Rueda pide "antecedentes de imparcialidade" para apoiar o adxunto á Valedora que propoña o BNG

Sede da Valedoría do Pobo © Valedor do Pobo

O presidente rexeita o profesor de dereito Fernando de Abel Vilela e apela ao "consenso" logo de que o BNG xa apoiase a súa proposta de continuidade de Dolores Fernández Galiño como Valedora

Logo de aceptar en 2019 que o PSdeG propuxese a súa ex-deputada María Xosé Porteiro como adxunta á Valedora do Pobo, o PP vén de rexeitar que o BNG propoña agora para a renovación dese cargo ao profesor de dereito administrativo Fernando de Abel Vilela. Os populares critican que como membro da directiva de Adega amosou a súa postura contraria a varios proxectos industriais da Xunta. 

Este luns o presidente Rueda elevou os requisitos e xa non só pide que o BNG mude de proposta senón tamén que a consensúe previamente co PP logo de que este xa vise apoiada polos nacionalista a súa proposta de continuidade de Dolores Fernández Galiño como Valedora. 

Fernando De Abel Vilela, nunha rolda de prensa de Adega sobre Altri © Adega

Para Rueda "isto é unha cuestión de consenso" que ao seu ver o BNG obviou ao rexistrar a súa proposta sen ter antes o visto bo dos populares. O presidente defende a "imparcialidade" dos máximos responsables da Valeduría do Pobo, malia que o seu traballo non é facer xustiza senón defender os intereses da cidadanía mesmo cando estes non coincidan cos dos poderes públicos.

"O consenso consiste en dar un nome que poida ser consensuado, e iso significa dar un nome con antecedentes de imparcialidade", di Rueda. Porén, a Mesa do Parlamento, controlada polo PP, xa acreditou a pasada semana que Fernando de Abel Vilela cumpre cos requisitos legais para ser adxunto da Valedora. 

Fronte á postura política do PP, o Parlamento xa acreditou que De Abel Vilela cumpre os requisitos legais

Agora a proposta do BNG será debatida e votada na Comisión de Peticións do Parlamento, onde se precisa unha maioría simple para elixir o adxunto da Valedora. Esa forma de elección abre a posibilidade de que o PP poida elixilo en solitario. Preguntado a pasa semana por esa vía, o popular Pazos Couñago dixo que "agora mesmo ese escenario nin o formulamos" pero que "se alguén acaba forzando posturas de bloqueo sine die, formulariamos unha solución, e hai moitas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.