María Barcala recibe o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia tras máis de corenta anos no mundo da escena
A actriz María Barcala recibe o Premio de Honra Marisa Soto que concede a Asociación de Actores e Actrices de Galicia tras máis de corenta anos no mundo da escena. Un premio de vida para unha nena do rural que naceu en Vila de Cruces no ano 1957 e que dende sempre sentiu atracción pola interpretación, a pesar do pouco acceso ao teatro que tiña nos seus primeiros anos. Un premio que recibirá na gala dos XXVIII Premios de Teatro María Casares, que se celebra o vindeiro 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña, e que asume como recoñecemento dos logros de toda unha xeración que loitou para que o teatro tivese unha consideración social á altura do seu poder transformador da sociedade.
“O teatro chamoume a atención dende sempre, forma parte do xogo e da nena interior que levo dentro. Dalgunha maneira, conseguín que fose a miña vida. Agora hai unha escola, pero daquela dicir na familia que querías ser actriz era moi diferente. A nivel social a concepción da palabra actor e actriz mudou total e absolutamente. A miña xeración pelexou moito para poder formarse en Galicia e non ter que emigrar sempre, para que houbese un circuíto teatral e para que os moi bos edificios teatrais que xa había en Galicia se abrisen para o teatro en galego”, conta María Barcala.
"O teatro chamoume a atención dende sempre, forma parte do xogo e da nena interior que levo dentro. Dalgunha maneira, conseguín que fose a miña vida"
O primeiro espectáculo que estivo no Teatro Principal de Santiago en lingua galega foi A noite das tríbades (1983), na versión de Teatro do Atlántico na que estaba María Barcala. “Foi un acontecemento e unha pelexa dunha concelleira que estaba naquel momento porque ninguén pensaba que tivese sentido programar unha obra en galego. A cola para sacar as entradas saía por baixo dos soportais da rúa Nova e subía pola rúa de Trás Salomé. O teatro estivo abarrotado e foi absolutamente emocionante. Para min, todo isto non son éxitos persoais son de toda unha xeración”, asegura.
Cando María Barcala comezou no teatro era moi difícil chamarse independente porque non había en Galicia outro teatro ao que contrapoñerse. “Con todo, aquí estaban xa Roberto Vidal Bolaño e Laura Pontepelexando nesa xeira con Teatro Antroido. A esta xente, que xa tiña un pequeno bagaxe, fóronse unindo galegas e galegos que retornan polo cambio político tras a morte de Franco. Aí estiven eu tamén no ano 1979, cando considero que comecei a profesionalizarme como actriz. Nesa época chegan Luma Gómez, Eduardo Alonso, Antonio Simón, Xúlio Lago... grandes nomes do teatro”, lembra.
"A primeira representación do CDG ía ser unha versión en galego das Divinas palabras, de Valle-Inclán, dirixida por Xúlio Lago. Cando xa estaba todo o espectáculo preparado e comezaban os ensaios a familia de Valle decide que non vai permitir que se represente en galego"
“O teatro é un medio de expresión que debe formar parte dunha comunidade, que lle fala a unha comunidade e lle permite reflexionar dun xeito pacífico. A min isto é unha cousa que me fascina do teatro porque durante o tempo que dura unha representación xúntanse duascentas ou cincocentas persoas e todas elas, tanto as que están no escenario como as que están no público, mergúllanse emocional e intelectualmente nunha situación que nos axuda a entender cousas e nos remove para axudarnos a transformalas. Falo do teatro que a min me interesa, que é o que fai un servizo á sociedade, non o que só busca entreter, que entendo que tamén debe ter o seu espazo. Interésame o teatro que deixa un xerme no espectador cando acaba a función, que crea debate a posteriori”, reflexiona Barcala.
