Cronoloxía do conflito de Vitrasa: dous anos de protestas no transporte urbano de Vigo

Manifestación de traballadores e traballadoras de Vitrasa polas rúas de Vigo CC-BY-SA CIG

“Se están case o 100% dos hoteis reservados para Nadal que se traian os seus propios autobuses porque aquí non van ter ese medio de transporte", avisan desde o comité de empresa de Vitrasa

Este verán cumpríronse xa dous anos de paros, folgas e mobilizacións do cadro de persoal de Vitrasa, empresa concesionaria do transporte urbano de Vigo desde hai máis de 50 anos. Un conflito que comezou tras a pandemia e que continúa a día de hoxe nun enquistamento a tres bandas: as persoas traballadoras reclaman firmar un novo convenio que lles permita actualizar salarios; a empresa asegura que a súa situación económica “complexa” impídelle melloras económicas; e desde o Concello, o alcalde tenta manterse de perfil “nun conflito entre empresa e traballadores”.

“Se están case o 100% dos hoteis reservados para Nadal que se traian os seus propios autobuses porque aquí non van ter ese medio de transporte. Probablemente cando cheguen as luces comezaremos unha folga máis intensa”, aseguraba a este diario o presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso días antes de anunciar unha folga indefinida a partir do 25 de novembro que se suma ás xornadas de paro total nos días 8 e 9 do mesmo mes.

Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa de Vitrasa.- © Praza

Son máis de dous anos de conflito laboral sen apenas avances. Moitos días de paros parciais que actualmente son diarios, coa mingua económica que iso supón para os petos dos traballadores e a solución non parece próxima

Son máis de dous anos de conflito laboral sen apenas avances. Moitos días de paros parciais que actualmente son diarios, coa mingua económica que iso supón para os petos dos traballadores e, segundo apuntan desde o comité, a solución non parece próxima. “O cadro de persoal está xa moi canso, pero tamén moi implicado”, asegura o presidente do comité de empresa, que anuncia novas xornadas de folga de 24 horas coincidindo coa temporada de Nadal, “que xa sabemos que en Vigo dura uns meses”, puntualiza. “A todos subiunos o aceite, o gasoil e a hipoteca pero os nosos salarios seguen conxelados”, lamenta. 

Facemos con Imanol Arnoso unha cronoloxía do conflito, cuxa orixe sitúa en 2020, coa alerta sanitaria da pandemia de COVID-19.

2020: prórroga na concesión, fin de convenio

En 2020 o Concello prorroga a concesión a Vitrasa, que desde 2002 forma parte do grupo Avanza, cinco anos máis. En medio desta situación o Goberno de España achega 2,2 millóns de euros para axudar á empresa polas perdas derivadas da pandemia. Comezan entón os recortes de liñas motivados pola falta de viaxeiros. Segundo explica Arnoso, actualmente realízanse 72 viaxes menos cada día; elimináronse liñas como a C2 e as L9 e 8 uníronse con redución de viaxes e percorridos. A finais dese ano remata o convenio vixente.

As mobilizacións comezaron en agosto de 2021, con dous día de folga durante o festival do Mariquiño

2021: comezan as mobilizacións

En 2021 comezan as negociacións do novo convenio, mais segundo explican desde o comité, a empresa négase a negociar nada ata que poida reequilibrar as súas contas. Recibe entón outros 3,5 millóns de euros de axudas por parte do Goberno central polas perdas na pandemia.

A empresa reclama outros 19 millóns de euros ao Concello pola mingua de viaxeiros que sofre, mais o xulgado denégallo.

Ante a ausencia de negociación, comezan as mobilizacións, con dous días de folga en agosto, xusto durante o festival do Marisquiño. Logo chegarían os paros parciais nos meses seguintes, con 18 días de folga en decembro de 2021. O comité decide entón solicitar unha mediación e paran as mobilizacións. Ese ano o IPC acada o 6,5% . 

2022: prohibido baixar os salarios

Xa en 2022, durante a mediación solicitada polo comité, a empresa anuncia a súa intención de realizar unha ‘inaplicación de convenio’ que suporía baixar un 30% o salario e aumentar as horas de traballo do cadro de persoal. Mais un árbitro da Comisión Tripartita Galega denega a pretensión da empresa e basea o seu laudo, entre outras cousas, en que é unha estratexia para non negociar o convenio. 

Os traballadores e traballadoras continúan entón coas mobilizacións. Este ano o IPC pecha no 5,7% e o billete de Vitrasa pasa de 1,35 a 1,40 euros, un 3,7% máis.

Concentración de persoas traballadoras de Vitrasa fronte ao Concello de Vigo. CC-BY-SA CIG

“Atopámonos a día de hoxe con que temos un salario conxelado desde o ano 2020. Neste tempo, a empresa obtivo un reequilibro pola pandemia de 5,7 millóns de euros, subiu o billete en máis dun 10% e aínda reclama 31 millóns máis”

2023: sen avances tras 14 reunións

Chega 2023 con novas mobilizacións parciais e unha nova subida do billete ordinario do autobús urbano de Vigo, que pasa de 1,40 a 1,49 euros (un 6,4% máis). 

Os representantes  manteñen en maio a última reunión de negociación do convenio, que supuña a número 14. “A empresa dinos outra vez que non vai negociar ningún punto ata reequilibrar as contas pero nos ofrece 500 euros para parar as mobilizacións”, explica Arnoso.

