A obra de Talía Teatro levou 7 dos 9 galardóns aos que aspiraba, entre eles o de Mellor espectáculo, Mellor dirección (de forma compartida), Mellor actriz protagonista, Mellor actor secundario e Mellor adaptación-tradución
Unha inimiga do pobo foi a gran triunfadora da gran noite do teatro galego, os Premios María Casares, que se entregaron este xoves pola noite no Rosalía de Castro da Coruña. A obra de Talía Teatro levou 7 dos 9 galardóns aos que aspiraba, entre eles o de Mellor espectáculo, Mellor dirección (de forma compartida), Mellor actriz protagonista, Mellor actor secundario e Mellor adaptación-tradución.
A gala de entrega dos XXVIII Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), foi unha auténtica homenaxe ao teatro musical baixo a dirección de Sara Fandiño. Na cerimonia tiveron gran protagonismo as lendas do mar, o espírito atlántico e os piratas e as sereas. O escenario do Teatro Rosalía converteuse nun barco pirata que celebrou as nosas artes escénicas nunha noite na que Vero Rilo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e María Barcala recolleu o Premio de Honra Marisa Soto.
O escenario do Teatro Rosalía converteuse nun barco pirata que celebrou as nosas artes escénicas nunha noite na que Vero Rilo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e María Barcala recolleu o Premio de Honra Marisa Soto
Unha inimiga do pobo levou os premios ao mellor espectáculo, actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), adaptación-tradución (Vanesa Sotelo e Tito Asorey), espazo escénico (Dani Trillo), iluminación (Laura Iturralde) e dirección, galardón que Tito Asorey compartiu con Quico Cadaval, director de O Auto do Castromil, que tamén levou o de vestiario (Carlos Alonso). Así mesmo, Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro, impúxose nas dúas categorías ás que optaba: maquillaxe (Baia Fernández) e espazo sonoro (Mónica de Nut).
Tito Asorey (Unha inimiga do pobo) e Quico Cadaval (O Auto do Castromil) compartiron o premio á mellor dirección
O resto de premios estiveron moi repartidos. Toni Salgado alzouse co premio ao mellor actor protagonista polo seu traballo en Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego. María Roja conquistou o galardón á mellor actriz secundaria polo seu papel en Entrega en man, de Contraproducións. E Manuel Cortés impúxose na categoría de texto orixinal pola obra Códice K, de Ainé. Así mesmo, María Torres e Gonçalo Guerreiro obtiveron o premio á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río.
Toni Salgado levou o premio ao mellor actor por Shakespeare en Roma
Pola súa banda, Nanai da China, produción de Pérez&Fernández, acadou o María Casares ao mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, mentres que o premio ao mellor espectáculo infantil acabou nas mans da compañía Caramuxo Teatro pola súa obra Crisálida.
Contra a precariedade e a fenda salarial
O “77% da profesión da interpretación ingresa menos de 12000 euros anuais polo seu oficio”, destacou a presidenta da AAAG
No seu discurso, Arantza Villar, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, destacou que o “77% da profesión da interpretación de todo o estado ingresa menos de 12000 euros anuais polo seu oficio” e que os ingresos dos actores masculinos supera nun “40% o das actrices”, subliñando así a persistencia da fenda de xénero. “Dende aquí, dende os escenarios, podemos pelexar contra a precariedade. Cómpre facelo dende o colectivo”, sinalou a presidenta da AAAG.
O seu discurso incluíu tamén mensaxes contra á invasión de Gaza por parte de Israel e críticas á dirección da CRTVG
Villar destacou, ademais, que a finais de 2023 a AAAG, xunto a outras oito asociacións, asinou o Protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual nos ámbitos das artes escénicas e musicais. Definiu este protocolo, que impulsou a asociación Escena Galega, como “pioneiro” e como unha “ferramenta fundamental” que axuda a que “resoe en todos os sectores da sociedade un lema: acabouse”.
“Reclamamos que o ente público sexa verdadeiramente transparente e transversal, alleo á manipulación”, dixo Villar
O seu discurso incluíu tamén mensaxes contra á invasión de Gaza por parte de Israel, mostras de apoio aos traballadores e as traballadoras da dobraxe que están a reclamar o cumprimento do seu convenio colectivo e críticas á CRTVG. “Reclamamos que o ente público sexa verdadeiramente transparente e transversal, alleo á manipulación. Solicitamos que se cumpra a Lei de Medios. Merecemos outra televisión”, rematou Villar.