Galicia rexistrou tres novos diagnósticos de coronavirus este martes, segundo os datos que vén de facer públicos o Ministerio de Sanidade. Estes tres novos positivos elevan a 15 a conta de casos detectados na última semana e a 24 os rexistrados nas últimas dúas semanas.
A incidencia acumulada nos últimos mantense por debaixo de 1 caso por cada 100.000 habitantes (0,89), unha cifra que só é menor en Asturias e que se sitúa moi lonxe da media española (7,93). Madrid, Cataluña, as dúas Castelas, Navarra e Aragón son as comunidades cun maior número de novos positivos nos últimos días.
O aspecto que máis preocupa nestes momentos en Galicia é o foco detectado hai uns días no Barbanza. De momento, a situación mantense controlada, cos mesmos 9 positivos en Ribeira e A Pobra do Caramiñal, con 95 persoas postas en corentena. De momento, todas as probas PCR realizadas este martes resultaron negativas.
O Goberno galego ofrece o dato de 'casos activos', que este mércores se reduce a 331, catro menos que onte, nunha nova xornada sen falecementos, que se manteñen en 619. Nos últimos 13 días non se rexistraron novas mortes por coronavirus en Galicia.
A estatística do Sergas eleva o número de 'casos resoltos' en doce (de 10.542 a 10.554), polo que a cifra total de positivos acumulados se incrementa en 8 no último día.
A maior parte deses 331 casos activos de coronavirus atópanse nos seus domicilios, sen síntomas de importancia. Tan só 4 pacientes están ingresados nos hospitais galegos e ningún deles nas UCI.
Dos 331 casos activos, 108 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 21 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 135 da área de Vigo, 31 da de Santiago, e 11 da de Ferrol. As áreas de Vigo e A Coruña suman 7 de cada 10 casos activos en Galicia