O pasado novembro un membro do Exército español asasinaba en Melilla unha muller de 24 anos. Segundo transcendeu a través da Garda Civil a vítima exercía a prostitución e o home agrediuna ata provocarlle á morte tras manter unha relación sexual con ela. Tras a agresión a xefa da Unidade de Violencia de Xénero na cidade africana, María Dolores Valverde, difundía un comunicado no que, ademais de condenar a agresión, advertía de que non se trataba dun caso de violencia machista por tratarse dunha relación casual entre a vítima e o agresor. O Goberno central, do que depende, lonxe de desautorizar as súas consideracións vén de avalalas punto por punto.
As declaracións de Valverde motivaron unha pregunta das deputadas socialistas Carmen Montón e Susana Ros, que instaron o gabinete de Mariano Rajoy a aclarar "por que considera o Goberno casual e non violenica de xénero" o asasinato desta muller. O pasado día 19 o Boletín Oficial das Cortes publicaba a resposta e nela o Executivo defendeu a mesma versión por non existir un vínculo afectivo previo do militar coa súa vítima.
O Executivo xustifica a súa resposta en que non existía vínculo afectivo entre vítima e agresor
"Independentemente da súa cualificación xurídica ou policial, o Goberno e os seus membros lamentan e condenan todos os actos de violencia que se exercen contra as mulleres, así como a perda de calquera vida humana", comeza o documento, no que cualifica este asasinato de "lamentable feito". A continuación a resposta apóiase na lei integral contra a violencia de xénero do ano 2004 para definila como "manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder entre os homes sobre as mulles", exercida "sobre estas por parte de quen sexan ou fosen os seus cónxuxes ou de quen estean ou estivesen ligados e elas por relacións similares de afectividade, aínda sen convivencia".
Asasinatos silenciados nas estatísticas
O silenciamento dos asasinatos de mulleres que exercen a prostitución foi advertido en numerosas ocasións polos movementos feministas. Así, por exemplo, o pasado ano unha investigación desenvolvida por Feminicidio.net explicaba que entre 2010 e 2012 se produciran, cando menos, 20 destas agresións con resultado de morte contra prostitutas no Estado español. Destas 20 mortes 17 foron considerados "feminicidios por prostitución", 14 a mans de clientes e 3 cometidos polas parellas destas mulleres. Só un destes casos, advertían daquela, fora recollido polas estatísticas oficiais de violencia machista.
Entre 2010 e 2012 foron asasinadas 20 mulleres que exercían a prostitución no Estado español
Nunha reportaxe elaborada polas xornalistas Ana Requena e Belén Picazo a coordinadora do informe, Graciela Atencio, chamaba daquela a atención sobre o feito de que "estes casos non están asumidos como un problema de violencia de xénero, como si sucede noutros países, sobre todo en América Latina". No caso español a prostitución está tan asumida "que non se cuestiona o seu consumo nin se ven estes casos dende a visión da violencia" e é común, ademais, que se produza un tratamento "amarelista" no caso de chegaren aos medios de comunicación.
Esta tampouco é a primeira ocasión na que o Goberno central provoca a polémica pola súa definición dunha agresión machista. Nada máis chegar ao Ministerio de Sanidade a súa máxima responsable, Ana Mato, sementaba a polémica ao definir como "violencia no entorno familiar" o asasinato dunha muller de Almería a mans da súa parella. Daquela aquelas declaracións valéranlle un bo número de críticas.