A folga en Vitrasa supera os cen días co transporte urbano de Vigo en servizos mínimos e unha situación límite tanto para a cidadanía como para o propio cadro de persoal
O pasado domingo a folga do transporte urbano de Vigo, o único transporte público que existe na cidade, o Vitrasa, fixo 100 días, que son máis de tres meses en servizos mínimos. Unha situación límite xa tanto para a cidadanía, como para os propios traballadores e traballadoras, que arrastran un conflito desde hai tres anos, cando se comezou a negociar o convenio e que de momento non avanza nas solucións.
As persoas usuarias, principais prexudicadas da situación, amosan a súa empatía co cadro de persoal e as súas reclamacións, o que non quita que sintan xa un certo fastío pola prologada situación de precariedade no transporte público da cidade e urxen a intervención da administración local. “Eu estou totalmente a favor do dereito á folga e penso que deberían seguir pelexando porque con todo o tempo de folga e todo o que levan perdido, tirar agora a toalla sería rir deles”, indica Vicky Rodríguez, usuaria que vive na contorna de Cabral.
“É surrealista, é como non ter transporte público na cidade. A xente está cansa e culpa moito a Caballero porque non se meta para solucionalo”, indica Vicky Rodríguez, veciña de Barreiro
Precisamente, a veciñanza das parroquias é a máis prexudicada pola falta de frecuencias, que obriga a ter que estar esperando o autobús ata dúas horas. “Como usuaria estou ben farta. Na miña situación, con dúas persoas dependentes na casa, cáusame demasiadas molestias porque me impide poder facer recados. Se tivese buses con horarios normais podería saír un momento facer unhas compras e volver, pero agora non podo, non me dan as horas. Non podo estar esperando unha hora e media na parada”, explica Rodríguez.
A viguesa defende que os traballadores e as traballadoras están no seu dereito pero “alguén debería meter man para solucionalo dunha vez” porque “é surrealista, é como non ter transporte público na cidade”. “Comeza a ser moi pesado e a xente, aínda que está en xeral de acordo coa folga, está cansa e culpa moito a Caballero porque non se meta para arranxalo”, asegura.
Na mesma liña, outra usuaria recorda que xa levan moito tempo sufrindo a falta de autobuses e para ela supón un problema porque o emprega parar ir traballar. “Xa non é a primeira vez que teño que coller un taxi porque non chego a tempo para o traballo, xa antes cos paros previos á folga”, asegura Beatriz González. “Eu teño sorte porque vivo no centro e aínda pasa algún de cando en vez, pero se vives lonxe xa non tes buses, ou chegan cheos e quedas fóra”, engade.
Veciña do barrio de Casablanca, salienta que sempre empatizou coas reivindicacións do cadro de persoal. “Son traballadores e estamos a favor deles, pero chega un momento que non podemos máis. A xente está nerviosa porque chega tarde a traballar, aos médicos… ao final son os usuarios os que sofren as consecuencias”, indica Beatriz González.
O alumnado das facultades do CUVI, dos institutos do Meixoeiro, de Teis ou o de Valadares tamén están resultando afectado pola redución de frecuencias
Desde o colectivo estudantil Erguer explican que, debido ao conflito, o alumnado está chegando tarde ás clases, ou directamente non pode asistir a aulas obrigatorias, seminarios ou exames e iso pode derivar en ter que pagar segundas matrículas. David Bouzada, responsable da asociación Erguer en Vigo e estudante no CUVI, sofre a diario a falta de frecuencias. As facultades do CUVI, os institutos do Meixoeiro, o de Teis ou o de Valadares serían os máis afectados, segundo indica. “Perdemos oito frecuencias e créanse moitas colas. Para baixar antes tiñas buses cada 30 minutos e agora hai que estar esperando hora e media”, explica Bouzada. “E moitas veces estás esperando e quedas fóra do bus porque está cheo”, engade.
Con todo, o representante estudantil non culpa os traballadores polas molestias, que están a reclamar a suba dos salarios e outras melloras. “Nós estamos 100% cos traballadores. Vemos que a empresa non quere negociar e o Concello é inmobilista e tampouco se pon de parte dos traballadores”, explica David Bouzada.
“Notamos moito o apoio da cidadanía. Isto foi algo que mudou, porque a xente antes non comprendía o porqué do conflito”, apunta Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa
O comité de empresa, pola súa banda, asegura percibir o favor da cidadanía, que se pon de manifesto cando se convocan as manifestacións como a que tivo lugar o 24 de febreiro, con grande participación malia o mal tempo. “Notamos moito o apoio da cidadanía. Isto foi algo que mudou, porque a xente antes non comprendía o porqué do conflito”, apunta Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa.
Arnoso entende o cansazo do cadro do persoal e das persoas usuarias, porque son moitos días sen avances. É máis, a pasada semana, a empresa levantouse da mesa, tras 13 reunións, e deu por rotas as negociacións “ata que o comité de empresa estea disposto a negociar e poñer fin á folga, abandonando a actitude chantaxista que fai que sexa imposible chegar a acordos de ningún tipo”, segundo informaba o grupo Avanza nun duro comunicado.
“Despois de 102 xornadas de folga os ánimos están arriba pero pesan os días”, aseguraba este martes Imanol Arnoso. “Hai xente que case non traballou neste tempo porque Vitrasa non reparte os servizos mínimos equitativamente”, lamenta.
A xornada dese venres, día 8 de marzo, será clave para o conflito de Vitrasa posto que as traballadoras e traballadores están chamados a votar en urna a continuidade da folga
As principais reivindicacións dos traballadores teñen que ver coa actualización dos salarios, conxelados desde 2020, cando caducou o convenio colectivo. As últimas ofertas da empresa chegan ata unha suba do 3% desde xaneiro de 2023 xunto cunha paga de 500 euros “como adianto a unha negociación futura”, segundo explica o presidente do comité de empresa. Os representantes dos traballadores, pola súa banda, exixen como mínimo unha suba do 2,5% en 2021 e en 2022, o que supuxo rebaixar considerablemente as súas pretensións, posto que para recuperar o poder adquisitivo, segundo explicaban en xaneiro, deberían subir os salarios un 16% desde 2020.
Logo da ruptura das negociacións desde o martes, 27 de febreiro, o cadro de persoal mantén as mobilizacións diarias polas rúas de Vigo ata o venres, cando se sumarán ás marchas polo 8M, Día da Muller Traballadora. A xornada dese venres, día 8 de marzo, será clave para o conflito de Vitrasa posto que as traballadoras e traballadores están chamados a votar en urna entre catro opcións: a continuidade da folga; o cambio cara a paros parciais; a fin da folga (e seguir negociando o convenio) ou poñer fin á folga e aceptar a última oferta da empresa coa promesa de negociar outras melloras.