Nos escasos meses en que Manuel Fraga permaneceu na oposición tras perder a presidencia da Xunta -dende xullo de 2005 a finais de febreiro de 2006-, o encargado de facer as preguntas ao presidente Emilio Pérez Touriño nas sesións de control era o vicevoceiro do PP, Alberto Núñez Feijóo. En canto remataba o debate, don Manuel reclamaba a quen sería o seu sucesor no PPdeG saber cal ía ser a pregunta que faría no pleno seguinte, dúas semanas despois.
A 'oposición da oposición' veu dando ao PPdeG, no marco da súa campaña permanente, bos rendementos e un plus de resistencia electoral. Unha 'caixa de resistencia' figurada que agora empregan contra o BNG empregando unha real, a da CIG
Cando Fraga marchou ao Senado, Feijóo quedou de vez á fronte do daquela único partido da oposición e encomendou a algúns dos seus dirixentes de máis confianza ter cada semana un ou varios temas nos que mallar politicamente no Goberno de PSdeG e BNG cun aquel de escándalo. Fosen graves ou non, tratábase de que o ruído político fose o suficientemente alto como para restar eco ás accións da Xunta e amplificar os seus erros. Todo entre manifestacións, insinuacións de ilegalidades ou esixencias de dimisións fulminantes por asuntos presentados como escándalos que, en ocasións, non eran máis ca trámites ou decisións do máis habitual, pero que lograban as máis das veces abondoso eco mediático.
O manual de asedio do PP contra socialistas e nacionalistas acelerou na durísima campaña electoral de 2009 pero non quedou arrombado tras lograren regresar á Xunta. Os populares procuraron e lograron agudizar as crises internas nas que a perda do Goberno sumiu ambas formacións exercendo unha caste de oposición da oposición. Esa estratexia foise adaptando ao longo dos anos no marco xeral da campaña permanente que historicamente deu bos rendementos ao PP, achegándolle un plus de resistencia electoral. Unha 'caixa de resistencia' figurada que agora empregan contra o BNG empregando unha real, a da CIG.
Tras observaren que o BNG logrou presentarse como alternativa de goberno con máis eficacia que noutrora, o PP viu preciso redobrar a súa caricaturización como forza radical ou mesmo violenta ante a que estar "asustados" e á que agora acusan de "pagar salarios para que haxa manifestacións"
No aparello partidario actualmente dirixido pola secretaria xeral do partido do Goberno, Paula Prado, non perden de vista que o histórico resultado do BNG nas eleccións de 2024 -o seu segundo máximo consecutivo en votos (31%) e escanos (25) en comicios galegos- tivo entre as súas claves, alén dunha boa campaña electoral, varios acertos estratéxicos potencialmente preocupantes a medio prazo para a dereita. Dende a valoración do liderado de Ana Pontón alén do electorado máis habitual do Bloque ata a axenda de temas nos que a reivindicación nacional foi combinada con aspectos como a sanidade, a vivenda ou os dereitos sociais.
En síntese, a formación soberanista logrou presentarse ante a cidadanía como alternativa de goberno con maior eficacia que noutrora, escenario ante o que o PP viu preciso redobrar a caricaturización do Bloque como formación "radical", perigosa e mesmo violenta. Así aconteceu en campaña, cando os populares deran en recorrer ás mencións á desaparecida banda terrorista ETA para relacionala con Pontón. E así segue sucedendo no que vai de lexislatura, máis dun ano durante o que os conservadores manteñen que están mesmo "asustados" por un BNG que unicamente propón o que deron en denominar "manifestación e alboroto", en referencia a incitar diversas mobilizacións cidadás directamente ou, acusan, a través da Confederación Intersindical Galega.
Este contexto é imprescindible para entender os movementos do PP nos últimos días, cando deron en resumir a devandita estratexia afirmando que o BNG "paga salarios para que haxa máis manifestacións", en verbas de Paula Prado. A número dous de Rueda referíase á caixa de resistencia da CIG -que non do Bloque-, mecanismo sindical contra o que o PPdeG cargou primeiro a través das redes sociais, despois cun comunicado aos medios e a continuación, en conferencia de prensa do seu voceiro parlamentario, Alberto Pazos Couñago, cualificando de "inaceptable" que a central sindical nacionalista a aplicase á súa afiliación nas recentes folgas de profesorado do ensino público.
Un histórico mecanismo sindical
O PPdeG cualifica de "inaceptable" na CIG-Ensino un mecanismo sindical que mesmo a Xustiza recoñeceu como de "longa tradición histórica" e que a central nacionalista ten a nivel confederal dende hai case dúas décadas
Pero as caixas de resistencia non son ningunha novidade. Ao contrario. Veñen sendo empregadas desde hai décadas polos principais sindicatos en múltiplos puntos do Estado. Mesmo co aval explícito da xustiza.
En Galicia, a CIG a nivel confederal -algunha sección xa a empregara antes- conta con caixa de resistencia desde 2007 tras aprobala dous anos antes. No ámbito estatal ten especial recoñecemento a da Unión Sindical Obrera (USO). E son habituais as caixas de resistencia puntuais para conflitos concretos, que en Galicia empregaron por exemplo CCOO na folga de Vitrasa do ano pasado e mesmo protestas impulsadas sen especial significación dos sindicatos, como a do persoal da FNAC en 2014.
As caixas de resistencia teñen unha especial tradición nos conflitos laborais en Euskadi, de onde vén saíndo a principal xurisprudencia ao respecto. Alí seu tribunal superior chegou a establecer a finais de 2021 que os pagamentos das caixas sindicais aos folguistas non teñan retención por non seren un salario. Unha sentenza que salientou o "carácter híbrido co asistencial e o prestacional que representa esa axuda de emerxencia obreira de longa tradición histórica". Unha axuda e non salario encadrada na "finalidade de promoción de intereses socioeconómicos específicos" que a Constitución atribúe aos sindicatos.
Este contexto é coñecido na dirección do PPdeG, o cal non impide -como noutrora contra o Goberno de coalición- a presentación escandalosa dunha cuestión máis ou menos ordinaria
Nesa liña, son diversas as sentenzas que en Euskadi recoñeceron o dereito de sindicatos a seren indemnizados polo que gastaron da caixa de resistencia en folgas que a empresa tentou entorpecer ou fixo esquirolaxe. Nesas circunstancias, mesmo hai acordos nos que os folguistas se comprometen a devolver á caixa de resistencia o recibido dela se finalmente son indemnizados pola empresa por vulnerar o seu dereito de folga.
Todo este contexto é perfectamente coñecido na dirección do PPdeG. Pero ese coñecemento non impide, como noutrora contra o Goberno de coalición, a presentación escandalosa dunha cuestión máis ou menos ordinaria. É, ao cabo, a caixa de resistencia do PP de Galicia.