Sarabela estrea 'O dragón de ouro', unha trepidante obra coa inmigración ilegal e a prostitución de fondo

Presentación de 'O Dragón de Ouro', de Sarabela Teatro © Sarabela

É a primeira vez que se leva á escena en galego unha obra do prestixioso dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, o autor xermano vivo máis representado a nivel internacional, grazas á tradución de Catuxa Pato

Sarabela Teatro estrea O dragón de ouro o vindeiro venres 23 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, unha obra do prestixioso dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, o autor xermano vivo máis representado a nivel internacional, que por primeira vez é levado á escena en galego, grazas á tradución de Catuxa Pato. Trátase dunha traxedia contemporánea que mestura o ton perfomático con elementos grotescos para achegarlle ao público unha fonda reflexión sobre temas esencias no debate social actual, principalmente a inmigración ilegal e a prostitución.

Ánxeles Cuña Bóveda dirixe a obra, na que participan cinco intérpretes -Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu-, que se enfrontarán a un reto escénico trepidante: encarnarán 25 personaxes diferentes nunha sucesión de 48 escenas.

Cartel de 'O Dragón de Ouro', de Sarabela Teatro © Sarabela

Ánxeles Cuña Bóveda dirixe a obra, na que participan cinco intérpretes -Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu-, que se enfrontarán a un reto escénico trepidante: encarnarán 25 personaxes diferentes nunha sucesión de 48 escenas

O dragón de ouro carece dunha trama convencional, xa que se nos presenta unha rápida sucesión de escenas cun ritmo cinematográfico áxil e vertixinoso. A obra comeza a primeira hora da noite nun restaurante de comida rápida asiática, situado nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa. Na cociña deste restaurante, chamado O dragón de ouro, un mozo chinés sofre unha forte dor de moas. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa a súa irmá desaparecida. 

Xusto enriba do establecemento, un ancián quere retroceder no tempo, mentres que a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación porque o seu mozo non quere fillos. No piso de abaixo, un home abandonado pola súa muller, visita ao seu amigo, un tendeiro enigmático que obriga unha moza a se prostituír. Así, diferentes historias ao redor dunha mesma veciñanza sucédense en escena até chegar a un final inesperado, sorprendente e tamén poético. 

A obra poderá verse en Ourense os días 23, 24 e 25 de febreiro e despois xirará polo resto de Galicia, comezando por Negreira, Narón, Celanova, Neda, Outes, Ribeira e A Cañiza

Na presentación da obra Ánxeles Cuña puxo en valor o uso intelixente do humor ao longo do texto, a suxestiva mestura coa que se combina a fantasía coa realidade e o personalísimo traballo dramatúrxico do autor, que comparou co encaixe de Camariñas polo complexo que resulta unir todos os fíos que tecen a peza. 

Sarabela Teatro representará a obra o venres 23 ás 20 horas, o sábado 24 á mesma hora e o domingo 25 ás 19 horas. As entradas para as tres funcións xa están á venda a través da web Ataquilla.com nesta ligazón. Tras a estrea en Ourense, O dragón de ouro xirará por diferentes escenarios galegos. Así, o 22 de marzo visitará Negreira, o 20 de abril chegará Narón, o 27 de abril poderase ver en Celanova ou o 24 de maio en Neda. Xa no segundo trimestre, O dragón de Ouro xirará por Outes, Ribeira ou A Cañiza. 

Presentación de 'O Dragón de Ouro', de Sarabela Teatro © Sarabela

Ánxeles Cuña puxo en valor o uso intelixente do humor ao longo do texto, a suxestiva mestura coa que se combina a fantasía coa realidade e o personalísimo traballo dramatúrxico do autor

O equipo da montaxe tamén inclúe a Iris Branco, como responsable de escenografía e vídeo arte; Laura Iturralde, ao cargo do deseño de iluminación; Ruth Díaz Pereira, que asina o vestiario; Renata Codda Font, responsable do campo sonoro, e Vadzim Yuknevich, á fronte da composición musical. Ademais, Rut Balbís encárgase do asesoramento de movemento e María Peinado, da asesoría no texto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.