A Xunta suma 4 novos casos de coronavirus na Mariña e 24 no resto de Galicia

Burela, na imaxe, onde están a gran maioría dos casos rexistrados, permanece illada do resto da Mariña, na que este sábado entraron en vigor as novas medidas ditadas pola Xunta CC-BY-SA Praza Pública

O Sergas informa de que na costa lucense hai 186 “casos activos” mentres no global da provincia a cifra pasa na última xornada de 196 a 203, cifra da que se baixara o 5 de maio

Segundo os datos divulgados este sábado pola Xunta, o brote de coronavirus na Mariña lucense segue acumulando novos casos pero a menor ritmo que en días pasados, con só catro máis na última xornada. Pero tamén o resto de Galicia segue a rexistralos, con 24 casos de coronavirus sumados no último parte diario á cifra total rexistrada desde o comezo da pandemia, aínda que parte deles poderían estar xa curados mentres que cando menos dez detectáronse con seguridade na última xornada. Os datos que facilita a Xunta, sen unha serie histórica, impiden concretar máis a análise do que está a suceder.

Na Mariña o Goberno galego non informa este sábado de novas altas e si de que "no día de onte realizáronse 144 PCR a persoas relacionadas con este brote, das que catro arroxaron resultado positivo", polo que os “casos activos” na zona son xa 186 mentres que no conxunto da provincia de Lugo veñen de pasar na última xornada de 196 a 203, superando así a barreira dos douscentos da que nesa área sanitaria se baixara o 5 de maio.

Parte dos novos casos sumados ao total da pandemia en Galicia poderían estar xa curados mentres que cando menos 10 detectáronse con seguridade na última xornada, pero os datos que facilita a Xunta, sen serie histórica, impiden concretar máis o que sucede

No total de Galicia, a Xunta informa este sábado dun total de 259 “casos activos”, os mesmos que un día antes, pero aumenta as “curacións” en 28, polo que 28 é tamén o mesmo número de casos sumados á pandemia -que non quere dicir rexistrados, xa que a Xunta non ofrece o dato de novos positivos- na última xornada en todo o país, onde se fixeron preto de 2.600 novas probas de PCR. Por áreas sanitarias, os casos activos baixan de 25 a 22 na Coruña, de 16 a 10 en Vigo e de 2 a 1 en Ferrol, mantéñense nos mesmos casos as de Pontevedra (4) e Santiago (14) e aumentan de 196 a 203 a de Lugo e de 2 a 5 a de Ourense, unha provincia na que o aumento atribúese a que nas últimas horas deron positivo varias persoas relacionadas coa muller procedente de México que xa o dera hai uns días en Beariz. 

A falta de datos máis precisos que non facilita a Xunta, a diferenza entre curacións e aumentos de casos podería deberse a que o Goberno galego incorpora agora altas de persoas que non foran previamente rexistradas como casos activos. Porén, os aumentos dos casos activos rexistrados en Lugo e Ourense permite certificar que cando menos 10 deses 28 novos casos incorporados ao total si se rexistraron na última xornada e están activos.

Canto ao tipo de atención que requiren os doentes, só unha persoa está en coidados intensivos, un home que chegou esta semana a Vigo en autobús desde Madrid e que obriga a ter en corentena aos seus compañeiros de viaxe. A hospitalización ordinaria baixa na última xornada de 7 a 3 casos, mentres os restantes 255 casos activos están a seguimento nos seus domicilios.

Nas residencias, o único caso activo é o dunha persoa traballadora nun centro da Mariña

Nas residencias, o único caso activo é o da persoa traballadora nun centro da Mariña cuxo positivo foi detectado o mércores unha hora e media despois de entrar ao seu posto, segundo informou o xoves o presidente Feijóo, o que obrigou a illar a varios residentes. Porén, ningunha residencia de Galicia rexistra actualmente ningún caso activo entre os seus residentes.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.