O Parlamento acredita que o candidato do BNG a 'vicevaledor' vetado polo PP cumpre os requisitos legais

Membros da Mesa do Parlamento, durante un pleno o pasado febreiro © Parlamento de Galicia

As máis de tres décadas de existencia da Valedoría do Pobo viñeron marcadas, agás contadas excepcións -caso do inicio da etapa de Alberto Núñez Feijóo como líder da oposición-, polo consenso entre grupos. Un comportamento institucional que viña implicando que o grupo do Goberno promovese a persoa titular da institución e o primeiro da oposición, o nome do vicevaledor, figura remudada pola de adxunto ou adxunta dende a reforma da institución en 2012.

A Mesa da Cámara validou que a proposta do profesor Fernando de Abel como adxunto á Valedora do Pobo se axusta ao marcado na norma na mesma xornada en que o PP anunciou que se dispón a rachar o pacto co Bloque por ser o aspirante dirixente de Adega

Como vén informando Praza.gal, tras manter a alta comisionada exercendo en funcións durante 16 meses, o PP iniciou a finais do pasado ano o proceso para que a súa titular, Dolores Fernández Galiño, recuncase no posto. E, seguindo o costume parlamentario, ofreceu ao BNG propoñer o cargo adxunto se cos seus votos daba o visto e prace á reelección de Galiño pola maioría cualificada que marca a lei. O Bloque cumpriu a súa parte e a continuación propuxo como adxunto a Fernando de Abel Vilela, profesor de Dereito Administrativo ao que PP decidiu agora de vetar aínda que o propio Parlamento vén de certificar que cumpre os requisitos legais para acceder ao posto.

Fernando De Abel Vilela, nunha rolda de prensa de Adega sobre Altri © Adega

Foi este pasado partes, 3 de marzo, cando o PP escenificou a ruptura do pacto alegando que a proposta do Bloque vai contra a "institucionalidade" do posto de adxunto á Valedora por ser membro da directiva da asociación ecoloxista Adega. "Ten un perfil que ten que ver co activismo", sostén o voceiro parlamentario do PP, Alberto Pazos, que o fai "incompatible" co posto exercido no anterior mandato por María Xosé Porteiro, ex-deputada do PSdeG. Pero na mesma xornada a Mesa da Cámara, con maioría dos populares, acreditou a compatibilidade.

A validación da candidatura dá paso á comparecencia parlamentaria do candidato, que os populares instan a "evitar" porque o van vetar. O Bloque ve "inaudito" que o partido do Goberno rache unha cortesía parlamentaria que se remonta a hai tres décadas

Nesa acreditación, asinada como corresponde polo presidente do lexislativo, Miguel Santalices, a Mesa do Parlamento reflicte que "examinou o cumprimento dos requisitos legais das persoas candidatas propostas polos grupos parlamentarios" para ser adxunto á Valedora, neste caso Fernando de Abel Vilela. Segundo a lei vixente, os requisitos legais non son outros que "gozar da condición política de galego" estar en "pleno disfrute dos dereitos civís e políticos" e "coñecer os idiomas oficiais de Galicia"

Unha vez examinados eses requisitos, a Mesa nomeou formalmente a De Abel como candidato para dar paso á súa comparecencia ante a Comisión de Peticións do Parlamento. O PP instou o Bloque a "evitarlle o trámite de comparecer" porque non o vai apoiar, e a formación nacionalista xa advertiu, pola súa banda, de que segue adiante cunha "candidatura impecable desde o punto de vista formal que cumpre todos os requisitos legais", en verbas da súa vicevoceira, Olalla Rodil, para quen resulta "inaudito" que os populares vaian rachar unha cortesía parlamentaria que se remonta a hai tres décadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.