A Coruña acollerá un plenario do Proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea

Imaxe da montaxe de Gaia © ESA

A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña acollerá os días 3 e 4 de maio a 10ª Reunión Anual Plenaria da Unidade de Coordinación sobre Clasificación de Fontes Astronómicas de GAIA, na que participará un grupo de máis de 35 científicos de toda Europa.

O Proxecto GAIA da Axencia Espacial Europea conta coa participación dun grupo de investigadores da Universidade da Coruña, en concreto profesores da Facultade de Informática (B. Arcay, C. Dafonte e A. Rodríguez), así como dous estudantes, e a profesora da Escola de Náutica e doutora en Astrofísica Minia Manteiga.

Ademais, no grupo galego participa a profesora da Universidade de Vigo e tamén doutora en Astrofísica Ana Ulla Miguel. O grupo forma parte do consorcio internacional para o procesado e análise dos datos da futura misión GAIA (Gaia DPAC, Data Anaysis and Processing Consorcium) desde o ano 2006.

 

Debido ao enorme tamaño da mostra e á precisión das súas medidas, a súa capacidade de descubrimento é enorme, abrindo a posibilidade de atopar novos tipos de obxectos, estrelas, pouco frecuentes ou de tempos de vida moi curtos, novos planetas extrasolares, asteroides potencialmente perigosos

Que é Gaia?

GAIA é unha importante misión da Axencia Espacial Europea, cun custo total de 650 millóns de euros. O seu lanzamento está previsto en agosto de 2013 se encadra dentro das denominadas misións astrométricas, para o que se utilizará un satélite cunha instrumentación complexa que se pretende realizar un mapa 4D completo das estrelas do ceo ata magnitude 20, é dicir, medir cunha precisión sen precedentes a posición, distancias, movementos no ceo e propiedades principais de aproximadamente o 1% das estrelas da Vía Láctea, o que suma uns mil millóns de estrelas.

A mellora en precisión das medidas angulares do proxecto Gaia respecto ao seu antecesor, denominado proxecto Hipparcos, é de alomenos 3 ordes de magnitude, da orde de microsegundos de arco (o símil é que permitiría medir o tamaño dunha moneda de 1 euro situada na lúa).

A misión durará cinco anos e medirá cada obxecto unhas 70 veces. Medirá principalmente estrelas, pero tamén outras galaxias lonxanas, planetas extrapolares, asteroides e outros obxectos do Sistema Solar. Debido ao enorme tamaño da mostra e á precisión das súas medidas, a súa capacidade de descubrimento é enorme, abrindo a posibilidade de atopar novos tipos de obxectos, estrelas, pouco frecuentes ou de tempos de vida moi curtos, novos planetas extrasolares, asteroides potencialmente perigosos que escapan ás deteccións rutinarias, etc.

 

O grupo da UDC ten a responsabilidade de estudar a natureza física de todos os obxectos astronómicos que os algoritmos de software xerais da misión no teñan podido encadrar dentro das clases de obxectos astronómicos actualmente coñecidas

O labor da UDC

O grupo da UDC ten a responsabilidade de estudar a natureza física de todos os obxectos astronómicos que os algoritmos de software xerais da misión no teñan podido encadrar dentro das clases de obxectos astronómicos actualmente coñecidas. Para acadar estes resultados estanse a desenvolver algoritmos de clasificación non supervisada baseados en técnicas de Intelixencia Artificial, particularmente Redes de Neuronas Artificiais.

Ademais, os investigadores coruñeses colaboran con outros grupos no cálculo dos parámetros físico-químicos principais das estrelas observadas polo satélite (temperaturas, gravidades, composición química, velocidades de rotación). En particular co grupo Gaia da Universidade de Barcelona, que no seu superordenador Mare Nostrum leva a cabo as simulacións coas que se prepara o procesado de datos da misión.

 

Imaxe da montaxe de Gaia © ESA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.