Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2025

Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia © Rebeca Franco
Publicidade
Publicidade

Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lerá o Manifesto na gala dos María Casares, que se celebra o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía da Coruña

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fai público o ‘Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro’, que cada ano lle encarga a unha persoa de recoñecido prestixio dentro da cultura do noso país para conmemorar o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. 

Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lerá o Manifesto na gala dos María Casares, que se celebra o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía da Coruña.

O seu texto reflexiona ao redor dos paralelismos entre o teatro e o xornalismo, dúas ferramentas que actúan “nas súas mellores versións” como “fiscalizadores críticos do poder” ao tempo que axudan a construír a “esfera pública” imprescindible en toda sociedade democrática. 

A ollos de Regueira estes dous mundos, que “só poden prosperar onde hai liberdade”, serven tanto de “espello da nosa vida” como de “fiestra para entender outras vidas”. “Longa vida ao teatro e ao xornalismo, estes íntimos descoñecidos que poñen as persoas e as súas historias no centro do palco, que nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás”, conclúe.

Publicidade
Publicidade

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2025

Que pinta o xornalismo no Día do Teatro? As dúas son profesións precarizadas, con horarios ás veces incompatibles coa vida, e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial

Que pinta o xornalismo no Día do Teatro? É sabido que a escena e o periodismo non teñen nada en común. Se acaso, comparten a condición de profesións en crise, hai quen di incluso que en extinción. Porque, quen necesita intermediarios fiables da realidade, habendo algoritmos opacos sen código deontolóxico? A quen lle cómpren historias de ficción representadas ao vivo, cando podemos pagarlles ás plataformas para que nos impidan saír da casa?

Pero nada hai máis oposto que o xornalismo e o teatro. Aínda que, ben mirado, as dúas son profesións precarizadas, con horarios ás veces incompatibles coa vida, e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial.

Teatro e periodismo están moi lonxe, abofé. Salvo se cadra no feito de que ningún dos dous ten sentido sen o público. En que estamos obrigadas a preguntarnos por que moitas persoas esquivan as noticias e non poucas evitan os teatros. En que non podemos resignarnos a que a xente moza prescinda de nós nin a ser pasatempo para privilexiados. 

Definitivamente, o teatro e o xornalismo non se parecen en nada. Agás talvez en que os dous axudan a construír a esfera pública sen a que non é posible a democracia; en que nos seus días máis afortunados son espello da nosa vida e fiestra para entender outras vidas; en que nas súas mellores versións actúan como fiscalizadores críticos do poder; en que cando son quen de representar o mundo, permiten que o comprendamos e que matinemos sobre como melloralo. 

Longa vida ao teatro e ao xornalismo, estes íntimos descoñecidos que poñen as persoas e as súas historias no centro do palco, que nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás

Periodismo e teatro non poden ser máis diferentes, xaora, pero ningún dos dous pode prosperar onde non hai liberdade. A liberdade para informar de maneira veraz, a liberdade para crear sen máis límites que os da imaxinación. 

Longa vida ao teatro e ao xornalismo, estes íntimos descoñecidos que poñen as persoas e as súas historias no centro do palco, que nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.