Antes da creación do Centro Dramático Galego (CDG), a maior loita era para que houbese espazos onde representar as obras. Neses anos María Barcala funda con Dorotea Bárcena e Xúlio Lago a compañía Teatro da Mari-Gaila, na que traballaban todos os días da semana (de mañá e de tarde) para preparar as funcións, formarse e xestionar a parte de produción máis administrativa. Daquela era preciso facer unha versión en castelán das obras para saír de Galicia a outros teatros e conseguir manterse na profesión. “Unha etapa riquísima, eramos moi novos, a vida estaba aínda por descubrir e o tempo era eterno”, describe a actriz.
O CDG propiciou que todas as pequenas compañías, cada unha coas súas formas de facer e a súa estética, se uniran para abrir o seu mundo. Así o recorda María Barcala, que nesta altura quere poñer o foco en todo o que ocorreu cando botou a andar unha institución que agora ve moi minguada. “A primeira representación do CDG ía ser unha versión en galego das Divinas palabras, de Valle-Inclán, dirixida por Xúlio Lago. Cando xa estaba todo o espectáculo preparado e comezaban os ensaios a familia de Valle decide que non vai permitir que se represente en galego. O segundo espectáculo que se ía estrear no CDG era unha obra sobre Rosalía de Castro que estaba a escribir Roberto Vidal Bolaño, pero que non estaba rematada. Por iso, Eduardo Alonso, que dirixía o CDG, dixo que a obra que inaugurase tiña que ser o Woyzeck, de Büchner, porque era o espectáculo que Xúlio Lago tiña preparado para Teatro da Mari-Gaila”, detalla Barcala.
"Nos últimos anos a consideración orzamentaria de toda a política cultural deste país, non só do CDG, está absolutamente a mínimos"
O Woyzeck, que no seu elenco contou coa actriz de Vila de Cruces, estreouse o 23 de agosto de 1984 no Teatro Rosalía Castro da Coruña na inauguración do CDG. “Tocounos poñer as primeiras pedras e ben está, pero recibimos moitas críticas pola escolla desa obra para a sesión inaugural, porque tampouco transcendeu daquela todo o que pasara”, lamenta. Porén, daquilo queda con que a situación mellorou: “Por vez primeira comezou a considerarse o teatro como un sector que había que apoiar e que tiña interese para unha sociedade e un país como era Galicia. Empezou a contemplarse dentro dos orzamentos aínda que dunha maneira moi cativa, pero dentro dos organigramas políticos empezaron a ter en consideración o teatro dentro da Cultura”.
Co paso dos anos, o Centro Dramático Galego deixou de cumprir co papel que fixo nos seus inicios. Barcala apunta que “nos últimos anos a consideración orzamentaria de toda a política cultural deste país, non só do CDG, está absolutamente a mínimos”. “Volvendo a vista atrás, unha pensa nos grandes espectáculos que se puideron facer no CDG... Eu cheguei a formar parte dunha compañía estable de 15 actrices e actores e isto foi minguando e minguando dunha maneira terrible, e non porque os creadores ou creadoras non teñan propostas e ganas de facer cousas, senón porque os presupostos están estancados”, engade.
"O teatro que queriamos facer"
Se hai unha compañía que marcou a carreira de María Barcala é Teatro do Atlántico, un proxecto que comparte con Xúlio Lago e que se converteu na súa vida tras máis de trinta temporadas facendo espectáculos que lles interesan. “Permitiunos facer o teatro que queriamos facer, dentro das características do país e das circunstancias. Non había unhas condicións óptimas de traballo, houbo que facer moitos oficios que non sabiamos. Foron anos moi ricos, permitiunos entrar no mundo do teatro que fala de seres humanos, de homes e mulleres con problemáticas existenciais e sociais. Non somos unha compañía que mova grandes públicos, pero si fidelizamos xente alí por onde fomos”, celebra.
