O PP racha o pacto co BNG e veta o profesor de dereito Fernando de Abel como adxunto á Valedora do Pobo

O profesor de dereito administrativo, Fernando de Abel Vilela, á dereita, nunha rolda de prensa co Fins Eirexas, membro da directiva de Adega CC-BY-NC-SA Adega

Tras aceptar en 2019 como adxunta a unha ex-deputada do PSdeG, os populares non consideran válido agora ao profesor de dereito administrativo proposto polos nacionalistas despois de que estes si apoiasen a renovación da Valedora

Desde que hai máis de tres décadas se creou a figura do Valedor do Pobo todos os seus titulares foron propostos polo grupo maioritario do Parlamento contando co apoio do segundo grupo, a cambio de que o primeiro grupo apoiase á súa vez a proposta de vicevaledor ou adxunto que formulase o partido líder da oposición. Ata agora, porque despois de que o BNG votase hai unhas semanas a favor da renovación de María Dolores Fernández Galiño como Valedora a proposta do PP, os populares veñen de vetar agora a proposta dos nacionalistas de que o seu adxunto sexa o profesor de dereito administrativo Fernando de Abel Vilela. 

Unha decisión que para o BNG supón "romper os acordos, a institucionalidade e o costume que rexe neste Parlamento desde que se aprobou a Valeduría do Pobo". Pola contra, para o PP é o BNG o que racha a "institucionalidade" ao propoñer unha persoa que forma parte da directiva de Adega e se vén pronunciando contra proxectos industriais da Xunta.

Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo © Valedora do Pobo

Para a elección do valedor ou valedora a lei require unha maioría das tres quintas partes do Parlamento, 45 dos 75 escanos actuais. Fernández Galiño foi nomeada en 2019 tras un acordo de PP e PSdeG polo que os socialistas, daquela segunda forza no Parlamento, propuxeron como a súa adxunta á ex-deputada María Xosé Porteiro. Agora, co PP con 40 escanos, os populares obtiveron o apoio do BNG para renovar no seu posto a Fernández Galiño e a cambio aceptaban que os nacionalistas propuxeran o adxunto, que debe á súa vez contar co apoio do PP, neste caso para ser elixido por maioría simple. Pero agora o PP non está disposto a manter ese acordo.

Para a portavoz adxunta do BNG, Olalla Rodil, "é un feito inaudito se chega a materializarse, sería romper os acordos, a institucionalidade e o costume que rexe neste Parlamento desde que se a probou a Valeduría do Pobo". "Presentamos unha candidatura impecable desde o punto de vista formal que cumpre todos os requisitos legais", asegura Rodil, que di que a súa formación non vai aceptar "vetos políticos". 

Rodil tamén asegurou que o BNG está disposto a que o seu candidato compareza na Comisión de Peticións do Parlamento, que é o órgano que por maioría simple elixe o adxunto da Valedora.

Para o PP que De Abel Vilela formase parte da directiva de Adega vincúlao máis "co activismo que coa institucionalidade"

Pola súa banda, o portavoz do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, asegura que De Abel Vilela "ten un perfil que ten moito máis que ver co activismo que coa institucionalidade, incompatible co posto que se lle quere asignar". "Cústame pensar que teña imparcialidade e ecuanimidade porque renuncie en escasas horas a actividades que resultan incompatibles", di Pazos Couñago. 

Preguntado por esas incompatibilidades que ao seu ver serían peores que o feito de que a anterior adxunta, María Xosé Porteiro, fose no pasado deputada do PSdeG, o portavoz popular desmarcouse desa elección. "Descoñezo cales foron as circunstancias que rodearon a elección da anterior adxunta", dixo sobre un proceso no que el non participou porque aínda non era portavoz, e optou por valorar só o candidato actual. Del dixo que é "público e notorio cal é a súa actividade relacionada con asociacións das que forma parte da súa directiva" -en referencia a Adega- así como "pronunciamentos aliñados cun partido político" -en referencia ao BNG- que ao seu ver o fan "afastado do perfil institucional".

O PP abre a porta a elixir en solitario o adxunto da Valedora sen contar co BNG se non propón outra persoa

Pazos Couñago di que o PP non vai apoiar baixo ningún concepto a De Abel Vilela pero que está disposto a manter o acordo co BNG se esta formación propón outra persoa e pide "que se lle evite o trámite de comparecer" na Comisión de Peticións do Parlamento. Porén, Rodil asegurou este martes que o BNG non vai retirar a súa proposta e está disposto a que compareza no Parlamento. 

A elección do adxunto por maioría simple abre a posibilidade de que o PP poida elixilo en solitario. Preguntado por esa vía, o popular Pazos Couñago dixo que "agora mesmo ese escenario nin o formulamos" pero que "se alguén acaba forzando posturas de bloqueo sine die, formulariamos unha solución, e hai moitas".

Sede da Valedoría do Pobo © Valedor do Pobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.