E Vitrasa volve reclamar diñeiro ao Concello, desta vez case 31 millóns “para paliar a perda de viaxeiros, obter un beneficio empresarial do 8% e pagarnos os atrasos aos traballadores”, detalla o presidente do comité de empresa. 

“Atopámonos a día de hoxe con que temos un salario conxelado desde o ano 2020, con que ten subido a vida desde entón”, lamenta Imanol Arnoso. Neste tempo, resume o representante sindical, “a empresa obtivo un reequilibro pola pandemia de 5,7 millóns de euros, subiu o billete en máis dun 10% e aínda reclama 31 millóns máis”.

As reivindicacións

Os traballadores e traballadoras de Vitrasa reclaman firmar un novo convenio para actualizar os salarios e permitir melloras concretas como: 

Descansos efectivos na xornada, xa que, segundo detallan desde o comité de empresa, actualmente “temos microdescansos que non chegan ao mínimo legal e unicamente achegan máis estrés ás nosas xornadas”. 

Redución da xornada diaria ata as 8 horas xa que, alertan, hai días nos que chegan a conducir dez horas.

Revisión dos horarios de percorrido para poder dar un servizo de calidade e non ter que “ir correndo para poder chegar a tempo de estirar as pernas ao final da liña”, explica o presidente do comité de empresa.

Ademais, os representantes sindicais tamén poñen o foco na eventualidade da empresa actualmente, así como na necesidade  de establecer novas quendas de descanso e vacacións (para poder gozalas en verán) ou unha revisión das categorías laborais, entre outras cuestións.

Desde o comité alertan dos “incumprimentos constantes” dos pregos da concesión, e só no mes de setembro xa teñen presentado dez denuncias ante a Inspección de Traballo “por vulneración do dereito á folga, por sobrepasar as 80 horas anuais de horas extras, por visualizar as cámaras nos buses sen xustificación ou por cambiar os horarios nos días de folga”, explica Imanol Arnoso. 

Protesta polas rúas de Vigo para pedir a negociación do convenio de Vitrasa. CC-BY-SA CIG

De  56 novos autobuses que tiña que incorporar a empresa desde a prórroga de 2020 soamente chegaron 29, aseguran desde o comité de empresa de Vitrasa

Como exemplo de incumprimentos, detalla que de 56 novos autobuses que tiña que incorporar a empresa desde a prórroga de 2020 soamente chegaron 29. “Nin sequera meteron os comprometidos para 2021, que eran xa 31”, asegura o responsable sindical.

Arnoso alerta da represión sindical que están a sufrir, logo de que a empresa sancionase a varios membros do cadro de persoal con dous meses de emprego e soldo por impedir a saída de tres autobuses nocturnos na fin de semana do Marisquiño .

Implicación do Concello

A representación sindical reclama que o Concello debe implicarse no conflito, xa que é o responsable do transporte urbano da cidade, “regaloulle cinco anos de concesión a Vitrasa, está permitindo os recortes e vai pagar o reequibro que a empresa reclama polas perdas”, explica. En defintiva, “é quen contratou os servizos dunha empresa que non está cumprindo co seu cometido”, enfatiza o presidente do comité de empresa. 

Abel Caballero apunta a unha folga política: "A CIG e o Bloque queren rebentar o transporte en Vigo e collen como reféns a xente que máis o necesita"

Pola súa banda, a postura do alcalde neste conflito sempre se caracterizou pola distancia ante un problema “entre unha empresa e os traballadores”, indicou en reiteradas ocasións Abel Caballero. Mais ultimamente, co endurecemento das protestas, está comezando a cambiar o discurso. A última vez que falou o alcalde sobre este asunto foi nun programa da televisión local de Vigo, onde defendía a xestión municipal en todo o asunto. "Fomos listos e rápidos e renovamos a concesión en 2020 por cinco anos" explicaba o 19 de outubro. Ao tempo que detallaba que o Concello está no proceso de avaliación da posible compensación. "E ata que isto non suceda, non se pode negociar unha suba (de salarios)", indicou. O alcalde de Vigo sempre salienta que Vitrasa ofrece "o autobús máis barato de España", se se viaxa coa tarxeta Pass Vigo, ao tempo que apunta a unha "folga política". "O comité está controlado pola CIG", subliña. "A CIG e o Bloque queren rebentar o transporte en Vigo e collen como reféns a xente que máis o necesita", engade.

A compañía indica que se encontra “nunha situación difícil e complexa na que non é posible facer fronte a incrementos salariais”

Consultada a empresa sobre o asunto, “lamenta profundamente a situación na que se ve envolta a cidadanía de Vigo ante a convocatoria dos novos paros anunciada polo comité de empresa para as próximas semanas”.

A través dun comunicado, a compañía indica que se encontra “nunha situación difícil e complexa na que non é posible facer fronte a incrementos salariais”. Mais aseguran que “as condicións que establece o convenio colectivo de Vitrasa son moi superiores ás que ten a maioría do persoal de condución de Galicia”. 

Actualmente, os traballadores e traballadoras de Vitrasa realizan paros todos os días entre as sete e as oito e media pola mañá; entre as doce e media e tres e media polo mediodía, e de oito a nove e media pola tarde. Tamén os sábados paran de doce e media a dúas pola mañá e de sete e media a nove pola tarde. Os domingos e festivos os paros no servizo están comprendidos entre as doce e media e as tres e media da tarde. Ademais, está convocada folga total no servizo para os días 8 e 9 de novembro, así como folga indefinida desde o 25 de novembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.