Suspendida 8 anos unha xinecóloga de Ourense por trato vexatorio a pacientes e enfermeiras

Sentenza que avala a suspensión dunha médica oito anos por trato vexatorio a pacientes e enfermeiras CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia | Montaxe: Praza.gal

Un xuíz non ten "nin un mínimo de dúbidas" e avala a sanción do Sergas a unha médica que recibiu 34 reclamacións en dous anos por insultos ou non deixar falar ás pacientes, actitudes que sobrecargaron o servizo de Xinecoloxía do CHUO

Un xulgado de Santiago vén de ratificar unha sanción de oito anos de suspensión de funcións ditada pola Consellería de Sanidade contra unha médica especialista en xinecoloxía e obstetricia por trato vexatorio a pacientes e enfermeiras do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Na sentenza o xuíz di non ter "nin un mínimo de dúbidas" da realidade dos feitos relatados no expediente aberto por Sanidade, que cita 34 reclamacións en dous anos contra a médica e reflicte insultos e vexacións a enfermeiras e pacientes, ás que a sancionada non permitía falar. 

Segundo a sentenza, os feitos analizados sucederon entre comezos de 2022 e comezos de 2024. Sanidade resolveu sancionar á médica en maio de 2024 por tres faltas disciplinarias graves e unha moi grave a un total de 8 anos de suspensión de funcións. A muller recorreu pero agora un xulgado de Santiago, nunha sentenza do pasado 1 de xuño feita pública nas últimas semanas, avala a sanción en todos os seus extremos. 

Sentenza que avala a suspensión dunha médica oito anos por trato vexatorio a pacientes e enfermeiras CC-BY-SA Imaxe: Concello de Ourense | Montaxe: Praza.gal

A sentenza di que "de forma reiterada e mantida no tempo a encartada tivo un trato desconsiderado e vexatorio coas pacientes, chegando algunhas a desenvolver cadros de ansiedade que motivaron acudir ao servizo de Urxencias". "Esa situación xerou que desde marzo de 2022 a febreiro de 2024 se presentasen un total de 34 reclamacións, todas elas incluídas e valoradas prudentemente no expediente disciplinario", do que o xuíz tamén conclúe actitudes como "desobedecer aos seus superiores e actuacións non dilixentes, imprudentes ou non apropiadas no marco do seu servizo". 

O expediente sancionador agora avalado pola xustiza reflicte tamén que "son incontables as queixas/reclamacións verbais recibidas sobre a doutora desde o persoal de enfermaría, matronas, residentes e xinecólogos do servizo"

O maxistrado considera que a muller "ocasionou unha repercusión en todo o servizo de Xinecoloxía ao existir unha desconfianza nas súas valoracións, diagnósticos e/ou tratamentos pautados tanto por parte dos seus compañeiros como por parte das pacientes, ás que non permite expresarse ou explicarse sobre o seu estado de saúde, o que supón a imposibilidade por parte destas de expoñer debidamente a súa situación". "Todo iso xerou unha sobrecarga asistencial para o resto de facultativos tanto a nivel asistencial (repetición de consultas, cambio de especialista que solicitan as pacientes nas súas reclamacións) como docente a súa nula participación en actividades cos residentes", engade a sentenza.

"Igualmente infírense condutas polas que a encartada non cumpriu coa normativa vixente nin en materia de documentación clínica, ao entregar ás pacientes copia do curso clínico realizado por diferentes profesionais, nin en materia de cumprimentación de receitas, nin en materia de confidencialidade dos datos clínicos", afonda o xuíz, que di que tras o xuízo "se este xulgador puidese ter un mínimo de dúbidas respecto da minoración ou modulación da pena imposta [...] tras a lectura do expediente administrativo aquela posibilidade foi descartada de plano". 

Xulgados de Santiago nos que se avalou a sanción de Sanidade á médica CC-BY-SA Praza Pública

Un expediente administrativo que sinala que, ademais das 34 queixas formais das pacientes, un informe da xefatura de servizo reflectiu en decembro de 2023 que "son incontables as queixas/reclamacións verbais recibidas sobre a doutora desde o persoal de enfermaría, matronas, residentes e xinecólogos do servizo". Así, o expediente recolle declaracións de varias auxiliares de enfermaría ratificando queixas de pacientes sobre que a doutora non as deixaba explicar as súas doenzas.

"Impórtame unha merda como te chames", "ata os collóns de novatas 'gilipollas' de merda" ou "vostede está ben da cabeza?" son algunhas das expresións que se atribúen á médica como dirixidas a pacientes e enfermeiras

Tamén cita o caso dunha auxiliar que cando se presentou á doutora esta lle respondeu: "impórtame unha merda como te chames". Cando a auxiliar lle dixo que era a primeira vez que estaba nese servizo, a nova resposta foi que estaba "ata os narices ou ata os collóns de novatas gilipollas de merda" e que nunha ocasión "tiroulle todos os papeis ao chan e mandoullos recoller".

A supervisora de urxencias de Xinecoloxía tamén expuxo que xa en abril de 2022 "comunicou á Dirección de Enfermaría e á Dirección Médica do CHUO, mediante oficio, unha relación do persoal que sufriu trato vexatorio por parte da facultativa" e que "en relación coas pacientes, a supervisora declara que tivo que acudir en varias ocasións a tratar de calmar a estas por ataques de ansiedade e indicarlles onde teñen que facer unha reclamación debido á incredulidade que amosan co trato recibido na consulta". 

Hospital de Ourense © Xunta

O xuíz conclúe que "os feitos imputables á demandante foron tan reprochables e as penas impostas tan axustadas e ponderadas que en modo algún poden minorarse"

Canto ás pacientes, o expediente citado na sentenza relata o caso dunha muller á que a doutora "comezou a berrar e humillar, preguntándolle: Vostede está ben da cabeza?". Ao dicirlle a paciente que ía presentar unha reclamación a doutora "nin se inmutou e en vez de facilitarlle os seus datos persoais imprimiulle o seu curso clínico de xinecoloxía completo e entregoullo". Noutro caso a doutora chamou na sala de espera a unha paciente "polo seu nome e apelidos e a súa enfermidade", o que supuxo unha "vulneración do dereito á intimidade".

O xuíz conclúe que "os feitos imputables á demandante foron tan reprochables e as penas impostas tan axustadas e ponderadas que en modo algún poden minorarse". A sentenza, en todo caso, é recorrible ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.