Tras a ratificación no cargo da Valedora, Dolores Fernández Galiño, renóvase o posto adxunto, ata agora María Xosé Porteiro, proposta en 2019 polo PSdeG como segunda forza, lugar que agora ocupa o BNG
O BNG vén de propoñer ao profesor de dereito administrativo Fernando Adolfo de Abel Vilela como novo adxunto á Valedora do Pobo. A proposta debera ser ratificada polo Parlamento logo do acordo acadado por PP e BNG para manter a tradición de que a forza máis votada propoña a Valedora -neste caso a renovación no cargo de Dolores Fernández Galiño, ratificada hai uns días- e a segunda forza, agora os nacionalistas, propoña o seu adxunto, que substituirá á ata agora adxunta, María Xosé Porteiro, proposta en 2019 polo PSdeG.
Para a elección do valedor ou valedora a lei require unha maioría das tres quintas partes do Parlamento, 45 dos 75 escanos actuais. Fernández Galiño foi nomeada en 2019 tras un acordo de PP e PSdeG polo que os socialistas, daquela segunda forza no Parlamento, propuxeron como a súa adxunta á ex-deputada María Xosé Porteiro. Agora, co PP con 40 escanos, os populares obtiveron o apoio do BNG para renovar no seu posto a Fernández Galiño e a cambio os nacionalistas propoñen o adxunto, que deberá á súa vez contar co apoio do PP e cuxa aprobación prodúcese por maioría simple.
A persoa elixida polo BNG, Fernando Adolfo de Abel Vilela, é profesor de dereito administrativo na Universidade de Santiago, pola que obtivo o doutorado cunha tese sobre a concentración dos medios de comunicación social no dereito español e comunitario.
De Abel Vilela vén asesorando xuridicamente a diversos colectivos e entidades sociais de toda Galicia en contra de proxectos empresariais con impacto no territorio
De Abel Vilela vén asesorando xuridicamente a diversos colectivos e entidades sociais de toda Galicia en contra de proxectos empresariais con impacto no territorio, como os parques eólicos. Así o fixo, por exemplo, coa fábrica de Altri a petición da asociación ecoloxista Adega, da que é membro da súa directiva, ocupando tras a súa asemblea do pasado outubro a vogalía de Dereito Ambiental.