A asociación lucense Si, hai saída é unha das catro entidades galegas recoñecidas este ano cos premios Meninas contra a violencia machista, que entrega o Goberno central. As outras galardoadas son a Casa de acollida a mulleres vítimas de violencia de xénero de Ferrol, a Fundación de Solidaridade Amaranta de Ourense e a asociación Faraxa de Vigo, ademais do xuíz titular de violencia de xénero da Coruña, Miguel Filgueira Bouza. Si, hai saída é unha entidade sen ánimo de lucro que dende hai anos ofrece asistencia a mulleres que sufriron agresións machistas.
Está presidida por Marta Rodríguez Engroba, que a puxo en marcha a partir da súa propia experiencia como vítima de violencia de xénero, decidíndose a emprestar apoio a mulleres que se atopasen nesta situación. Falamos con ela.
"Se puidese, abstraeríame de todo o que sucede no 25 de novembro. De súpeto, parece que todo o mundo se decata de que existe a violencia de xénero. Pero hai un 26 de novembro, e un 27 de novembro e 365 días no ano"
Que significa este recoñecemento para a asociación?
Estamos contentas de recibilo, claro. Aínda que foi unha gran sorpresa. Non somos unha asociación que busque 'fotos' nin saír nos medios de comunicación, pero satisfaime sobre todo polas miñas compañeiras; eu son a cara visible da asociación, pero detrás de min hai un equipo sen o cal non sería posible facer nada. É polo tanto un recoñecemento ao traballo calado e discreto que están facendo elas e que moita xente non coñece aínda.
"A auténtica realidade destas mulleres aínda é unha completa descoñecida: os seus medos, as súas inquedanzas, a soidade que senten, a desprotección que teñen na meirande parte das ocasións"
Como vivides na asociación unha semana como esta, na que todas as institución, partidos e medios de comunicación emprestan atención á violencia machista? A conmemoración do día 25 é útil ou botades de menos que esta atención se manteña o resto do ano?
Se puidese, abstraeríame de todo o que sucede no 25 de novembro e nos días previos. De súpeto hai un estalido de concienciación de grupos políticos e colectivos, e parece que todo o mundo se decata de que existe a violencia de xénero: todo o mundo reivindica, todo o mundo sae na foto, todo o mundo vai aos actos. Pero hai un 26 de novembro, e un 27 de novembro e 365 días no ano. Eu o que pido encarecidamente é que non se utilice a violencia de xénero como estratexia de marketing, nin para medrar politicamente, profesionalmente ou socialmente.
Marta R. Engroba, recollendo o premio Meninas de mans da subdelegada do Goberno central en Lugo / DG
Mellorou a situación nos últimos anos?
Non digo que non se melloraran algunhas cousas, evidentemente. Pero a miña valoración está lonxe de ser positiva. O noso día a día demostra todo o contrario. A auténtica realidade destas mulleres aínda é unha completa descoñecida: os seus medos, as súas inquedanzas, a soidade que senten, a desprotección que teñen na meirande parte das ocasións.
"Eu mesma fun vítima de violencia de xénero. O día que escapei de ser asasinada, prometinme que na medida que puidera ía axudar a todas estas mulleres"
Como é o proceso dende que unha muller que foi agredida se pon en contacto con vós? Como a axudades?
Eu recibo a todas as mulleres que se poñen en contacto coa asociación. Eu mesma fun vítima de violencia de xénero, tamén. A asociación nace por ese motivo: o día que escapei de ser asasinada, prometinme que na medida que puidera ía axudar a todas estas mulleres. A partir de aí, dependendo de como sexa o caso, pasan a algunha das miñas compañeiras: somos un equipo de sete mulleres, cinco delas son letradas, que lles dan asesoramento legal dun xeito absolutamente altruísta
Despois, mantemos unha atención constante. É importante acompañalas en todo este proceso, que é longo e difícil. É importante estar aí cando hai recaídas, que é algo que moita xente non entende. Moita xente non entende que estas vítimas teñen unha dependencia psicolóxica enorme dos seus agresores.
"É importante acompañalas en todo o proceso e estar aí cando hai recaídas. Moita xente non entende que estas vítimas teñen unha dependencia psicolóxica enorme dos seus agresores"
Un dos aspectos no que hai que incidir é a formación do persoal que atende nos xulgados, na Policía e nos centros medicos ás mulleres que sofren malos tratos?
Hai xente que está formada nestes temas, pero aínda hai moitas persoas que interveñen nestes procesos que carecen de coñecementos, de solidariedade, de paciencia e de empatía. Nas unidades de familia e muller non sempre temos a garantía de que o policía que está aí ten a humanidade e a empatía que require este tema. E por iso pasa moitas veces que a muller que acude a denunciar se sente cuestionada, xulgada e non crida, o que supón o cóctel perfecto para que desista da denuncia. E isto pode ser un perigo para a súa vida e para o dos seus fillos.
