O Sergas informa de que detectou o brote na tarde deste martes e xa rastrexou a unhas 40 persoas relacionadas con el
O Sergas vén de informar a última hora da tarde deste mércores da detección no concello de Xove dun brote de coronavirus con oito casos positivos ata o momento, “todos eles pertencentes ao círculo familiar no que se rexistrou o primeiro caso”. O brote súmase ao de Ribeira, comunicado pola Xunta o domingo e que se mantén con nove positivos e 95 persoas en corentena.
A información sobre o brote na Mariña lucense fíxoa pública o Sergas pola tarde, tras informar pola mañá dunha redución en toda Galicia na última xornada de catro “casos activos” de coronavirus, como os denomina a Xunta, ata un total de 331, e coñecer a través dos datos do Ministerio de Sanidade que nesa mesma última xornada só se rexistraran tres novos diagnósticos. Segundo o propio Sergas o brote de Xove “detectouse onte pola tarde” e “a partir desta confirmación fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada”.
Dos oito casos positivos a maioría son asintomáticos, agás dous que presentan sintomatoloxía de carácter leve, segundo o Sergas
“Neste momento, dos oito casos positivos a maioría son asintomáticos, agás dous que presentan sintomatoloxía de carácter leve, máis teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días”. Tamén permanecerán en seguimento no seu domicilio as persoas que deron positivo, ao tempo que Sanidade sinala que leva rastrexado ata o momento “a unhas 40 persoas relacionadas con este brote familiar e séguense a investigar posibles contactos”.