e Baloira. Logo licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago en 1948 e desenvolveu a súa actividade profesional como avogado na Estrada. Sería nomeado alcalde desa mesma localidade en 1959 para cesar en 1971, ademais de exercer tamén de deputado provincial entre 1960 e 1964.