O Ministerio de Sanidade deu conta este sábado dun único novo diagnóstico de coronavirus nas últimas 24 horas en Galicia
A pandemia do coronavirus continúa nos seus niveis máis baixos dende a aparición dos primeiros casos en Galicia, detectados no país nos primeiros días de marzo pero algúns deles con síntomas dende comezos de febreiro, segundo a serie pública actualizada polo Ministerio de Sanidade. O departamento estatal dá conta este sábado de un novo diagnóstico da doenza nas últimas vinte e catro horas en Galicia, o que mantén a súa incidencia das últimas dúas semanas -casos novos por cada 100.000 habitantes- en niveis inferiores a 1 (0,78).
O Ministerio de Sanidade dá conta de apenas 21 diagnósticos novos en Galicia nos últimos 14 días, 10 deles na última semana. Destes 10, só 3 teñen sinalada como data de inicio de síntomas os últimos sete días.
A cifra de falecidas pola covid en Galicia mantense nas 619 persoas
O departamento estatal finalizou ademais o pasado venres a revisión dunha da serie de datos máis sensibles, a de falecementos. No caso galego, a dúbida estaba en unicamente dez casos, que o Sergas si contabilizaba pero que o Ministerio estaba a revisar. Agora ambas cifras coinciden: son 619 mortes ligadas á covid-19, tamén a este 20 de xuño e na última semana non se produciu ningunha. Son xa nove días seguidos sen falecementos, o período máis longo dende que se rexistrou o primeiro ligado ao coronavirus.
A Xunta, pola súa banda, segue informando en termos de "positivos activos" e sen ofrecer cifras acumuladas da pandemia en Galicia agás para as que denomina como "curacións", que medran en doce casos e chegan ás 10.530, 22 máis que a xornada anterior, mentres os os "positivos activos" son un menos, quedando en 340. Non obstante, os datos por áreas sanitarias indican que na da Coruña hai un positivo máis, pasando de 109 a 110.
No que atinxe ás hospitalizacións, o Sergas informa de que o total de persoas hospitalizadas con test positivo da covid-19 son 6, igual que o venres, ningunha delas na UCI.
Por áreas sanitarias, as variacións son escasas. Dos 340 positivos que hai en Galicia, 141 corresponden á área de Vigo --igual que o venres--; 110 á da Coruña --un máis--; 28 á de Santiago --un menos--; 24 á de Ourense --mantense igual--; 17 á de Lugo --tamén os mesmos--; 12 á de Ferrol --igual quena xornada anterior-- e oito á de Pontevedra --un menos--.