Suspendida 9 meses unha profesora por "neglixencia" e divulgar "cuestións privadas" e "valoracións despectivas"

Aula nun centro de ensino galego e fragmento da sentenza que ratifica a suspensión dunha profesora durante máis de nove meses CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O TSXG avala varias sancións de Educación a unha docente que tampouco aplicaba medidas de atención á diversidade nin valoraba o alumnado de xeito obxectivo 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar a sanción de suspensión de funcións por 9 meses e 20 días dunha profesora ditada pola Consellería de Educación por tres infraccións graves e unha leve cometidas no centro de educación infantil e primaria (CEIP) no que traballaba. A docente cometeu diversas "neglixencias" como realizar "valoracións despectivas" do alumnado en alto para que a escoitasen, comunicar a familias "cuestións privadas doutros alumnos e alumnas", non aplicar medidas de atención á diversidade, non valorar o alumnado de xeito obxectivo ou non manter a orde na aula. 

Feitos probados incluídos na sanción á profesora CC-BY-SA Praza Pública

A profesora foi denunciada por varias nais na primavera de 2024 ante a Consellería de Educación, cuxa Inspección abriu un expediente disciplinario e acordou a medida provisional de relevala de docencia. Tras tomarse "numerosas probas testificais" a docentes, alumnado e familias e alegar a denunciada contra os cargos que contra ela se formulaban, Educación resolveu sancionar á muller en abril de 2025 por tres infraccións graves de "falta inxustificada de rendemento", "desconsideración grave con calquera persoa con que se relacione no exercicio das súas funcións" e "incumprimento do deber de sixilio", así como por unha leve de "descoido ou neglixencia no exercicio das súas funcións".

A muller recorreu contra esa decisión da Xunta e en xaneiro deste ano un xulgado de Ferrol ratificou as sancións. E volveu recorrer esa sentenza ante o TSXG e agora ese tribunal insiste en ratificar as sancións, eximíndoa só do pagamento das costas xudiciais da primeira instancia por defectos formais no procedemento.

Tras denuncias de varias nais, a profesora foi relevada de docencia e acabou sancionada logo de realizarse "numerosas probas testificais"

A sentenza do TSXG, con data do 29 de xuño, identifica os feitos que se deron por probados durante o expediente sancionador. Segundo este, a profesora "non mantén na aula a orde e clima de traballo e convivencia imprescindible para a aprendizaxe do alumnado, e carece de autoridade fronte o alumnado"; "non avalía o alumnado de forma obxectiva e de acordo con criterios de cualificación recollidos nas programacións didácticas e non coñece as súas obrigas respecto á avaliación do alumnado"; "non cumpre as súas obrigas como docente ao non rexistrar o seguimento das programacións didácticas"; "non aplica as medidas de atención á diversidade" ou "non segue a programación didáctica do proxecto competencial".

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

A resolución tamén di que a docente "é responsable de actuar con neglixencia ao expulsar o alumnado fóra da aula, sen supervisión dun adulto"; "é responsable de actuar con neglixencia ao falar en alto, de forma que a escoite todo o grupo de alumnos e alumnas, con valoracións despectivas deles ou de cuestións privadas"; e "é responsable de actuar con neglixencia ao comunicar a nais e pais do alumnado, en reunións de titorías, cuestións privadas de outros alumnos e alumnas". 

O TSXG rexeitou as alegacións da profesora que o expediente caducara, que sufrira indefensión ou que as sancións debían ser reducidas

Na súa sentenza o TSXG ratifica a sentenza previa de primeira instancia e avala as sancións ditadas por Educación, rexeitando que o procedemento sancionador caducase, que a docente sufrise indefensión ou que varios dos incumprimentos se puidesen considerar incluídos noutros para así reducir as sancións. Tamén rexeita que as sancións non fosen proporcionadas, e avala o total de 9 meses e 20 días impostos de suspensión de funcións. A sentenza pode ser recorrida en casación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.