O brote de coronavirus da Mariña segue sumando casos pero, segundo o Sergas, o ritmo de positivos detectados tende a baixar. Segundo a Consellería de Sanidade, durante a xornada do sábado realizou 135 probas PCR "a persoas relacionadas con este brote" e catro delas deron positivo. Dado que o total acumulado de persoas afectadas polo abrollo da covid-19 chega a 217 e que Sanidade especifica que deu cinco altas máis, o número de positivos novos sería de catro, con 32 persoas de alta e outras 185 consideradas "positivos activos".
Esas 135 PCR realizáronse nunha xornada na que, segundo o propio Sergas, o total destas probas foron 3.255 en toda Galicia, cun nivel semellante ao dos días do pico da pandemia. No caso da Mariña, indica, van feitas unhas 3.480 "vencelladas ao brote".
Dos datos publicados polo Sergas cabe calcular que rexistrou oito casos novos en toda Galicia
A Xunta actualiza estes datos nunha xornada na que, segundo a propia Consellería, os denominados "positivos activos" pasan de 259 a 256 en toda Galicia e o que denomina como "curacións" aumentan en 14, ata 10.940, o que implicaría a incorporación de oito casos novos en todo o país. No caso da área de Lugo, que inclúe á Mariña, o número de casos "activos" pasa de 203 a 199.
Esa baixada de "activos" isto non implica que non houbese diagnósticos novos. Segundo o Sergas, foron os devanditos catro na Mariña. Deste xeito, os "activos" no resto da provincia terían que ser 14. Non é posible saber se houbo máis casos novos en concellos da provincia de Lugo alleos á Mariña, porque a Xunta non ofrece este tipo de datos.
Dado que a diminución de casos activos, por áreas, é de ata 8 (-4 en Lugo, -3 na Coruña, -1 en Ourense), a diferenza entre esa diminución e o aumento de curacións -catorce máis- é de 5 casos. Para que os datos cadren, tres desas cinco "curacións" terían que ser da provincia de Lugo. Así e todo, os datos do parte do Sergas impiden, como adoito, saber onde se sitúan eses cinco casos e cal é a súa influencia no dato de novos positivos por áreas sanitarias.