María Barcala e Xúlio Lago tamén son compañeiros de vida fóra dos escenarios, foi precisamente o teatro o que os uniu. “Para nós ler textos de teatro, mergullarnos nunha peza, debater esa peza, poñela en pé... foi sempre un traballo que nos producía un grandísimo gozo. Era a nosa maneira de estar na vida, de ferver; dalgunha maneira todo o noso caudal creativo estivo ao servizo disto. Sempre digo que como dificultades vai haber en todo, mellor traballar naquilo que queres e vivir con aquela xente á que queres”, explica a actriz, que chegou a desenvolver unha maneira de traballar con Lago que considera que enriquece as funcións de ambos.
"Para nós ler textos de teatro, mergullarnos nunha peza, debater esa peza, poñela en pé... foi sempre un traballo que nos producía un grandísimo gozo. Era a nosa maneira de estar na vida, de ferver"
Este é o primeiro ano, en corenta de carreira, que decide parar e non estar involucrada na montaxe de ningún espectáculo. De aí a súa sorpresa maiúscula coa chamada da Asociación de Actores e Actrices de Galicia con motivo do Premio de Honra Marisa Soto, que une o seu nome aos de Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, Lino Braxe, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ou Cloti Vaello, quen recibiu esta distinción o pasado ano.
Son moitas as mulleres ás que deu vida en escena ao longo da súa carreira, está Mauren, da obra A raíña da beleza de Leenane (2006), obrigada a vivir no cárcere no que ás veces se converte a casa materna; Irene, a protagonista feminina de A charca inútil (2017), aquela muller que perdeu o fillo nos atentados de Atocha hai agora vinte anos; ou a protagonista de Helena, Xuízo a unha lurpia (2016), que toma a palabra para denunciar as guerras e a utilización da muller como moeda de cambio dos intereses masculinos. Pero hai unha muller que destaca –e non é doado– sobre todas elas: Rosalía de Castro. Interpretouna en dúas versións, primeiro na adaptación do texto de Ramón Otero Pedrayo dirixida por Roberto Vidal Bolaño para o CDG e, máis recentemente, na obra de Teatro do Atlántico Libre coma os paxaros, estreada en 2021 e representada ata o ano pasado.
"Moita xente descubriu a Rosalía a través de Libre coma os paxaros e moitos que xa a coñecían profundamente achegáronseme para dicirme a felicidade que lles producira ver a obra"
“Deunos moito Libre coma os paxaros. A relación cos espectadores foi emocionante en todas partes, foi moi intensa. Moita xente descubriu a Rosalía a través deste espectáculo e moitos que xa a coñecían profundamente achegáronseme para dicirme a felicidade que lles producira ver a obra. Foi moi interesante e moi fermoso todo o percorrido deste espectáculo, do que fixemos moitas funcións e que me deixa un gusto moi grato nun espectáculo que sufrín moito montando. Era unha responsabilidade inmensa, como xa fora a peza de Otero Pedrayo con Roberto Vidal Bolaño, pero alí eramos un gran elenco e a responsabilidade estaba máis compartida. Aquí eu non estou soa, de entrada teño ese substrato marabilloso que son as palabras de Rosalía, o traballo de Xúlio como director e a Vadim Yukhnevich como músico, e un gran equipo técnico detrás comigo, pero realmente si que foi un tirarse pola borda sen saber se ía atopar auga ou non. A Rosalía de Libre coma os paxaros para min é moi importante”, afirma.
Con esta obra, que aínda pode ter moitas máis vidas, Teatro do Atlántico chegou a concellos onde non actuara antes. “Tería moitísima importancia nunha programación aberta para o alumnado dos institutos do país. O que acontece é que como axente distribuidor do espectáculo xa toquei teito porque a distribución ata onde eu podo chegar, sen apoio institucional, xa está feita. Chamei a moitas portas do noso goberno cultural para que viñesen ver unha representación e valorasen se podía ter interese unha distribución un pouco máis específica, pero non conseguín que fosen velo. Si que recibimos apoio de Deputacións como a da Coruña e Lugo. Se houbese posibilidades de volver representalo, mentres teña forzas, eu non tería problema en encerrarme a ensaiar de novo esta obra”, asegura María Barcala, unha muller que fai do teatro a súa vida.