"Non sempre temos a garantía de que o policía que está aí ten a humanidade e a empatía que require este tema. A muller que acude a denunciar séntese moitas veces cuestionada, xulgada e non crida"
Que debería cambiar para que as mulleres que van denunciar se sentisen máis seguras?
O VioGén (Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero) dá uns resultados moi pouco fiables, como se viu este verán en varios casos que remataron en asasinato. Son unhas preguntas xenéricas, como se o agresor ten armas, se ten antecedentes ou se consume algún tipo de sustancia... E se o nivel de risco que resulta é baixo, esa muller volve á súa casa sen ningunha medida de protección ante un señor que se vai saber denunciado e se vai saber impune, polo que será máis perigoso. E mesmo se o resultado desa análise é que cómpre deter ese home, a muller vai quedar nun limbo ata que isto suceda, sen saber se este señor está solto ou se vai ir por ela.
Ademais, unha vez presentada a denuncia, a muller nunca sabe cando a van chamar do xulgado; depende de como estea de saturado o xulgado, depende de como teña a axenda o xuíz ese día... Imaxina a ansiedade e o medo que isto implica para esa muller.
Intervención de Marta Rodríguez Engroba nunhas xornadas sobre violencia machista | Si, hai saída
Como son as mulleres que se achegan á vosa asociación buscando apoio?
Temos todo tipo de mulleres. Dende a que non se atreve a denunciar ata a que está máis decidida a facelo. Hai algunha que chega buscando escoitar o que ela quere oír: que lle digamos que evite a denuncia. Pero nós temos claro que o único xeito de saír da violencia de xénero é a denuncia. Outra cousa é que estas mulleres teñen que ser atendidas doutro xeito cando o fan, pero hai que denunciar.
"Estas mulleres necesitan recursos e apoio inmediatos. Moitas delas nin sequera teñen un teito no que refuxiarse, elas e os seus fillos. Non lles veñas con itinerarios de inserción laboral: necesitan recursos xa"
Unha vez presentada a denuncia, moitas mulleres teñen que abandonar os seus fogares ou necesitan recursos económicos para vivir e e coidar dos seus fillos e fillas. Son suficientes os apoios que neste momento empresta a administración?
Unha das patas da violencia de xénero é a violencia económica: moitas mulleres non teñen recursos e dependen economicamente dos seus agresores. O motivo é que moitas mulleres quedan fóra do circuíto laboral. E, de feito, non é raro que suceda nestes casos, pois un dos riscos que definen a violencia de xénero é o illamento, porque o agresor as illa completamente.
Estas mulleres necesitan recursos e apoio inmediatos no momento en que denuncian. Moitas delas non teñen cartos en absoluto, non teñen traballo e nin sequera teñen un teito no que refuxiarse, elas e os seus fillos. Non lles veñas con itinerarios de inserción laboral: necesitan recursos xa. Hai cousas que son mínimas, e que para nós son obvias, pero que parece que non o son para quen deseña estas axudas. Ás veces non poden desprazarse a unha entrevista de traballo porque é lonxe e non teñen cartos para o autobús. Ou porque teñen nenos pequenos e non teñen con quen deixalos. Nós temos un acordo cunha perruquería que lles corta o pelo e peitea estas mulleres para que poidan ir presentables a unha entrevista de traballo.
"Hai moita xente da contorna das mulleres que sofren violencia de xénero que lles din 'aguanta polos fillos'. Pero precisamente polos fillos é polo que non se pode aguantar esa situación"
Están suficientemente protexidos os menores nos casos de violencia de xénero?
Hai moito que avanzar no que respecta aos menores. Hai moita xente da contorna das mulleres que sofren violencia de xénero que lles din “aguanta polos fillos”. Pero precisamente polos fillos é polo que non se pode aguantar esa situación, polo que se debe tentar saír canto antes. Temos esa falsa crenza de que os pequenos non se enteran de nada, pero a reaidade é que os pequenos saben perfectamente o que está a pasar, aínda que non vexan directamente unha agresión física. Iso nótase no ambiente.
E non esquezamos que para o maltratador a muller é unha posesión. Se ela o rexeita, se ela non quere volver con el, el vai tentar facerlle dano no que máis lle doe. E que lle doe máis á súa nai que os seus fillos? Unha vez que a unha muller lle matan ao seu fillo xa non lle poden facer máis dano, xa a mataron en vida, esa muller xa é unha morta vivente para sempre.
"Para o maltratador a muller é unha posesión. Se ela o rexeita, el vai tentar facerlle dano no que máis lle doe. E que lle doe máis á súa nai que os seus fillos?
As leis deberían protexer moito mellor aos fillos, partindo de algo tan evidente como que un maltratador nunca pode ser un bo pai. Non ten sentido defender o dereito de visitas destes malnacidos, porque non teñen outro nome. Non é certo que un pequeno necesite un pai e unha nai, o que un pequeno necesita é o amor e a protección que lle brinda un proxenitor, dous ou vinte, pero nunca pode ser exposto a este tipo de perigos.
Concentración en Lugo contra a violencia machista, o pasado ano | Concello de Lugo