Feijóo mantén o seu dominio grazas a Baltar

Feijóo coa súa nai logo de ratificar a súa maioría absoluta Dominio Público PP de Galicia

Mesmo número de escanos pero máis votos e máis porcentaxe sobre o total que en 2012. Os seus case oito anos de goberno e os casos de suposta corrupción que arrodean o PP estatal e tamén galego non parecen ter debilitado a quen volverá ser por terceira vez presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Os seus 41 escanos están lonxe dos 43 que obtivo Manuel Fraga en 1993 na súa segunda candidatura, e perdeu uns 100.000 votos con respecto aos 790.000 cos que se fixo coa Xunta en 2009, pero as súas dificultades foron moito menores das que agoiraban os propios populares durante a campaña. Foi así fundamentalmente grazas a Ourense, onde o partido o controla José Manuel Baltar.

Os resultados do PP nestas autonómicas hai que analizalos tendo en conta que a provincia da Coruña gañou un escano a conta de Lugo polos cambios poboacionais rexistrados en ambas nos últimos catro anos. Na Coruña ese escano a maiores vai parar á esquerda, que suma 12, o que non impide que o PP siga a ter maioría cos mesmos 13 asentos que en 2012. O mesmo ocorre en Pontevedra, onde os populares manteñen os mesmos 11 deputados que en 2012 e repítese, como entón, a peculiariedade de que esta sexa a única provincia, precisamente na que Feijóo era cabeza de lista, na que a esquerda é quen de empatarlle á dereita. Así que é en Lugo onde os populares saen prexudicados pola perda de escanos da circunscrición e baixan de 9 a 8 deputados. Unha caída que compensan co incremento dun deputado en Ourense, onde o PP acapara 9 dos 14 deputados totais.

O PP de Ourense é o único que sube en escanos mentres que Pontevedra é a única provincia na que a esquerda logra empatarlle á dereita

Estes resultados prodúcense logo de que tanto Feijóo como o presidente estatal do PP, Mariano Rajoy, avalasen en persoa a Baltar, imputado por prevaricación e suborno por supostamente ofrecer traballo a cambio de sexo a un muller tamén investigada na mesma causa. Malia ese feito e as numerosas denuncias de caciquismo que pesan sobre a saga Baltar, en Ourense o PP supera lixeiramente os 90.000 votos que obtivo en 2012, pero dispara catro puntos a súa porcentaxe sobre o total ao pasar do 49,17% de hai catro anos a máis do 53% agora. Con este resultado, Baltar ve incrementado o seu peso no PP de Galicia logo dunha campaña na que el mesmo salientou ante Feijóo e Rajoy o poder que xa acumulaba o partido provincial.  Porén, o voto emigrante aínda podería dar a volta á situación xa que o último escano en xogo na circunscrición teno actualmente o PP co PSdeG a pouco máis dun cento de votos de poderllo quitar. Se quere manter o noveno escano, no voto da emigración o PP de Ourense terá que obter tres veces máis votos que os socialistas, unha diferenza similar á que obtivo este domingo no voto en urna.

Por outra banda, estas eran as primeiras eleccións ás que se enfrontaba en persoa Feijóo tras coñecerse a súa amizade nos anos 90, cando era o número 2 da Consellería de Sanidade, co narcotraficante Marcial Dorado, cuestión na que a oposición fixo especial fincapé pero que o candidato despachou como un erro de xuventude.

Tampouco se cumpriu o mal agoiro que barallaban os populares de que os votos que puidesen escapárselles cara Ciudadanos acabasen facéndolles perder a maioría absoluta. A formación laranxa captou preto de 50.000 votos, uns 10.000 máis que os que sumaron en 2012 UpyD e o partido de Mario Conde (Sociedad Civil y Democracia), que agora non se presentaban e que tamén tentaban captar parte do electorado popular.

O resultado converte a Feijóo no único presidente autonómico con maioría absoluta e reforza a Rajoy logo de envorcarse na campaña galega

En clave estatal, Feijóo ve reforzada aínda máis a súa posición no PP ao converterse no único presidente autonómico que gobernará con maioría absoluta. Ao tempo, o resultado serviríalle a Rajoy para reforzarse internamente, igual que en 2009, cando tamén se envorcara na campaña galega. En clave parlamentaria, nos últimos días había incluso quen, nas filas do PP, esperaba que a maioría absoluta que xa daban por feita non fose moito maior para evitar que os seus deputados se excedesen aínda máis que na pasada lexislatura nas súas formas por veces soberbias. Se é ou non así comezarase a comprobar o venres 21 de outubro, cando se constituirá o Parlamento de Galicia da décima lexislatura.

Baltar e Rajoy durante esta campaña electoral Dominio Público @ManuelBaltar

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.