"Igual que o Goberno alemán pode salvar empresas estratéxicas para o seu país a través da nacionalización, un goberno presidido polo BNG apostará pola nacionalización de Alcoa tanto na Coruña como en San CIbrao". A portavoz nacional e candidata do Bloque á presidencia, Ana Pontón, presentou este mércores a candidatura da formación pola provincia coruñesa, que ela mesma encabeza. O acto estivo marcado pola crise do coronavirus -á hora, por exemplo, de gardar a distancia entre os membros da lista-, pero tamén pola crise das factorías de aluminio que nos últimos anos foron da americana Alcoa na propia cidade da Coruña e tamén en San Cibrao.
"O BNG propón unha intervención como a que está facendo a chanceler Merkel en Alemaña con Lufthansa para salvar a produción estratéxica de aluminio e o emprego"
"Hai tres meses participaba nun acto similiar" para presentar a candidatura do BNG pola Coruña ás eleccións de abril que non chegaron a celebrarse, lembrou Pontón. "Dende aquela a covid-19 mudou moitas cousas, pero hai cuestións que non mudaron", sinala. Unha delas, cre, é que "o cambio galego é máis urxente ca nunca". A outra, que "Galiza precisa un goberno que defenda o país, como se demostra nos casos" das dúas plantas industriais que foran da antiga Inespal e despois de Alcoa, a actual Alu Ibérica da Coruña e as factorías de San Cibrao.
"Reivindicamos que temos dereito a producir e que hai que salvar o emprego" en ambas factorías e que "a única medida que pode garantir o futuro de ambas fábricas é a que propón o BNG, a nacionalización", sinalou Pontón. A proposta, sinala a candidata, non é nada que non suceda noutros lugares da propia Unión Europea. Trátase, resalta, dunha "intervención como a que está facendo a chanceler Angela Merkel en Alemaña con Lufthansa" e neste caso, trataríase de intervir para "salvar a produción estratéxica de aluminio" e o emprego do persoal.
Esa intervención das factorías que foran da pública Inespal ata a súa privatización por parte do Goberno de Aznar en 1998 sería a primeira das medidas, di Pontón, pero viría acompañada dunha "segunda pata", a "tarifa eléctrica galega para acabar co espolio enerxético do país". "Queremos usar a riqueza de Galiza para darlle futuro a esta terra e non para que se forren empresas e algúns e ex-presidentes como Aznar ou Felipe González".
Pontón destaca a recuperación dos terreos portuarios para uso público ou "a modernización das conexións ferroviarias con Ferrol" entre as propostas do Bloque para A Coruña cara ao 12X
Esta, asegura, sería boa mostra do "tempo novo" que ao seu xuízo viviría Galicia se o Goberno galego pasase a estar presidido polo BNG tras os comicios do 12 de xullo. "Se todas as persoas que queremos un cambio galego nos mobilizamos o 12X, o cambio será imparable", mantén. Ela, pola súa banda, asegura que "o BNG non vai fallar na defensa de Galiza" se recibe esa encomenda do vindeiro Parlamento.
Alén da cuestión de Alcoa, Pontón e Xosé Luís Rivas Mini, número dous da lista coruñesa do BNG, apuntaron outros aspectos do programa da formación para a cidade e a súa contorna. "O Goberno galego que aspiro a liderar quere poñer á Coruña no centro e o primeiro que precisa é recuperar o pulso industrial", pero tamén "dar unha solución aos terreos do Porto interior" para que "unha vez libres de usos portuarios, volvan ás mans da veciñanza", a recuperación da ría do Burgo ou "a modernización das conexións ferroviarias con Ferrol" mediante a posta en marcha do ente ferroviario galego, sinalou.