A obra, con texto de Esther Carrodeguas e dirección de Xavier Castiñeira, analiza con humor e irreverencia a biografía de Manuel Fraga
Nunha data tan escollida coma o 12 de outubro, o Centro Dramático Nacional estrea Iribarne, a obra de ButacaZero sobre Manuel Fraga. A produción pode verse dende este xoves no Teatro Valle-Inclán de Madrid, onde estará en cartel un mes, ata o 12 de novembro. No ano 2024 chegará a Galicia, onde se representará en escenarios de varias cidades e vilas.
A obra, con texto de Esther Carrodeguas e dirección de Xavier Castiñeira, analiza con humor e irreverencia a biografía de Manuel Fraga, ministro da ditadura e posteriormente presidente da Xunta, e o seu papel na recente historia de España. A peza é resultado dun extenso proceso de investigación sobre a súa historia persoal e o propio contexto histórico, dende o franquismo ata a democracia.
A obra estréase este 12 de outubro en Madrid e chegará no 2024 a Galicia
Iribarne, unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, está protagonizada por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Mónica García, Anxo Outumuro, Lidia Veiga e a propia Esther Carrodeguas, que se suceden no escenario representando o papel de Fraga nunha montaxe trepidante e atrevida. Trátase dunha "peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver", afirma o seu director. O músico Berto é o responsable da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE? e que será editada por Subterfuge Records.
Iribarne é o sétimo proxecto conxunto de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, fundadores da compañía ButacaZero e ao igual que en obras anteriores, como Voaxa e Carmín, Despois da ondas ou 32m2, busca dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica.
Carrodeguas e Castiñeira salientan que ambos os dous pertencen a unha xeración, a da Transición, “que medrou rodeada dun silencio tácito arredor da historia política recente", e destacan que este proxecto os axudou “a entender de onde vimos”
Carrodeguas define a obra como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia". Segundo ela, é "o traballo máis difícil que escribín ata agora" e engade que "foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar".
Tanto Carrodeguas como Castiñeira salientan que ambos os dous pertencen a unha xeración, a da Transición, “que medrou rodeada dun silencio tácito arredor da historia política recente", e destacan que este proxecto os axudou “a entender de onde vimos”. "Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia", apunta neste senso Carrodeguas.
Trátase dunha "peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver", afirma o seu director. Berto é o responsable da banda sonora orixinal da obra
A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política de España, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. "Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país", afirma Castiñeira. "Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado", engade o director.
Así, pasan pola obra momentos icónicos da historia de España, coma o baño de Fraga en Palomares, ata elementos pop, coma o Festival de Eurovisión, Massiel, Serrat e Salomé, ata outros máis serios, coma a execución de Grimau os asasinatos de ETA ou a morte de Franco.
Fraga era "un gran creador de contidos, capaz de xerar o discurso que lle conviña en cada momento"
"Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España", sinala Esther Carrodeguas, que define a Fraga como "un gran creador de contidos, que era quen de xerar o discurso que a el lle conviña en cada momento".
Durante o pasado ano ButacaZero levou a cabo un amplo traballo de investigación sobre a figura, a través de entrevistas, improvisacións e outros materiais e procesos
Ao longo do pasado ano (no que ademais se conmemorou o centenario do nacemento de Fraga e o décimo aniversario da súa morte), ButacaZero levou a cabo un amplo traballo de investigación sobre a figura, a través de entrevistas, improvisacións e outros materiais e procesos. “Abordar un personaxe tan popular como Manuel Fraga, que deixou o seu selo persoal en case todos os eventos e celebracións de Galicia, tíñase que facer coa colaboración de quen gardaba memoria directa sobre el”, destacan os creadores da obra.
Fraga "deseñou non só o que agora é Galicia, senón mesmo o que é España", destacan os creadores da obra
Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira destacan finalmente que a obra busca facer balance dunha personalidade “particularísima e popularísima” e subliñan que Fraga “puido ter sucedido a outro galego, Francisco Franco, pero tivo que se conformar con ser o ‘grandísimo presidente dos e das galegas". Porén, engaden, "temos a impresión de que polo camiño deseñou non só o que agora é Galicia, senón mesmo o que é España: esa España do turismo, a do destape a dos paradores... Ou o mesmísimo PP”.