O conflito de Vitrasa enquístase tras bordear un acordo entre sindicatos e empresa

Varios "vitrasas" estacionados en Vigo. CC-BY-SA CIG

O cadro de persoal considera “insuficiente” o preacordo acadado entre sindicatos e empresa este xoves pasado, logo de nove horas de reunión, e votou por unha ampla maioría continuar coa folga do autobús de Vigo 

Os traballadores dixeron que non. 50 días de folga indefinida e máis de dous anos de conflito e mobilizacións non fan decaer as forzas do cadro de persoal, que considera “insuficiente” o preacordo acadado entre sindicatos e empresa este xoves pasado, logo de nove horas de reunión, e votou por unha ampla maioría continuar coa folga do autobús de Vigo. 

En total foron 33 os votos a favor de desconvocar as mobilizacións fronte aos 173 que dixeron "non" aos termos do preacordo, que incluían por vez primeira unha suba salarial, aínda que moi inferior á solicitada desde o comité de empresa. Nas votacións rexistráronse tamén 12 abstencións.

Imaxe da última reunión entre membros do comité de empresa e representantes de Vitrasa. CC-BY-SA Cedida

 “É un trago amargo porque xa levamos 50 días de folga pero por outra banda tamén é un orgullo. Continuaremos na loita”, asegura o presidente do comité de empresa

Os traballadores e traballadoras votaron repartidos en dúas asembleas este venres, unha pola mañá e outra pola tarde, e o resultado sorprendeu en certa medida aos representantes sindicais, que esperaban comezar unha etapa de negociación. “É un trago amargo porque xa levamos 50 días de folga pero por outra banda tamén é un orgullo. Continuaremos na loita”, aseguraba a este diario Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa, tras coñecer as cifras finais das votacións.

Pola súa banda, desde a empresa apuntan a que os traballadores foron presionados á hora de manifestar a súa vontade. "A votación estivo marcada pola actitude do Comité que, finalmente, decidiu que a consulta debía facerse a man alzada impedindo aos traballadores e traballadoras exercer o seu dereito a voto secreto de forma democrática e expresar, libremente e sen ningunha presión, a súa decisión”, indicou a compañía concesionario do transporte urbano de Vigo.

A petición sindical, a nivel económico, é moi sinxela e consiste en recuperar o IPC desde 2020, data na que caducou o convenio e deixaron de actualizarse os salarios

A empresa destacaba o “grande esforzo” realizado ao ofrecer aos traballadores unha subida inicial do 2,5% dende xaneiro de 2023 "na situación de perdas que se encontra e sen que condicionase en nada o novo convenio que seguiría negociándose que foi firmada sen excepción por todo o Comité sen poñer ningunha condición". Porén, lamenta Vitrasa, nas asembleas celebrada este venres "encontramos que a posición do Comité é totalmente contraria a amosada onte na reunión coa empresa. Este exercicio de irresponsabilidade desacredita ao Comité para seguir negociando un acordo que poña fin a esta situación de conflito". 

A suba salarial ofertada pola empresa resulta de todo insuficiente para a meirande parte do cadro de persoal que, segundo explican desde o comité, considera que aceptala sería “venderse” logo de todo o esforzo realizado. Arnoso detalla que a petición sindical, a nivel económico, é moi sinxela e consiste en recuperar o IPC desde 2020, data na que caducou o convenio e deixaron de actualizarse os salarios. Só en 2023 o IPC situouse no 3,1% e os anos anteriores foi máis elevado. “Nós pedimos actualizar os salarios na medida en que subiu o IPC, que foi en total un 16% desde 2020”, subliña o presidente do comité de empresa.

Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa de Vitrasa. © Praza

A proposta do preacordo 

En concreto, o preacordo asinado o xoves entre o comité e a empresa incluía: 

  • A retirada das sancións do Marisquiño e a restitución económica para os traballadores e traballadoras afectadas.
  • A retirada dos expedientes sancionadores pendentes de resolución.
  • Complemento persoal do 25% do salario base por noite efectiva traballada para os empregados de taller que realicen traballo noctuno.
  • Un incremento do 2,5% de atrasos do 2023 que se consolidará nas táboas salariais do 2024. Este incremento sumarase aos que durante o convenio se poidan negociar.
  • O compromiso de analizar o calendario de vacacións, sen máis concrecións.
  • A posibilidade de realizar un cambio de quenda e de descanso entre traballadores sempre que non contradiga ningunha norma e que non supoña un custo á empresa. Darase un preaviso mínimo de 4 días á compañía.
  • O compromiso de analizar a ampliación do grupo de descansos de 10 a 12 semanas con dúas fins de semana máis, analizarase no futuro, xa que non teñen claro o custo total.
  • Calendario dunha reunión semanal (como mínimo) todos os mércores até o 20 de marzo inclusive para tratar de pechar o convenio. 
  • Trasladar ao Consello Galego de Relacións Laborais a negociación para ter unha mediación.
     

Neste preacordo, alén das subas económicas, non se conseguiron incluír demandas do cadro de persoal como os descansos efectivos na xornada, para que as persoas condutoras deixen de ter “microdescansos”, segundo explican desde o comité de empresa; tampouco consta a redución da xornada ata as 8 horas xa que, alertan, hai días nos que chegan a conducir dez horas; ou a revisión dos horarios de percorrido para poder mellorar o servizo. 

Prórroga da concesión ata 2025

Vitrasa é a concesionaria de transporte urbano de Vigo desde hai máis de 50 anos e ten vixente o contrato ata o ano 2025, logo de que durante a pandemia o Concello renovase a concesión por cinco anos máis. Pouco despois desta prórroga remataba o convenio vixente (a finais de 2020) e en 2021 comezaban as negociacións para un novo marco laboral

Manifestación polo convenio de Vitrasa CC-BY-SA CIG

Mais estas negociacións sempre estiveron marcadas pola negativa da empresa a abordar unha suba salarial ata non poder reequilibrar as súas contas, tendo en conta a mingua económica pola diminución de pasaxeiros durante a pandemia

Ante a ausencia de negociación chegarían as mobilizacións, con dous días de folga en agosto de 2021, xusto durante o festival do Marisquiño. E logo, os paros parciais nos meses seguintes, con 18 días de folga en decembro de 2021. 

O conflito mantívose durante 2022 e 2023 con mobilizacións constantes e un total de 14 reunións entre sindicatos e empresa sen achegamentos ata que o 25 de novembro comezou a folga indefinida que polo de agora non se desconvoca, 50 días despois, e xa están anunciadas manifestacións para todos os días da vindeira semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.