A cifra de novos casos diarios do coronavirus en Galicia tende a unha relativa estabilidade. Os datos difundidos este 11 de setembro pola Consellería de Sanidade, correspondentes á xornada previa, indican que o número de casos "activos" da COVID-19 en Galicia é de 4.361, tres menos que a xornada anterior polo efecto do alto número de altas de pacientes que deran positivo nas últimas semanas, 236 para un total de 14.670 "curacións".
Galicia rexistrou catro novos falecementos ligados á pandemia que elevan o total a 676
Dado que se produciron tamén catro novos falecementos nas últimas vinte e catro horas, o número de novos casos -dato que a Xunta non facilita directamente- é de 243. Este dato mantén a media semanal de casos diarios na contorna dos 250 nunha xornada no que o dato máis salientable é o aparente incremento de pacientes coa COVID-19 que requiren atención hospitalaria.
Unha das falecidas vivía na residencia DomusVi de Outeiro de Rei, que mantén 142 persoas usuarias infectadas
As catro persoas falecidas na última xornada elevan o total de mortes ligadas á pandemia en Galicia a 676. Unha delas, unha muller de 89 anos, estaba ingresada no hospital Lucus Augusti de Lugo e vivía na residencia DomusVi de Outeiro de Rei, a que sofre o maior brote nunha instalación deste tipo en Galicia dende o comezo da pandemia e na que actualmente hai 142 persoas usuarias infectadas.
Outra das persoas falecidas, tamén en Lugo, foi un home de 73 anos ingresado no hospital privado Polusa. Os outros dous falecementos rexistrados, segundo indica o Sergas, foron unha muller de 80 anos en Ourense, hospitalizada no CHUO, e mais un paciente de 77 que permanecía ingresado no hospital da Coruña.
Casi unha vintena máis de persoas hospitalizadas
A hospitalización é, precisamente, un dos indicadores que destaca nos datos da COVID-19 en Galicia nesta xornada. As persoas ingresadas con test positivo son agora 227, dezaoito máis que o día anterior. Isto non quere dicir -necesariamente- que se rexistrasen só 18 novas hospitalizacións, xa que parte das altas poden corresponderse con persoas hospitalizadas e, ademais, as persoas ingresadas coa COVID-19 que pasan a dar negativo pasan a figurar como "curadas" na estatística de Sanidade aínda que continúen no hospital.
O incremento no número de persoas que precisan atención na UCI por este motivo é de só unha -agora son 26-. As restantes 201 están en unidades de hospitalización ordinaria. Algo máis da cuarta parte dos pacientes ingresados con test positivo están na área sanitaria da Coruña, cun total de 62, segundo confirman dende o CHUAC.
O número de novos casos diarios é semellante ao de abril, pero as cifras de hospitalizacións son, polo momento, moito menores
A hospitalización, malia estar en máximos desta segunda vaga da pandemia en Galicia e presentar unha certa tendencia á alza, está lonxe da acadada na primeira vaga, os pasados marzo e abril. Daquela chegaron a superarse as mil persoas con test positivo da COVID-19 ingresadas nos hospitais galegos.
Isto acontece aínda que o número de novos casos detectados cada día si é semellante ao do pasado abril -arredor de 250 por xornada- e aínda que a cifra de probas PCR ao día está por riba das daqueles días: na última xornada foron 4.732, o que implica que os novos casos detectados equivalen ao 5,9% das probas PCR feitas no día, un indicador máis próximo que en días anteriores ao limiar do 5% fixado pola OMS para dar a pandemia por controlada nun territorio.
Restricións en seis concellos máis
Estes son os datos dunha xornada na que a Consellería de Sanidade decidiu abrir a man con pubs e discotecas, permitíndolles reabrir as súas terrazas tras o peche xeral do sector en todo o Estado para frear contaxios, pero no que a Xunta tamén decidiu aplicar restricións pola pandemia en seis concellos máis. Dende as cero horas deste sábado, 11 de setembro, medidas como a limitación de xuntanzas públicas e privadas a dez persoas ou a diminución da capacidade en bares e comercios ao 50% aplicaranse tamén en Laxe, Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa e Poio.
Deste xeito, agora son 14 os concellos afectados por estas medidas. Entre eles, o da Coruña, onde as restricións continúan só nalgúns barrios.
A Xunta sinala que estas medidas se deben á intención de "acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios". Non obstante, o Goberno galego segue sen publicar os datos da evolución da pandemia por concellos ou comarcas, polo que non indica que variacións epidemiolóxicas se produciron nos últimos días nestes municipios.
"Activos" por área sanitaria
A única información relativa á evolución por territorios que a Xunta si ofrece é a do número de "positivos activos" por áreas sanitarias. Neste indicador, o maior incremento da xornada é o da área de Santiago-Barbanza (+31), seguido de Vigo (+16) e Pontevedra (+11). Na área con máis casos "activos" en termos absolutos, a da Coruña-Cee, prodúcese unha lixeira baixada (-4) a causa do elevado número de altas (82), segundo informa o hospital, polo que os casos novos nesa contorna roldan os 75. A área con maior incidencia neste indicador segue sendo a de Lugo, con algo máis de 268 casos activos por cada 100.000 habitantes.